Novas 2024

XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, 11-12 de maio

O Concello de Pantón celebra os días 11 e 12 de maio a XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Na presentación desta edición participaron o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, e os concelleiros, Cristina Domínguez e Manuel López.

Como prólogo da Mostra, o xoves, 9 de maio, ás 20:30h na adega do Pazo de Ferreiroá haberá cata de viños de todas as adegas participantes. A cata estará comentada polo enólogo, Alfonso Losada Quiroga, “Para nós é unha persoa ilustre que nos dará a coñecer o viño máis alá dunha copa”, explicaba Cristina Domínguez.

Nesta XXIX edición participan 10 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura, Corzoás e Fento Wines (novidade). A apertura das casetas farase ás 12:00h do sábado e media hora despois entregaranse os premios do IX Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra-Viticultura Heroica. No recinto feiral haberá ademais de degustación do viño, produtos de gastronomía.

O resto da programación da Feira é a seguinte:

SÁBADO:

  • 13:00h. Inauguración da XXIX Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón por D. Antonio Acevedo Prado, Director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
  • 13:30h. Brinde Día Movemento Viño D.O., brinde simultáneo en todas as D.O. de España.
  • 14:30h. VII Festa da Empanada no recinto do Castro.
  • 21:00h. e 00:00h. Música a cargo da Orquestras Gran Parada.

DOMINGO:

  • 12:30 Recepción de autoridades no recinto feiral
  • 13:00 Pregón da XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a cargo de Dona Alexandra Seara Sobrino, Xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
  • 16:30 Actuación da Batukada XdL (Xograres de Lemos)
  • 19:00 Actuación da orquestra Saudade

Nas dúas xornadas contarase con ambientación musical de charangas. Haberá tamén servizo de autobuses con Monforte e Escairón. Este servizo ten cada vez máis demanda e próximamente daranse a coñecer os horarios.

O alcalde, José Luis Álvarez, destacaba a importancia desta cita para promocionar o municipio e os seus viños, sendo ademais un dos principais atractivos na axenda festiva de Pantón. O rexedor animaba á participación, “Somos o único concello da Ribeira Sacra con tres ribeiras, iso xa é especial. Tamén é especial porque que é das últimas feiras que se celebran na D.O. e é moi bonita, quedades todos convidados”.

Cristina Domínguez aseguraba, “Mantemos o encanto dunha feira tradicional e pequena, con carácter cercano para veciños e visitantes que nos acompañan. Para o pregón contamos cunha persoa que é veciña e coñecida. Para nós é unha honra que Alexandra Seara sexa a pregoeira desta edición porque é moi querida por todos e porque queriamos que este ano pregoase unha muller e non calquera muller”.

Despois desta Festa de Interese Turístico de Galicia, Pantón acollerá unha nova edición de Rota do Románico.

 

Formación sociosanitaria e forestal co Obradoiro Ricra VII

O Obradoiro de Emprego Ricra VII dos Concellos de Pantón, Sober e O Saviñao, traballa nesta edición na sección sociosanitaria e forestal. A formación iniciábase a comezos de novembro e prolongarase por un ano, coa participación dunha vintena de alumnos.

Os dous módulos de sociosanitaria traballan na Residencia da Terceira Idade de Sober e no Centro de Día de Pantón, alternando tempo de formación teórica coa práctica nos centros de traballo, aprendendo a atender aos enfermos, e facer as labores diarias neste tipo de servizos.

En Pantón, a sección de forestais conta con 7 alumnos que traballarán no acondicionamento de áreas como A Maiorga ou a contorna das Bernardas, “Estiveron estas semanas axudando un pouco na Feira do Viño de Sober, acondicionando os arredores e con traballos nos miradoiros e nas rutas. Na vindeira semana estarán en Pantón coa limpeza de rutas e de áreas verdes, sobre todo na zona da feira, na contorna das Bernardas, O Baliño, ou a área de Maiorga. Fixéronse podas e agora hai que facer limpeza de rutas de sendeirismo”, explica o alcalde, José Luis Álvarez.

O director do Obradoiro, Antonio Durán, explica que, “Tentamos ser o máis multidisciplinares posibles, ter máis campo aberto para cando acaben a súa formación. Así ademais da sección forestal que lles dará aos alumnos o certificado de profesionalidade, trabállanse outras cousas como xardinaría para que saiban un pouco de todo”.

Da vintena de persoas de entre 20 e 60 anos que se están formando agora neste Obradoiro, 7 delas son do Concello de Pantón. “A Consellería de Emprego e Igualdade promove estes programas para incentivar a xeración de emprego local e garantir a ocupación de persoas desempregadas”, lembra José Luis Álvarez.

Tenda Rosal en Pantón: De cero no marcador os sábados pola tarde á venda en liña

Tenda Rosal en Pantón funciona desde hai 56 anos. A súa actual responsable, filla de Rosario e Alejandro, faise cargo dela hai 30 anos cando os seus pais xubílanse. En 2020, cando chega o confinamento coa pandemia, a xerencia decide dar un xiro e actualizarse, “O meu pai tiña un dito, cando chove hai que afiar as ferramentas, e ten razón. Aproveitouse a pandemia para facer un lavado de imaxe. Contouse cun decorador que puxo en valor pezas dos anos 60, típicas coa nosa madeira, recuperamos os mobles de antes”.

Ademais da reforma física da tenda, agora dispón tamén nas súas contas de Facebook e Instagram dun gran escaparate para o negocio, “a xente coñece o produto na internet e despois vén compralo. Vendo moito grazas a internet para a xente de fóra. Unha moza de Pontevedra dime que viría máis se a tivese máis preto. Sabes o que alegra e anima iso?… Teño clientes fieis que nin preguntan prezos, confían en min e despois moitas persoas que non coñezo, veñen por primeira vez, proban, compran e regresan tempo despois. A xente é moi agradecida”, destacan desde a xerencia de Tenda Rosal.

Tenda Rosal vende roupa para mulleres e homes de todas as idades, centrando a súa actividade na roupa de muller. Para poder ofrecer pezas diferentes e contar coas últimas tendencias, desde a Tenda acódese a feiras de moda e outras citas ao longo de España relacionadas coa moda, “Acabamos de chegar dunha feira en Madrid. Conséguense novas firmas e marcas e vanse cambiando as pezas. Á xente aquí non lle gusta a roupa repetida, queren saírse do normal. Teño prezos moi competitivos. Teño moita xente de Monforte ou de Ourense, mulleres de entre 30 e 50 anos ás que lles encanta o estilo de roupa que teño, Only, Jack&Jones, MDM…marcas que ofrecen calidade, deseño actual e prezo. Tamén temos unha importante variedade de roupa interior”.

Os anos detrás do mostrador dan á Tenda Rosal un trato persoal que fai que teña o seu grupo de clientas fieis, “Anoto a talla de todo para que non teñan que probar a roupa. Devolvo o diñeiro, déixoche levar para probar en casa, tanto coñecidos como non. Unha tenda que non imaxinas no medio rural e que tampouco atopas nunha cidade, á xente que a coñece encántalle”.

Lembra a xerente, que nun tempo decidiron abrir os sábados pola tarde e volveron pechar ao ver que a xente aproveitaba ese momento para traballar no campo ou ir ás grandes superficies. “Cunha única tenda en Pantón é difícil que funcione abrir os sábados pola tarde. A miña nai dicía, os sábados pola tarde cero no marcador”. Pero con 56 anos de historia, Tenda Rosal segue aberta e recibe a visita de clientes habituais que aquí atopan o que buscan.

Obradoiro de Scrapbooking a partir do 1 de abril en Pantón

O luns, 1 de abril, comeza no centro sociocultural de Pantón, un Obradoiro de Scrapbooking, técnica utilizada en manualidades para personalizar álbumes, libros ou tarxetas. O obradoiro terá lugar todos os luns en horario de 18:00h. a 20:00h.

A actividade estará impartida por, Ebe Baudino, arxentina que desde hai ano e medio está afincada en Frontón de Pantón, “coñecín Pantón hai anos e miña parella e máis eu namorámonos de Galicia, compramos a casa porque gustábanos estar preto do Miño”.

Ebe Baudino coñeceu o scrapbooking a través dun taller que se desenvolvía nunha exposición de artesanías, “quedeime mirando o que estaban facendo neste taller e xa non me puiden ir, atrapoume”. Agora xa son 6 anos practicando esta técnica e decide, por primeira vez, convertilo nun Obradoiro para que a coñezan outras persoas, “Apórtame moita calma porque cando estás facendo as pezas estás concentrada niso. Unha vez que aprendes as técnicas básicas podes crear o que a ti se che ocurra. Todo o que fai un sempre é distinto, depende do papel, do estado de ánimo,…nunca se fan dúas cousas iguais”.

O obradoiro ten un prezo de 25€/mes, co que as persoas participantes ademais de formarse nesta técnica, recibirán todo o material necesario para a súa práctica, cintas, botóns, cordóns, flores secas, purpurina,…. A actividade plantéxase para todas as persoas interesadas, desde a adolescencia en adiante. Para participar é necesario inscribirse no contacto da monitora, 667 41 11 07.

Ebe Baudino anima a que a xente coñeza en Instagram, a través da conta @abrazartescrap, o tipo de creacións que vai poder elaborar, “é posible que ao comezo non se anime moita xente porque non saben o que é isto, pero a medida que comecemos e se fale da experiencia, seguro que se suma xente”.

9 e 10 de marzo de Enduro en Pantón, circulando entre viñas e ao carón do Miño

Os días 9 e 10 de marzo o Concello de Pantón acolle a celebración das carreiras de Enduro e MiniEnduro que organiza a liga Galega da Moto de Campo, despois de correr este ano na Peroxa e San Xoán de Río.

Pantón prepárase para recibir a uns 150 pilotos nas distintas categorías e a unha marea de afeccionados que gozarán dun circuíto único, “É un sitio ideal para andar en moto, perfecto para gozar porque se conserva o monte moi autóctono na parte do Miño e eses camiños son un auténtico pracer tanto visual, como en moto, como andando. Tócanse poucas poboacións e encántalles que pasemos. É un gusto de trazado e de xente”, destaca Javier Quintas, Responsable Deportivo da liga Galega da Moto de Campo.

O sábado, 9 de marzo, a saída do primeiro participante desde a praza do Concello cara ao alto de Guítara farase ás 14.00h e o horario previsto para finalizar son as 19:00. Ás 11:00h terán lugar as probas de MiniEnduro no parque pechado de Eiré.

O domingo, 10 de marzo, seguirán as competicións de Enduro e Clásicas. A saída desde a Praza do Concello será ás 11.00h para terminar ás 16:00h. A entrega de premios celebrarase ás 17:00 na Praza de Concello.

Este será o terceiro ano que Pantón acolla as carreiras da liga Galega da Moto de Campo, “É un circuíto moi cómodo, con fácil acceso para a xente, é moi visual con zonas onde sempre ves movemento de motos e o público agradéceo, é un espectáculo”, destaca Javier Quintas.

Os puntos de interese para o espectador serán a Praza do Concello nas horas de saída e entrega de premios, o parque de MiniEnduro en Eiré, o alto de Guítara e o viñedo de Finca Míllara, “A proba do alto de Guítara na comunidade de montes de Eiré, é un espectáculo e este ano imos pasar polo viñedo de Finca Míllara que nos deu autorización para pasar coas motos polo medio do viñedo. Iso é un pracer, ir en moto por aí”, asegura Quintas.

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destaca o éxito das edicións anteriores e espera poder seguir acollendo este tipo de competicións en próximas edicións, “Citas como estas supoñen poñer a Pantón unha vez máis no mapa coa repercusión que este tipo de actividades teñen nos medios. Son dous días para que veciños/as e visitantes poidan gozar das probas de nenos e maiores co fondo das nosas paisaxes. Estamos encantados e esperamos seguir celebrando este tipo de competicións no futuro”.

Desde a liga Galega de Moto de Campo faise un chamamento á participación para gozar deste espectáculo do motor e vivir dous intensos días de actividade en Pantón, para os que se espera que non chova, “Que neve pero que non chova. Hai moitísimos anos que non se fai unha proba en Galicia con neve. De pasar frío e mollarnos, mellor facelo con neve que lle vai a dar un toque especial”, pide Javier Quintas.

 

5 viaxes ao ano e comidas de 400 persoas, a Asociación de Pensionistas e Xubilados de Pantón segue un plan que funciona

A Asociación de Pensionistas e Xubilados de Pantón fundouse no 2002. Na actualidade conta con máis de medio milleiro de persoas, das que 449 son socias activas que teñen as cuotas ao día e participan das actividades.

Para este ano teñen programadas 5 viaxes que inclúen visitas dun día a distintos puntos de Galicia e viaxes dunha semana ao resto de España. De maio e xullo, nos últimos mércores de mes visitarán a Praia das Catedrais e outros puntos da Mariña, a illa pontevedresa de Tambo, e O Vicedo e a fábrica de Sargadelos, outra vez na Mariña.

En abril teñen programada unha semana en Benidorm e en outubro visitarán Granada, “O que máis lles gusta aos socios son as viaxes, para a illa de Tambo xa reservaron 90 persoas. Temos xa 76 reservas para Benidorm, case medio cento para ir ao Vicedo e outras tantas para As Catedrais”, destaca o presidente da Asociación, José Luis Labariñas.

“A xente quere viaxar, podemos coñecer nun día algo de Galicia que moita xente do rural non a coñece e está encantada, e coñecer moito de España con esas viaxes dunha semana coas que temos estado en Extremadura, en Cádiz, en Zaragoza, en Alicante… Creo que nos movemos nun balance equilibrado entre coñecer Galicia e visitar o resto de España”, asegura Labariñas.

A Asociación intégrana sobre todo parellas, despois son máis mulleres ca homes, “porque os homes falecen e elas quedan viúvas; contamos con bastantes persoas de máis de 90 anos. En xeral os asociados participan das actividades ata que, pola idade ou por saúde, deixan de andar e de poder ir ás comidas ou ás viaxes”.

Celébranse dúas comidas ao ano, unha a comezos de maio, coincidindo coa Asemblea da Asociación e outra en outubro ou novembro, “No xantar de novembro do pasado ano eramos 361 persoas no Balnerio. Sabes o que representa toda esa xente comendo nun día no que todo é prácticamente gratis? e depois temos baile cun dúo… Iso é fenomenal. Como socios pagabamos unha cuota de 20€/ano e esas comidas eran gratuítas, este ano imos cobrar 5€ por comida. Todo está subindo moito e os cartos non dan para o mesmo ca antes”.

8 anos de Obradoiro intelectual con adultos no Concello de Pantón

O Concello de Pantón organiza ou colabora en distintas actividades ao longo do ano para ocupar o tempo de lecer de nenos/as e adultos/as. Así nestes momentos desenvólvense os cursos de ximnasia, un curso de restauración de mobles, o Pequechef Pantón e o Obradoiro de traballo intelectual.

Esta última actividade desenvólvese os mércores de 17:30h a 19:00h e conta coa participación dunha vintena de persoas. Este obradoiro comezou como un taller de memoria para adultos, e a actividade foise adaptando ás persoas participantes como comenta Javier González, técnico de cultura, encargado do obradoiro, “viña xente de 60 anos en diante e fomos vendo que a maioría das persoas que viñan non tiñan problemas de memoria, se non pérdida de habilidades por falta de uso”.

Cada día plantéxanse exercicios distintos con dinámicas concretas para exercitar a mente e vaise incrementando a dificultade. Trabállase con exercicios de buscar diferenzas, de números, fanse lecturas que logo se comentan,… “tentamos ofrecerlles algo ao que lle vexan utilidade e sacalos de casa, socializalos durante esa hora e media no tempo libre que teñen e traballar aspectos que se foron deixando de exercitar”.

Entre os participantes hai persoas de pouco máis de 60 anos que acoden para ocupar o tempo. Desde os 70 anos aos 80 próximos aos 90 anos son a maioría dos participantes, “hai uns anos tivemos unha señora de 97 anos que lía de marabilla, era autodidacta e viña todos os días”, destaca Javier.

Segundo Javier González o que mellor funciona para ter xente neste tipo de actividades é o boca a boca, que as persoas falen ben da experiencia, e iso acontece a cotío con este obradoiro polo que periódicamente aparecen novas incorporacións, “ás veces os nomes das actividades poden asustar pero en canto funciona o boca a boca e o ben que o pasan, súmase xente. O outro día houbo dúas señoras que viñeron por primeira vez e dicían non pensei que fora así, paseino estupendamente; comigo conta que isto non o deixo”.

A Xunta remata a execución da nova senda peonil na estrada LU-617 en Tuiriz, no Concello de Pantón

A actuación, cun orzamento de preto de 330.000 euros, ten como obxectivo mellorar a mobilidade e a seguridade viaria a través da construción dunha nova senda de 530 metros a ambos os lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Tuiriz. O novo itinerario conta cun ancho mínimo de 1,8 metros, salvo nalgunha zona puntual con vivendas, garantindo a accesibilidade. Con esta actuación complétase o itinerario existente nesta vía da Xunta, dotando a parroquia dun itinerario peonil continuo de 850 metros de lonxitude.

Para executar o novo itinerario foi necesario a demolición, primeiro, das cunetas, soleiras existentes e demais pavimentos. Despois dispúxose o novo itinerario en saburra artificial e formigón bituminoso. Ademais construíronse 2 muros de contención con bloques de granito, que dispoñen de varandas de protección. Tamén se dispuxo balizamento e defensas. A intervención completouse coa colocación de canal de desaugue e sumidoiros, conectados a unha nova canalización para garantir a correcta recollida das augas pluviais.

O 17 de febreiro Pantón pecha o Entroido na Ribeira Sacra coa celebración do desfile de disfraces

O Concello de Pantón prepárase para celebrar este Entroido. O alcalde, José Luis Álvarez, anima á participación nas diferentes propostas, “Cada ano o Entroido de Pantón sorprende grazas á implicación da xente. O ano pasado no desfile de disfraces participaron máis dunha trintena de comparsas e gozaron da festa máis dun milleiro de persoas. O traballo que fan as parroquias e asociacións para axudar a manter a tradición dos xoves de compadres e comadres é tamén merecedor de visitas para descubrir con que nos sorprenden”.

Desde o Concello de Pantón anímase a asociacións, grupos, familias e persoas individuais a participar dos xoves de compadres e comadres que se celebrarán o 1 e 8 de febreiro. Co obxectivo de manter a celebración desta tradición tan característica destas terras, os colectivos e persoas interesadas xa se poden inscribir na casa da cultura ou no teléfono 982 45 63 77, ata a véspera de cada celebración.

O sábado, 17 de febreiro, terá lugar o Desfile de Entroido que sairá ás 16.00h. do colexio Monte Baliño (os participantes presentaranse ás 15.30 na rúa de arriba do CEIP) para percorrer as rúas de Ferreira e finalizar na Praza do Concello, onde coa chegada da última comparsa comezará unha chocolatada baile e entrega de agasallos doces para os/as nenos/as. As inscricións e recollida de número pódese facer ata o 16 de febreiro ás 13:00, no segundo piso de edificio sociocultural. Establécense os seguintes premios por categorías:

Comparsas Adultos:

  • Grupos de 10 o máis compoñentes (350€, 200€ e 150€)
  • Grupos entre 5 e 9 compoñentes (150€, 125€ e 100€)
  • Grupos entre 1 e 4 compoñentes (100€, 75€ e 50€)

Comparsas Infantís:

  • Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
  • Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
  • Grupos entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)

O xurado estará composto por un representante de cada comparsa (que non desfilará) e unha persoa allea que exercerá voto de calidade en caso de empate. Valorarase a orixinalidade, a calidade e a simpatía dos disfraces.

Todas as comparsas que presenten carroza recibirán 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao final do desfile e serán ingresados nas contas bancarias que corresponda.

“Non hai un xogo de escapismo dentro de España que transcorra entre viñedos”, Marcos García, promotor do Secreto do Monxe

O municipio de Pantón é un dos principais expoñentes dos atractivos que ten a Ribeira Sacra. Ademais de ser o único concello con viños das tres ribeiras, Miño, Sil e Cabe coas súas fermosas paisaxes, atesoura algúns dos templos románicos máis característicos deste territorio. Toda esa maxia e beleza maniféstase en moitas das iniciativas empresariais que nacen en Pantón. É o caso de Pantón Rural e os seus xogos de escapismo entre viñedos, O Secreto do Monxe e O Secreto da Abadesa.

Marcos García, responsable desta iniciativa xunto coa súa parella,…. fálanos da súa experiencia como emprendedor no municipio que o viu nacer.

Cando e por que xorde o proxecto de Pantón Rural?

Pantón Rural nace despois da pandemia. Había tanto tempo para pensar que foi darlle un pouco máis á cabeza e poder desenvolver estas cousas. Encantados de facelo porque a xente que vén sae satisfeita. Por unha banda temos as casas de turismo vacacional, que foron vivendas herdadas, restaurámolas e pensamos en alugalas como servizo á xente que vén a Pantón.

En canto ao escapismo, o proxecto nace porque a miña familia sempre tivo viñedos nesta zona e quería complementar as ganancias que eses viñedos producían, que non só fosen as uvas, se non algo máis. E ocorréullenos facer neles algún tipo de xogo, aproveitando o tirón de Ribeira Sacra e a súa viticultura.

E xorden O Secreto do Monxe e O Secreto da Abadesa, que tal a acollida?

Cos xogos de escapismo empezamos hai pouco máis dun ano. Trátase de superar unhas probas, uns enigmas que se van atopando polo camiño ata chegar a resolver. Empezamos cun xogo e foi tan boa a acollida e a demanda que tivemos que decidimos ampliar a outros xogos máis que sacamos este verán. Estamos a facer cousas temáticas, por tempada,… Por Samaín tivemos un xogo entre os viñedos exclusivamente con esa temática, fixémolo durante un par de semanas e ofrecemos algo un pouco distinto.

Servizo completo? Vivenda e xogos no viñedo?

As vivendas están moi preto de onde se desenvolven os xogos. Queriamos poder hospedar á xente que vén pola zona e ofrecerlles máis cousas, agora dispoñemos dos xogos de escape.

Cal é o perfil dos vosos clientes?

Para os xogos non hai idades. Temos desde rapaces de 8 e 9 anos que veñen celebrar os seus aniversarios ou que veñen con amigos, ata xente de máis de 60 e 70 anos. Están pensados para todas as idades. Nas vivendas temos familias en xeral, grupos de amigos…

Estamos abertos a todos os que nos chamen. O que distingue un pouco nosas casas é esa parte de xardín, tan importante para as persoas que buscan privacidade, non unha casa de turismo rural que se aluga por habitacións, son casas completas que teñen a súa intimidade.

E a xente que vén é maioritariamente de Galicia ou de fóra?

O 70% é xente de fóra de Galicia, no caso da vivenda turística, moita xente de Bilbao, de Andalucía temos moitísimo, Burgos, Valladolid,… Nos xogos sorprendeunos moito a xente que veu e de onde veu. Os nosos xogos son exclusivos aquí en Galicia, non hai un xogo de escapismo dentro de España que transcorra entre viñedos. Saímos en moitos medios e viunos moita xente. Hai xente a 6 ou 7 horas de aquí que veñen no día para gozar do xogo.

Nunha ocasión xente de Arteixo veu cun recorte de xornal, viñan sen reservar, preguntaron por nós en casa Antonio en Goián. Estamos abertos en horario laboral, pero adoitamos traballar baixo reservas case sempre. Esta xente veu á aventura e saíulles ben. Este ano viñeron moito influencers coa publicidade que esas visitan tamén xeran.

Casa dos Muros tamén traballa os xogos de escape, para dúas empresas do mesmo municipio supón algún problema?

Non somos competencia, somos compañeiros, somos moi amigos. Trátase de xogos que unha vez que os resolves non vas volver, e dis vai a facer estes que tamén están moi ben. En casa dos Muros son probas tecnolóxicas, teñen electrónica e portas secretas que nós non podemos ter, é outro mundo… Nós somos máis enigmas e capacidade lóxica; xuntamos cultura de Galicia, lendas e mitos que hai que ir resolvendo. Terminamos nun miradoiro que está nos nosos viñedos e aí se se superaron todas as probas rematamos cunha botella de viño de agasallo.

En Pantón están as túas raíces, vives aquí e dicías que sempre quixeches facer algo por Pantón por estar moi arraigado a esta terra. Imaxinábaste facendo o que fas agora?

Non, pero ao ser de aquí, a terra sempre me tira. Viviamos en Monforte e cando a miña muller quedou embarazada decidimos buscar un sitio máis tranquilo onde os nosos fillos poidan saír fóra e estar a correr pola leira. Aí decidimos vir para aquí e empezar todo isto e cambiounos a vida. Temos que facer por encher as casas que temos baleiras no rural. Quixemos poñer ese graíño de area para que a xente pense máis no rural e na calidade de vida, fronte á vida rápida das cidades. Nunha aldea tes tranquilidade acústica, ambiental… sen dúbida quédome co rural

Imaxinabades este éxito?

A verdade é que lle puxemos empeño, non imaxinabamos o recibimento de tanta xente que pasou e de tantos sitios distintos. Puxemos moito empeño porque todo saíse o mellor posible, pero tamén nos atopamos sorprendidos de que fose unha aceptación tan grande.

gl_ESGalego