Románico

Pantón

As igrexas románicas de Pantón pertenceron a mosteiros que tiveron a súa orixe na Idade Media. A situación xeográfica deste concello, bañado polos ríos Cabe, Miño e Sil, favoreceu os asentamentos relixiosos no seu territorio. Son na súa maioría de pequeno tamaño, pero conservan unha gran riqueza escultórica e importantes pinturas murais.
De tódolos mosteiros medievais, só perdurou a vida relixiosa activa no mosteiro cisterciense do Divino Salvador de Ferreira de Pantón.

Los ríos –el Sil, el Cabe, el Miño- pasan pero la tierra permanece. Esta es tierra benedictina, parcela preciosa de la Ribeira Sagrada: Santa María de Ferreira, San Miguel de Eiré, Santo Estevo de Atán, San Vicente de Pombeiro, San Fiz de Cangas. Aquí fueron las dulces abadesas de antaño: vienen los féminos nombres, como flores coloradas, en las donaciones de antaño: Ximena, abadesa de Ferreira, Aldonza, abadesa de Eiré, y doña Elvira, abadesa de San Fiz ”Mais oú sont les neiges de Atán” ¿Donde están, Virgen soberana? Acaso en la noche, sumergiéndose en el enorme silencio como la redonda luna en las aguas del Miño, sin romperlo ni mancharlo, oís las cristalinas voces del tiempo pasado en Ferreira de Pantón, si os acercáis a la clausura bernarda, junto a las voces de las monjas de divinas palabras; solamente una monótona salmodia lejana. El gregoriano es como un mar y en él, como olas que van y vienen, comunal destino, se pierden los labios y
los nombres: Aldonza, Ximena, Elvira..

 “Julio en la Ribeira Sagrada”, en El pasajero en Galicia.

       Álvaro Cunqueiro

Mosteiro Cisterciense do Divino Salvador

Pertenceu en orixe á orde beneditina e foi incorporado á orde cisterciense a finais do século XII. As relixiosas que continúan a manter vida activa neste mosteiro e seguindo a máxima de ora et labora centran a súa vida na oración e no traballo.
O recinto monástico está rodeado duns altos muros con acceso a través dunha ampla portada do século XVIII. No seu interior atopamos tres partes ben diferenciadas:
A igrexa: Románica do século XII, con planta de única nave rectangular e cabeceira semicircular, cuberta con bóveda de cascarón. O presbiterio está cuberto con bóveda de canón e nel aséntanse dous enterramentos do século XV pertencentes a nobres da familia López de Lemos.

No interior e no exterior da cabeceira sobresae a súa abondosa decoración escultórica. Capiteis e canzorros, de variados temas e coidada técnica, son un claro expoñente do simbolismo románico. 
A nave da igrexa cóbrese cun orixinal artesoado de madeira do século XVI, de clara influencia mudéxar. No seu interior destaca a imaxe dun Cristo Crucificado, realizada no século XVII en madeira policromada, que pertenceu a un dos antigos retablos barrocos.
Acaroadas ó muro sur hai unha pequena capela e a sancristía de construcción posterior á da igrexa.
No ano 1975 descubriuse, tapiada nunha das ventás do muro norte, unha imaxe románica en madeira policromada que representa a unha Virxe co Neno Xesús sobre os seus xeonllos. Está exposta nunha das dependencias do mosteiro xunto a
outra talla románica restaurada do Cristo Maxestade de Santa María de Ferreira.

 

Claustro: Construído no século XVI, de estilo renacentista con planta rectangular e organizado en dous corpos. A planta baixa realizada en granito con arcos de medio punto, columnas e capiteis de tradición clásica. A primeira planta é alintelada e
combina a pedra e a madeira. Nun lateral do claustro consérvase o enterramento da condesa Fronilde Fernández, dama que se encargou da anexión deste mosteiro á orde do Císter en 1175.

Dependencias barrocas: Realizadas no século XVIII correspóndense co resto do mosteiro. A fachada principal ten dous corpos e torre no extremo norte á que se engaden as dependencias da antiga hospedaxe.
Deste século é o espazo coñecido como “das donas”, antigas celas de relixiosas nobres. No seu tellado sobresaen oito orixinais chemineas.
O mosteiro posúe unha pequena hospedaxe acondicionada a finais do século XX e destinada a persoas que buscan un lugar diferente para o seu retiro ou estudo. Conta cunha tenda para a venda da repostería feita polas monxas.

HORARIO DE VISITAS: Tódolos días de 10:00 horas a 13:00 horas e de 16.00 horas a 18:30 horas. 

http://www.monasteriodeferreira.net/nuestro-monasterio

Paramos un momento en Pantón y entramos en el patio de un
convento. No hay nadie; reina el silencio y la soledad.
                           Pio Baroja, Reportajes

San Miguel de Eiré

Formou parte dun mosteiro feminino da orde beneditina, A primeira documentación
relacionada con este mosteiro está datada no século X.
Sufriu a reforma dos mosteiros que, no século XV, obrigou as monxas desta orde a trasladarse ó mosteiro de San Paio de Antealtares. A abadesa de Eiré e outras relixiosas da Ribeira Sacra encabezaron un acto de rebeldía ó non aceptaren o peche dos seus mosteiros. Finalmente víronse obrigadas a un abandono forzoso, que rematou no século XVI coa da vida monástica en Eiré.
A igrexa actual é románica do século XII. Unha ventá con arcos de ferradura que se conserva no seu interior dános conta dunha construción prerrománica.

A igrexa ten unha única nave con cuberta de madeira a dobre vertente e unha pequena nave transversal á xeito de cruceiro, sobre a que se asenta a torre-campanario que lle dá á construción aspecto de fortaleza. A súa cabeceira é semicircular con bóveda de cascarón, precedida dun tramo recto que se cobre con bóveda de canón.
Ó muro norte adosouse unha capela de orixe funeraria, que non conserva o teitume, pero si dous enterramentos.
San Miguel de Eiré sobresae pola variada temática na decoración de capiteis, canzorros, da porta norte e da pía bautismal. Conserva pinturas na bóveda da ábsida datada no século XV.
Foi igrexa parroquial ata o ano 1890. É monumento nacional dende o ano 1964.

Santo Estevo de Atán

Situada na beira esquerda do río Miño, a historia deste lugar
relaciónase coa repoboación do bispo Odoario no século VIII e cun enclave monástico.
Estudos arqueolóxicos realizados a finais do século XX refírense a diversas construcións que foron a base da igrexa actual. Os restos de pedras caladas prerrománicas conservados, e actualmente colocados na torre-campanario, son indicio dunha edificación anterior á igrexa conservada.
Foi construída a principios do século XIII e amosa unha única nave rectangular con cuberta de madeira a dobre vertente e cabeceira tamén rectangular.

Conserva unha importante decoración escultórica en canzorros e capiteis, e tamén moitas marcas de canteiro. Os elementos decorativos das portas norte e oeste, comúns a outras igrexas da Ribeira Sacra, están relacionados coa tradición do mestre Mateo.
No interior consérvanse pinturas murais dos séculos XV e XVI.
Foi declarada monumento nacional no ano 1975.

San Vicente de Pombeiro

A igrexa está situada na beira dereita do río Sil nun lugar de natureza privilexiada preto do río Miño, onde houbo un asentamento eremítico do que se conservan os sartegos antropomorfos do Preguntoiro.
Pertenceu a un mosteiro beneditino adscrito á reforma cluniacense. A principios do século XVI foi incorporado ó veciño mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
A súa igrexa, con planta basilical de tres naves de grande altura, con cuberta de madeira e cabeceira con tres ábsidas semicirculares, foi consruída nos primeiros anos do século XIII.

Presenta tres portas de acceso con arco apuntado. A fachada principal complétase cun campanario e cun tornachuvias de esmerada decoración.
No seu interior locen varios retablos entre os que sobresae o da capela central, barroco, de gran tamaño e fermosura. As pinturas
murais son dos séculos XV e XVI.
Próxima á igrexa está a reitoral, reformada no século XVIII, cun escudo relacionado co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

San Fiz de Cangas

Pertenceu a un mosteiro de monxas bieitas. A vida monástica perdurou en San Fiz ata a reforma de finais do século XV, en que as relixiosas desta orde en Galicia foron trasladadas ó mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago.
A igrexa é moi orixinal na súa estrutura arquitectónica. A súa construción data de finais do século XII e primeiros anos do XIII. Sufriu importantes reformas posteriores.
Ten planta basilical de única nave, cruceiro e cabeceira con tres ábsidas. A da esquerda foi modificada no século XVII e convertida en capela dos señores de Torre Novaes. Nela destaca o sartego do cabaleiro don Rodrigo López de Quiroga.

Conserva dous retablos do século XVIII, con esculturas de santos e santas relacionados coa orde beneditina. Relacionado coa igrexa consérvase un calvario do século XIV, composto polas figuras de Cristo crucificado, a Virxe e san Xoán, realizado en madeira policromada. O conxunto orixinal atópase na actualidade no Museo de Arte Sacra das Madres Clarisas de Monforte de Lemos. A copia, de gran fidelidade, exponse nun pequeno recinto preto da igrexa románica.
A igrexa de San Fiz de Cangas foi declarada monumento nacional no ano 1981.

gl_ESGalego