Pregón XXX Mostra do Viño da Ribeira Sacra de Pantón

Señor alcalde, concelleiros e concelleiras, corporación municipal do Excmo. Concello de Pantón, autoridades, adegueiros, viticultores, veciños e veciñas deste concello, amigas e amigos visitantes, señoras e señores.
É para min unha honra inmensa estar hoxe aquí pregoando esta Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, unha das de maior proxección de toda Galicia, especialmente desde o ano 2022, cando foi declarada de Interese Turístico Galego.
Pero a súa longa historia comezou a escribirse, como sabemos, no ano 1994 pola necesidade de dar a coñecer os viñas desta zona que carecían dunha comercialización adecuada daquela. Quen lle ía dicir a aquel grupo de persoas que tanto traballaron co apoio do que era alcalde aquel ano, José Ledo López, que esta Mostra ía ter a importancia que hoxe ten, e que os viños desta terra ían chegar tan lonxe !
Porque desde aquela primeira edición, os viños de aquí non deixaron de traspasar fronteiras para venderse tamén fóra de Galicia.
Os viños da Ribeira Sacra de Pantón xa son coñecidos e apreciados por España adiante, en diversos países de Europa, en América Latina e ata nos Estados Unidos, onde agora toca seguir loitando contra os aranceis de Donald Trump. Oxalá entren tamén pola gorxa do presidente americano e, sobre todo, na súa cabeza, para que se lle aclaren as ideas e vexa a vida con máis humor e menos amargura, algo que un bo viño, como o de Pantón, pode conseguir ata nas mentes máis retrógradas. Por iso lle digo desde aquí ó señor presidente dos EEUU que sitúe no mapa esta marabillosa Ribeira Sacra, que vai ser, máis pronto que tarde, Patrimonio da Humanidade, pola súa beleza incomparable, pero tamén pola calidade dos seus viñas. Ben sei que non se fixo o mel para a boca do asno, pero, fágame caso, señor presidente, e bótelle un gro lo. Pro be o viño desta terra e verá como lle cambia a vida. Xa verá como acaba facendo máis o amor e menos a guerra. Dígollo sen acritude, polo seu ben, polo da súa Melania, e sobre todo, polo mundo enteiro. Aprenda a valorar os pequenos praceres da vida. Viva e, sobre todo, señor presidente dos EEUU, deixe vivir.
E falando dos pequenos praceres, que mellor que socializar e compartir a vida cun bo viño, como o que ternos nesta Ribeira Sacra de Pantón! Como estamos facendo hoxe nesta Mostra que cumpre 30 anos. E os que lle quedan por cumprir! Porque estou seguro de que a súa vida vai ser moi longa, tendo en conta a boa saúde da que goza e o persoal que traballa con tanto cariño e dedicación para que así sexa. Non hai dúbida de que o éxito e o futuro están asegurados.
Unha Mostra da que son embaixador oficioso desde que souben da súa existencia; porque da calidade dos seus viños xa sabía hai moitísimo te1npo. Cando un é consciente de que xa ten máis pasado que futuro pode recordar moitas cousas e escoller sempre o que máis lle convén porque ten experiencia para facelo. Por iso podo dicir que predico co exemplo, mercando e consumindo viño da Ribeira Sacra de Pantón.
Unha das citas máis importantes que teño marcada na miña axenda é o día no que veño aquí mercar viño cun grupo de amigos da Costa da Morte. Para min é un dos días máis importantes do ano e non só pola calidade do viño que levo, senón pola sensación de tranquilidade, relax e desconexión que sinto. É como se de súpeto o meu reloxo biolóxico se movese máis lento e a vida tivese outro sentido en contacto coa natureza no medio desta paisaxe incomparable.
Non me dá chegado o día 25 deste mes para volver aquí e levar á casa unha pequeniña parte da colleita deste ano, mercada nunha das nove adegas que participan nesta edición da Mostra de Viños. Grazas a elas o viño de Pantón segue tendo sona, prestixio e unha festa con trinta anos de historia, que se di moi pronto.
Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, -Saíñas, Don Ventura e Corzoás.
Grazas pola vosa participación na Mostra e polo voso traballo,. agradecemento que fago extensible a tódolos viticultores. Grazas ó seu esforzo estamos celebrando hoxe a existencia dun viño extraordinario.
Eu merco nunha destas adegas por casualidade, por circunstancias da vida e porque non podo mercar en todas. Pero estou seguro de que todas elas producen un viño exquisito e de máxima calidade. Un viño que vai madurando a carón de tres ríos cheos de vida, o Miño, o Sil e o Cabe. Que é tratado con esmero e cariño por uns adegueiros e viticultores cada vez máis especializados, que saben como conseguir o mellor dunhas vides dificiles de traballar pola súa orografia pero moi xenerosas polo clima e a terra na que habitan. Valoremos pois o traballo e a experiencia da xente que vendima cada ano con esforzo e compromiso con esta paisaxe, unha das máis fermosas do mundo enteiro. Animémolos a seguiren traballando para que outros moitos poidamos gozar da calidade destes caldos da Ribeira Sacra de Pantón, que seguen gañando sona e prestixio polo mundo adiante. Que seguen evolucionando e mellorando co paso do tempo sen renunciar á súa longa historia. Porque a historia deste viño vén de moi lonxe. A mención máis antiga que se coñece do viño da Ribeira Sacra non está relacionada co Amandi, senón con Pantón.
Segundo indica o historiador Anselmo López Carreira, esta noticia figura no documento de fundación do mosteiro de Santo Estevo de Atán, un documento datado no ano 816, onde se di que o cenobio contaba con vides e maceiras.
Iso explica por que daquela facían as grandes obras en pedra que aínda hoxe vemos por aquí (mosteiros, pontes, igrexas … ) Claro, que presa tiñan por acabalas, se viño non lles faltaba!
Non eran parvos os romanos, non. Hai quen pensa que facían as pontes para comunicar mellor o territorio, pero non era así. Era para chegar ó viño moito antes, porque, se non, tiñan que dar moita volta e non daban feito. Iso si, traballar, hai que recoñecer que traballaban ben, algo dificil de entender, porque seguro que non vían o sol claro en todo o día. Por iso falaban con Baco. Seguramente sería para distinguir o branco do tinto.
A verdade é que a Baco, o deus do viño aquí tíñano ben cerca porque xa estaba no paraíso. Onde ía estar senón! Aquí estivo, está e estará o paraíso do bo viño. Por iso vos digo, viva o viño da Ribeira Sacra de Pantón!
Desde que descubrín o viño da Ribeira Sacra de Pantón, deixei de buscar porque me decatei de que xa atopara o que buscaba. Bendito o día no que descubrín esta zona e este viño !
Un viño que hoxe teño o pracer de homenaxear e honrar como merece. Uns caldos que celebran como é debido a colleita deste ano que, polo que me din, vai ser moi boa. Un ano máis irnos ter un viño de calidade, cun carácter único, marcado polo clima, polos ríos e pola ardua orografia desta terra.
Un tinto aromático con arrecendo a froita vermella e cos sabores longos e equilibrados que lle achega a súa uva principal, a mencía. E un branco exquisito con aromas e gustos ben variados, entre os que destacan os godellos. Aínda que a treixadura e a albariña tamén lle dan un amplo espectro de perfis ós brancos desta Ribeira Sacra.
Pero, señoras e señores, Pantón é moito máis que un concello de bo viño. Ten outros moitos atractivos dos que pode presumir: unha magnífica gastronomía, con carnes de alta calidade e con peixes locais como a troita e, nalgúns casos, a anguía. Uns pratos exquisitos que podemos saborear nas casas de comidas, onde nos ofrecen os sabores típicos desta zona.
Un valioso patrimonio cun románico impresionante. Aquí podemos visitar importantes igrexas e mosteiros que datan dos séculos IX e X.
San Vicenzo de Pombeiro, Santo Estevo de Atán, San Miguel de Eiré, San Fiz de Cangas. O mosteiro de Santa María e o cisterciense do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, que segue en funcionamento desde o século X.
As rutas de sendeirismo que nos permiten gozar de paisaxes incomparables, do remanso dos ríos e da tranquilidade deste concello. Percorrendo esas rutas podemos ver marabillas como o Castro de Marce, a fervenza de Augacaída, San Cosmede, o Xanarteiro ou os miradoiros de Bazal, Pena Pombeira e A Cruz.
Aquí podemos gozar da natureza en estado puro, ó tempo que descubrimos os encantos deste territorio e da súa xente, xente amable e hospitalaria que lle ofrece ó visitante o mellor do que ten, que non é pouco. Calidade e, sobre todo, cantidade. Que non falte fartura, que estamos en Galicia, que non se diga!
Porque os galegos somos xente de traballo, pero, cando nos sentamos a comer, queremos abundancia. As máquinas non traballan sen combustible e nós, como as boas máquinas, tampouco. Para nós a comida é sagrada. Comer e beber ben é unha relixión. Podemos prescindir de moitas cousas, pero na mesa ten que haber fartura. Non podemos entender o traballo nin a vida sen comer ben. E xa non digamos, se ternos invitados. Como van marchar con fame! Quedaríanos un trauma insuperable!
Todo o mundo sabe que en Galicia se come moi ben e que somos unha potencia en turismo gastronómico, aínda que os médicos nos manden gardar a boca. Sempre lles levou moita idea privarnos do que máis nos gusta. Sempre están coa mesma cantilena: comer en exceso é malo, beber en exceso é malo. Pero de traballar en exceso nunca nos din nada. E, cando nos queixamos un pouco, aplícannos a coñecida receita de menos prato e máis zapato. Comer menos e andar máis. Pero iso de que nos vale? Con esa receita podemos vivir máis anos, si. Pero a vida váisenos facer moi longa!
Así que, comamos e bebamos como galegos e que ninguén nos quite os pequenos praceres da vida, que será o que levemos deste mundo.
Aínda que algo de razón teñen os médicos porque hoxe en día debemos controlamos moito para evitar os problemas típicos dos tempos de fartura. Antigamente, a xente non sabía de colesterol nin de farrapos de gaita porque os excesos non eran tantos e os poucos que había pronto se queimaban co mango do sacho, da legaña ou doutras ferramentas das que agora fuximos porque disque nos causan alerxia, aínda que iso non está cientificamente demostrado.
Polo tanto, como queimamos poucas calorías, ternos que comer e beber ben. Con moderación, pero ben.
En fin, que vos vou contar que vós non saibades!, se tendes os mellores produtos da natureza regados por un dos mellares viños do mundo, como podemos comprobar hoxe nesta Mostra, que, un ano máis, reúne milleiros de persoas con máis ganas de xolda que de leria. Así que xa vou rematando o pregón prometéndovos volver para gozar dos encantos desta marabillosa Ribeira Sacra e afastarme do mundanal ruído, que cada vez me molesta máis. Supoño que será pola idade ou pola experiencia que nos dan os anos para valorar o que outros non saben, non queren ou non poden palas circunstancias persoais.
Valoremos pois a tranquilidade da vida neste rural que está pedindo axuda para non morrer tristemente abandonado. Escoitemos a súa voz e pidamos, como dicía Cunqueiro, mil primaveras máis para os nosos lugares e aldeas. Mil primaveras máis para a Galicia rural e para esta marabillosa Ribeira Sacra, patrimonio de Galicia e do mundo enteiro !
E xa emprendo a despedida
contento e agradecido
por tan bonita acollida
que humildemente recibo
por pregoar neste día
o meu viño preferido
Viva o viño de Pantón,
sexa branco, sexa tinto
ou rosado, está moi bo.
Porque é un viño distinto
porque non ten parangón
co seu sabor exquisito
co seu aroma e color!
Bendita Mostra do viño
que é festa ben animada
que con traballo e cariño,
con alegría a esgalla a
nima ós que aquí vimos
co afán de promocionala.
Hoxe cumpre trinta anos
e outros moitos que a agardan!
Longa vida desexamos
a cantos nela traballan,
e ós que de fora chegamos
con ganas de carallada,
saúde para que veñamos
cada ano nestas datas
a gozar dos seu encantos
e desta Ribeira Sacra.
E por hoxe máis non falo
que xa está ben de palabra
deixemos que sexa o viño
protagonista de gala
e así homenaxealo
nesta festa tan soada.
Festa de moito coidado
e moi ben organizada.
Un feliz día teñamos
nesta bonita xomada.
F oi un pracer saudarvos
e con esta me despido,
moitas grazas quero darvos
polo trato recibido.
Agardo non defraudarvos
porque con moito cariño
. .
uns vivas quero enviarvos
para con forza dicirvos:
Viva o viño de Pantón!
Vivan os adegueiros!
Viva a organización!
Un viva para o concello !
Feliz Mostra do Viño da Ribeira Sacra de Pantón e grazas por escoitarme!
Marcial Mouzo Vidal
O 24 de maio Pantón homenaxea a Milagritos, unha vida dedicada á biblioteca
A Biblioteca Pública Municipal de Pantón inaugúrase no ano 1950. Ao fronte deste servizo cultural fundamental estivo desde o comezo, Milagros Pardo, a quen a veciñanza coñece como Milagritos.
Despois dunha vida destinada a axudar e colaborar co pobo, onde Milagritos prestou especial atención aos nenos e nenas para espertar neles o interese pola lectura, o Concello de Pantón e un grupo de veciños e veciñas prepáranlle unha homenaxe baixo o título, “A memoria entre libros tamén perdura”.
Así, o 24 de maio, o Concello de Pantón organiza a descuberta da placa co nome da homenaxeada, como agora pasa a chamarse a Biblioteca Pública Municipal de Pantón. O acto celebrarase ás 13:00h. na Praza do Concello.
O alcalde, José Luis Álvarez, destaca da homenaxeada a implicación no traballo, “Preguntáballes aos nenos/as e usuarios/as por autores e libros para ampliar o fondo bibliotecario. Poñíase en contacto cos mestres para mandar os libros ás aldeas onde había sempre unha escola unitaria. Mandaba por eles os libros e cada fin de semana, os mestres devolvíanos”.
“Sen ter estudos de biblioteconomía foi unha adiantada ao seu tempo, todo o fondo bibliotecario está organizado a man por ela”, asegura Javier González, técnico de Cultura en Pantón e un dos veciños promotores da homenaxe. Neste caso organizan unha comida no restaurante Don Manuel a partir das 14:15h do día 24. A retirada de invitacións para participar do xantar pódese facer ata o 20 de maio na Casa da Cultura, no supermercado Chimpa e no supermercado Maribel.
“Este recoñecemento é necesario pola vida de traballo e coidado desinteresado de Milagritos. Aos 4 anos eu xa estaba na biblioteca con ela, contaxioume o interese pola lectura. Vina axudar a nenos/as que non sabían aínda ler, sentados nunha mesa comezáballes a contar historias diante dun libro facendo debuxos. Axudou a moitos/as nenos/as para a catequese. Moitas xeracións pasaron por ela, coñecemos a Tintín e aos Cinco grazas a Milagritos”, explica Javier González.
A homenaxe do 24 de maio será unha xornada de festa e celebración da cultura e da atención ás persoas. Un recoñecemento a unha vida dedicada á biblioteca. González destaca, “Unha persoa así vai ser irrepetible. Todo vitalidade, autodidacta total, a onde non chegou botoulle imaxinación. Unha actitude incrible para contactar coa xente e traballar con libros”.
XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, do 9 ao 11 de maio

O Concello de Pantón celebra os días 9, 10 e 11 de maio, a XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que nesta edición achega importantes novidades tal e como se explicaba no acto de presentación da programación do que participaron o alcalde, José Luis Álvarez e concelleira, Cristina Domínguez.
As actividades da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón déronse a coñecer nos xardíns do Castelo de Maside, un espazo idílico para anunciar que a cita festiva deste ano quere ofrecer aos visitantes, ademais dos viños das tres ribeiras, todo o municipio e os recursos paisaxísticos e patrimoniais, “Durante estes 3 días queremos presentar Pantón como unha experiencia, podendo gozar cos viños das nosas tres ribeiras e tamén do noso patrimonio cun románico espectacular e cunhas paisaxes sorprendentes. Queremos que a xente pense en Pantón como moito máis que viño”, aseguraba Domínguez.
Participan da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón 9 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás. Nesta ocasión cóntase cun días máis, comezando o venres, nesa xornada as casetas abriranse ás 19:00h e celebrarase a inauguración. A programación completa da XXX Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón é a seguinte:
Venres, 9 de maio:
- 19:00h Apertura das casetas no recinto feiral e cata maridaxe dirixida por Juanjo Figueroa, sumiller e presidente de AGASU, en colaboración con Manuel Fernández, xerente do restaurante Manuel Bistró e Vinosacra.
- 20:30h Inauguración XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón por dona María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural.
- 20:40h Actuación da charanga Louband e Tukupá Batukada
- 00:30 Actuación do grupo musical, Bafana Bafana
Sábado, 10 de maio:
- 12:00h Experiencia sensorial, “Cata Pantón, as tres ribeiras”, dirixida polo enólogo, David Pascual, en colaboración con Vinosacra
- 13:30h. Brinde Día Movemento Viño D.O. no campo da feira, brinde simultáneo en todas as D.O. de España.
- 14:30h. VIII Festa da Empanada no recinto do Castro.
- 23:00h. Música a cargo da Orquestra Galilea
Domingo, 11 de maio
- 12:00 Recepción de autoridades no recinto feiral
- 13:00 Pregón da XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a cargo de Don Marcial Mouzo Vidal, comunicador da TVG e da RTVG
- 19:00 Actuación da orquestra Gran Parada
As catas e experiencias sensoriais relacionadas con viños de Pantón serán outro punto forte desta edición onde a música terán tamén un protagonismo especial. Tanto o sábado como o domingo contarase ao longo de todo o día coa ambientación musical de charangas e batucadas, como Leña Verde e Baturruka Monforte. Para facilitar a participación da xente haberá servizo de autobús con Monforte e Escairón, un servizo cada vez máis demandado do que próximamente se darán a coñecer os horarios.
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, facía referencia ao carácter familiar desta cita que moita xente orixinaria de municipio aproveita para volver a visitar, “Nesta ocasión contaremos con 3 días de actividades ao redor do viño, ampliamos así a Mostra, atendendo á demanda das adegas. Pero Pantón é máis que viño, tamén somos auga co balneario, Augacaída ou os nosos tres ríos; somos románico, paisaxe, gastronomía, tradición e moita festa de amigos e familia. Esperámosvos para desfrutar de Pantón e dos viños das nosas adegas, non só durante estos 3 dias, se non todo o ano”, concluía, José Luis Álvarez.
Preséntase o cartel da XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que se celebrará do 9 ao 11 de maio
O Concello de Pantón celebra os días 9, 10 e 11 de maio a XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. A cita que presentará o seu programa próximamente, vén de dar a coñecer o cartel que anunciará esta edición.
O cartel destaca as tres ribeiras de Pantón, a do Miño, a do Sil e a do Cabe, sendo o único concello da Ribeira Sacra con tres ribeiras. Aparece tamén a Fervenza de Augacaída e unha man suxeita unha copa de viño entre as cepas. “Que a xente saiba que durante a Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón teñen unha cita co viño, pero tamén con todos os atractivos do municipio no patrimonio, na paisaxe, na cultura ou na gastronomía. Queremos que a xente que nos visita estea aquí os tres días da Mostra para coñecer as nosa cultura e a nosa xente”, explica o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, ao referirse ao cartel deste ano.
Esta 30 edición mantén as actividades que funcionan como a Festa da Empanada, “un valor moi conectado coa Mostra do Viño”, como asegura que anuncia novidades. Por unha banda amplíase un día e comézase o venres, 9 de maio, xornada na que se inaugurará a cita que este ano tamén contará con dúas novas propostas ao redor do vino. Unha cata maridaxe e unha experiencia sensorial con viño das que se encargará Vinosacra.
O empresario orixinario de Pantón, Gerardo Rodríguez, segue levando o sabor de Galicia a Madrid

Fai tres décadas o empresario do Concello de Pantón, natural de San Vicente de Castillón, Gerardo Rodríguez, impulsaba en Madrid unha empresa de distribución de carne de boi galega de primerísima calidade, Carbuga S.L.
Anos despois seguíulle dando forma ao seu proxecto e puxo en marcha no 2018 un restaurante no que ofrece as carnes galegas e os viños da D.O. Ribeira Sacra. Ata Madrid levou unha das imaxes máis emblemáticas de Ribeira Sacra, o Cabo do Mundo e así lle chamou ao seu restaurante, situado no corazón financeiro de Madrid, moi preto do estadio Santiago Bernabeu e tendo como clientes habituais aos xogadores do equipo branco do que é seguidor, igual que da gastronomía galega.
Amante do ritmo vertixinoso da cidade, para seguir tendo preto a calidade gastronómica de Galicia, agora incorpora ao restaurante Cabo do Mundo unha polbeira con “pulpeiro do Carballiño. Temos as mellores carnes, os mellores viños entre os que non faltan os viños da D.O. Ribeira Sacra e agora tamén o mellor polbo”, asegura Gerardo.
A polbeira localízase na terraza do restaurante Cabo do Mundo e inaugurábase o pasado día 13 de marzo contando coa presenza do alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, que destaca o labor divulgativo dos produtos da gastronomía galega que fai o empresario, “sempre lembrando a súa orixe e mostrando as paisaxes e os viños que temos na Ribeira Sacra, e en particular en Pantón coas nosas tres ribeiras”.
Espectacular comezo do Campionato de España de Enduro esta fin de semana en Pantón

O Concello de Pantón acollía na fin de semana do 15 e 16 de marzo a primeira proba do nacional de enduro do Campionato de España. O MotoClub A Peroxa coa colaboración do Concello de Pantón, Xunta de Galicia e outras entidades organizaba unha cita que levou polos circuítos Monte de Eiré, Ferreiroá e Monte Baliño aos máis de 150 motoristas inscritos.
A climatoloxía acompañou nunha fin de semana gloriosa permitindo a pilotos e aos centos de afeccionados gozar ao máximo dos tres especiais naturais e case 2 horas cronometradas. O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destaca o éxito da cita, “As propostas de Enduro que levamos varios anos celebrando no municipio atraen a numerosos visitantes a Pantón. Os espazos naturais que ofrecemos e as paisaxes fan as delicias de motoristas e público. As probas son accesibles e próximas o que permite desfrutar de todo o espectáculo das dúas rodas nunha contorna natural inigualable”.
A próxima proba do campionato será en Gironella, Barcelona, o 24 de abril. Alí chegará como líder o piloto francés, Antoine Magain, que se mostrou intratable na proba celebrada en Pantón. Acompañárono no podio Sergio Navarro (E2) e Jaume Betriu (E3).
Botouse en falta a presenza de Josep García, vixente campión, recuperándose dunha inesperada lesión. Albin Elowson e Alejandro Navarro repartíronse a cuarta posición o sábado e o domingo. En Enduro1, Álex Puey asinaba o seu primeiro dobrete de categoría e Rosie Rowett vencía en mulleres por diante de María San Miguel e Mireia Rabionet. A organización destaca a actuación da corredora de Samos, Elena López, que rematou unha proba sen penalizacións para seguir puntuando no Campionato.
Pantón acolle a primeira proba do Campionato de España de Enduro este 15 e 16 de marzo

Os días 15 e 16 de marzo o Concello de Pantón acolle a celebración da primeira proba do nacional de enduro do Campionato de España que organiza MotoClub A Peroxa coa colaboración do Concello de Pantón e outras entidades. Así este mércores pola mañá estaban presentes na presentación do acto, Javier Quintas do Motoclube A Peroxa; José Luis Álvarez, alcalde de Pantón; Cristina Domínguez, concelleira de Deportes de Pantón; o xefe do servizo provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero; e representantes do monte veciñal de Eiré e da adega Finca Míllara por onde discorren os circuítos.
Pantón acolle a primeira proba do nacional de enduro coa inscrición máis numerosa da última década, máis de 150 corredores inscritos, “dáse un incremento de participación polo número de galegos que dan o paso a meterse no Campionato de España, case 30, a primeira vez que hai tantos galegos correndo no nacional. Temos ademais unha ducia de habituais do Campionato do Mundo, dos que 3 ou 4 fan podio, polo que estarán os mellores pilotos da especialidade”, destaca Javier Quintas.
O sábado, 15 de marzo, a saída desde a Praza do Concello terá lugar ás 10.00h para facer os circuítos Monte de Eiré, Ferreiroá e Monte Baliño. O domingo a saída será ás 9:00h e nas dúas xornadas as 17:00h será a hora aproximada de entrega de premios.
Os itinerarios faranse 4 veces, é dicir, os corredores darán 4 voltas. Os circuítos están pensados para que sexan fáciles de ver, cun desprazamento de 600 metros poderán ver dúas das tres especiais no Pazo de Ferreiroá e na contorna do Colexio Monte Baliño, “É unha proba pensada para que a xente o teña fácil para seguir. Coa organización traballouse en dous especiais pegados á capitalidade, o Pazo de Ferreiroá e a contorna do colexio Monte Baliño”, explica o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, que anima á participación da xente e desexa poder seguir contando no futuro con esta celebración que atrae cada ano a Pantón a centos de visitantes.
A terceira especial terá lugar na área da comunidade de montes de Eiré, no alto de Guítara, “a mellor especial do Campionato de España, é un espectáculo”, aseguran desde a organización, “un espazo ideal para andar en moto e gozar das paisaxes de monte autóctono e dos camiños á beira do Miño”.
“Están deseñadas unhas especiais guapísimas para ver, visualizaranse con moita facilidade pola súa amplitude, desde Ferreiroá vese moito trazado. Ademais os trazados están pegados ao asfalto polo que son moi fáciles para ver e para trasladarse dun a outro. Será un espectáculo Pantón esta fin de semana”, conclúe Javier Quintas.
Contacto Javier Quintas +34 637 53 30 94
Manuel Otero concluiría, “Gustaríame pedirlle a todos os afeccionados que se despracen a Pantón que vaian a desfrutar do deporte, neste caso do enduro, e por suposto tamén da gastronomía, o patrimonio e a cultura da Ribeira Sacra, unha forma de dinamizar económicamente toda esta zona. Na provincia estase apostando por este tipo de deportes, posiblemente pola imaxe do lucense Jorge Prado no motociclismo mundial. Este complemento desta proba no sur de Lugo é esencial para seguir promocionando o motociclismo.”
O Entroido de Pantón desafía á chuvia e desfilan máis dun milleiro de persoas
O Concello de Pantón celebrou un ano máis o seu Desfile de Comparsas e Disfraces que pecha o Entroido na Ribeira Sacra. Desafiando á chuvia desfilaron máis dun milleiro de persoas en máis dunha trintena de comparsas e disfraces individuais.
O Entroido de Budián, Entroido tradicional de Pantón que se vén recuperando desde hai anos, participou do Desfile. Ademais doutras comparsas e disfraces de Pantón, acudiron comparsas chegadas de Sober, Rodeiro, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ourense, Sarria ou Ribas de Sil.
Ás 16:00 comezaba o Desfile, encabezado pola charanga Tambukda Lugo, que durante máis de dúas horas percorreu as rúas de Ferreira para rematar na Praza do Concello onde seguiría a música. Alí os participantes desfrutaron dun chocolate quente con biscoito e todos os nenos e nenas que desfilaron recibiron tamén o seu paquete de chuches.
O xurado estivo composto por cinco representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de 10 participantes, e unha persoa allea ás mesmas que exercerá o voto de calidade en caso de empate. Valorábase o vestiario e maquillaxe, elaboración do disfraz, a posta en escena e a música. Así os premios recaeron en:
Comparsas Adultos Grupo A (máis de 10 compoñentes)
- 3º Premio, Mundo Rabbit (150€)
- 2º Premio, Memorias do Titanic (200€)
- 1º Premio, Pide o teu desexo en Sober (300€)
Comparsas Adultos Grupo B (grupos de entre 5 e 9 compoñentes)
- 3º Premio, Carrusel (100€)
- 2º Premio, Os Gnomos do Faro (125€)
- 1º Premio, Fantasía do Entroido (150€)
Comparsas Adultos Grupo C (individual e parellas entre 1 e 4 compoñentes)
- 3º Premio, Joker y Harley Quinn (50€)
- 2º Premio, Doña Rogelia (75€)
- 1º Premio, Reciclator e o seu Dragón (100€)
Comparsas Infantís de 10 ou máis compoñentes
- 3º Premio, O Corraliño do Monte Baliño (150€)
- 2º Premio, O Rabaño da Celia (160€)
- 1º Premio, Tic Tac (180€)
Comparsas Infantís de entre 5 e 9 compoñentes
- 1º Premio, A Fórmula de Pantón (100€)
Individual e Parellas entre 1 e 4 compoñentes
- 2º Premio, Mi amigo el Zombie y yo (40€)
- 1º Premio, Paseo en Globo pola Ribeira Sacra (50€)
Todas as comparsas con carroza recibiron 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibiron 80€ non acumulables ao premio. Con todo o Concello de Pantón repartiu máis de 5.000€ en premios.
Desfile de Disfraces e Carrozas o día 8 de marzo de 2025 en Pantón para despedir o Entroido na Ribeira Sacra
Un ano máis o Concello de Pantón será o encargado de pechar o Entroido na Ribeira Sacra coa celebración do Desfile Concurso de Disfraces e Carrozas que terá lugar o sábado, 8 de marzo. O desfile sairá ás 16.00h. do colexio Monte Baliño (os participantes presentaranse ás 15.30 levando o número de identificación que se lles entrega no momento da inscrición) para percorrer as rúas de Ferreira e finalizar na Praza do Concello, onde coa chegada da última comparsa comezará unha chocolatada baile e entrega de agasallos doces para os/as nenos/as.
As inscricións pódense facer ata o día 7 de marzo ás 11:30h no Departamento de Cultura de Pantón, localizado no segundo piso de Edificio Sociocultural, de luns a venres en horario de 10:00h a 20:00h, e os sábados en horario de 10:00h a 13:00h.
Establécense os seguintes premios:
Comparsas Adultos:
- Grupos de 10 o máis compoñentes (300€, 200€ e 150€)
- Grupos entre 5 e 9 compoñentes (150€, 125€ e 100€)
- Individual e Parellas entre 1 e 4 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
Comparsas Infantís:
- Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
- Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
- Individual e Parellas entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)

O xurado estará composto por cinco representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de 10 participantes, e unha persoa allea ás mesmas que exercerá o voto de calidade en caso de empate. Premiarase o vestiario e maquillaxe, elaboración do disfraz, a posta en escea e a música, podendo, o xurado, deixar deserto algún dos premios ou conceder algún accésit se o considerase.
Todas as comparsas que presenten carroza recibirán 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao final do desfile e serán abonados en efectivo unha vez coñecidos os premiados.
As bases do Desfile Concurso poden consultarse na web do Concello de Pantón, a través do seguinte enlace. A celebración do Entroido en Pantón continúa esta semana coa celebración do Xoves de Comadres.