Concertos, conferencias e carreira popular na edición XXXIV da Rota do Románico de Pantón

O Concello de Pantón segue fiel á súa cita coas Xornadas da Rota do Románico. As actividades desenvolveranse en diferentes días entre o 27 de maio e o 2 de xullo.

Comezarase o día 27 de maio coa XXI Carreira Popular Rota do Románico que comezará ás 18.00. A seguinte cita será o 2 de xuño, a partir das 20.00h o salón de actos da casa da cultura acollerá unha xuntanza con escritores pantoneses. Intervirán Santiago B. Suárez, autor de He visto cosas; Andrea Micc con Crónicas de Vanusum e Francisco Ruíz Aldereguía con La gloriosa tragedia de Rande. O 9 de xuño, o escritor e investigador, Felipe Aira ofrecerá a conferencia, Xudeos, conversos e lendas xudeas na Ribeira Sacra, ás 20.00h no salón de actos da casa cultura.

O primeiro concerto será o 11 de xuño ás 19.00h no Mosteiro Cisterciense do Divino Salvador de Ferreira; actuará Eugenia Sanmartín. Tamén no mosteiro das Bernardas celebrarase o concerto de clausura das xornadas. O 2 de xullo ás 19.00 terá lugar a XI edición da Sinfonía no mosteiro coa actuación de Fisión Atlántico Ensemble.

Entre estes dous concertos desenvolveranse 3 conferencias, todas elas no salón de actos da casa da cultura. O 16 de xuño ás 20.00 o xornalista e director do Muferga, Luis Blanco falará do patrimonio industrial ferroviario. O día 23 ás 20.00, a quenda será para o director do Ecomuseo de Arxeriz, Xosé Antonio Quiroga, que ofrecerá a conferencia, Xan de Forcados, a Fundación Xosé Soto de Fión, Arxeriz na actualidade. Rematarán as conferencias o día 30 de xuño. A historiadora, Flora Enríquez e o filológo, Xosé Antonio Palacio abordarán Apuntamentos para a historia da parroquia de Santa María de Ferreira.

A coordinadora da Rota, Flora Enríquez, referiuse á importancia desta actividade para promocionar o románico de Pantón, e de toda a Ribeira Sacra, sempre dan importancia ao simbolismo, por iso a presentación volveu a ser no mosteiro das Bernardas, “Estamos aquí porque este mosteiro é moi importante na Ribeira Sacra, é o único mosteiro que perdurou con vida relixiosa ata os nosos días”, lembraba Flora Enríquez.

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez detacou a importancia desas xornadas para divulgar o patrimonio e o románico “Pantón e románico estiveron sempre unidos. A Rota do Románico é unha forma de atraer a xente de fóra a que veña vernos e tamén damos a coñecer actividades relacionadas co noso patrimonio” e convidaba á participación nas diferentes propostas desta nova edición da Rota do Románico.

XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, o 13 e 14 de maio, única con uvas das 3 ribeiras

O Concello de Pantón celebra os días 13 e 14 de maio a XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Para presentar esta edición escolleuse a adega Alma das Donas en Pombeiro. A concelleira, Cristina Domínguez, aseguraba que a convocatoria tiña dous atractivos destacados, por unha banda a paisaxe do lugar escollido e por outra a presentación dunha das citas máis importantes no calendario do concello de Pantón.

O alcalde, José Luis Álvarez, destacou a importancia desta cita para promocionar o municipio e os seus viños, os únicos con uvas das 3 ribeiras, Miño, Sil e Cabe, como recolle o cartel desta edición. O rexedor animou á participación, “Invito a quen acostuma visitarnos e a quen queira achegarse a Pantón, a participar da Mostra para gozar cos viños da última colleita no único concello que ten tres ribeiras na D.O. Ribeira Sacra”.

Nesta XXVIII edición participan 9 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás. A apertura das casetas farase ás 12:45h do sábado e 15 minutos despois será a inauguración por conta do Conselleiro de Medio Rural, José González.

O resto da programación da Feira é a seguinte:

SÁBADO:

  • 13:15 Entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra – Viticultura Heroica e actuación de batucada de Baturruka Monforte
  • 14:30 VI Festa de Empanada no recinto do Castro
  • 21:30 Concerto do Grupo América
  • 23:00 Música a cargo do Grupo Malenne
  • 00:30 Actuación do grupo América

DOMINGO:

  • 12:30 Recepción de autoridades no recinto feiral
  • 13:00 Pregón da XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a cargo do xornalista e comentarista deportivo, Tomás Guasch
  • 16:30 O folión Xograres de Lemos, acordeón
  • 19:00 Actuación da orquestra Saudade

Nas dúas xornadas contarase con música durante todo o día, o sábado coas charangas Km0 e Leña Verde e o domingo coas charangas Europa e Unión Phenosa. Contarase con servizo de autobuses con Monforte e Escairón. As saídas desde Monforte serán ás 13:00 e 19:30 e as saídas desde Escairón ás 13:45 e 20:15. Os regresos a Monforte serán ás 2:00 e ás 3:00 e os regresos a Escairón serán tamén nese horario.

Despois desta Festa de Interese Turístico de Galicia, Pantón acollerá unha nova edición de Rota do Románico.

Mellora de rúas e do alcantarillado para a veciñanza de Pantón

O concello de Pantón aprobou na última sesión plenaria o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para poñer o colector en San Martiño de Pantón. Esta actuación permitará dar servizo de alcantarillado a todos os núcleos da parroquia.

O convenio recolle un investimento en dúas anualidades de 1.036.000€, dos que a CHMS aporta 828.800€ e o concello de Pantón 207.200€. O convenio foi aprobado por unanimidade do pleno polo que o alcalde, José Luis Álvarez, amosa a súa satisfacción con este proxecto que suporá unha importante mellora do servizo para todo o municipio.

Outras melloras que se executarán próximamente teñen que ver con importantes actuacións en rúas e beirarrúas. Investiranse 48.000€ na beirarrúa que sae do campo de Goián ao Lugar de Abaixo, 46.000€ no alfaltado e renovación de rúas en Ferreira, Goián e Toldaos. Melloraranse tamén rúas en Ramos, Segade e Seregude con 30.000€ e 45.000€ adicaranse a melloras en Serode, Panfulía, Casa do Conde, Casa Nova, Castillalbo en Tuiriz, Pereiro e Guimarás.

A mellora dos accesos á piscina, obra que non se puido executar con cargo ao Plan Único por incumprimento da empresa adxudicataria, executarase agora nunha parte que financiará o concello de Pantón con 43.000€, sendo o resto aportación do GDR Ribeira Sacra Courel.

Senda peonil en Tuiriz

A Xunta investirá 329.000€ para dotar aos veciños de Tuiriz dunha nova senda peonil que se iniciará no verán. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a licitación das obras da nova senda de 530 metros a ambos os dous lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Tuiriz. As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o 26 de abril para presentar as súas ofertas. Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén se anunciou o remate do colector en Tuiriz, actuación que contará cun investimento de 470.000€. No verán iniciaranse tamén as obras para garantir o abastecemento a 240 veciños das parroquias de Santiago de Castillón, de San Vicente de Castillón e de Santo Estevo do Mato, cun investimento de 610.000€.

O Concello de Pantón comprometido co servizo do SAF

Desde o Concello de Pantón, como non pode ser doutro xeito, acátase a sentenza relativa ao servizo do SAF e estanse articulando as medidas oportunas para o seu cumprimento estrito de xeito que sexa o máis favorable tanto para as  traballadoras e traballadores como para as veciñas e veciños usuarios deste servizo.

O alcalde, José Luis Álvarez, aproveita para instar a todas as traballadoras e traballadores do SAF a que procedan a formular a oportuna reclamación que lles corresponda. Medida que se notificará a todos eles individualmente.

“Con respecto a este tema non teño nada máis que engadir, só agradecer moito a colaboración deste medio para difundir o meu total compromiso de mellorar tanto as condicións de traballo como dos servizos prestados por este concello a todas e todos os veciños e veciñas”, conclúe o rexedor local.

As traballadoras do SAF están tranquilas co concello de Pantón, asegura o alcalde, José Luis Álvarez

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, asegura que non hai ningún conflito entre as traballadoras do SAF e o concello, “estamos coa estabilización de persoal e estas traballadoras están contentas e tranquilas. A denuncia da CIG nace dalgunha persoa que quere desestabilizar ao persoal, pero as traballadoras estanme chamando que non están de acordo con estas queixas”.

José Luis Álvarez asegura que as traballadoras do SAF fan entre 30 e 32 horas semanais máis desprazamentos, “nunca traballaron 40 horas e agora se o concello ten que cumprir a sentenza do xulgado de como traballadoras públicas traballar 37,5 horas semanas, van ter que traballar máis horas.”

O concello de Pantón conta con 25 traballadoras no servizo de axuda no fogar e destina entre 200.000 e 250.000€ anuais ao servizo, máis a aportación da Xunta de Galicia. Considera o alcalde que “este tipo de accións de un par de persoas buscan crear tensión no persoal, e sempre se fai cun trasfondo político.”

José Luis Álvarez: “Deberiámonos de unir todos para esixir á Deputación que cumpra coa veciñanza de Pantón”

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, bota en falta que a oposición non se una ás demandas do equipo de goberno en beneficio do concello, e que pola contra desde o BNG se fale de perda de fondos da Deputación por falta de execución, cando a situación é outra.

Lembra o alcalde que as obras da Deputación Provincial estaban adxudicadas e contratadas a unha empresa de Ourense á que se lle rescindiu o contrato por incumprimento. Fíxose unha nova licitación, pero quedou deserta e para non perder as obras o concello solicitou á Deputación unha prórroga que non lle concedeu.

José Luis Álvarez asegura que fixo todo o posible para arranxar unha situación provocada pola empresa ourensá á que o concello denunciou ante o órgano consultivo da Xunta, que lle vén de dar a razón ao concello para que a empresa se faga cargo da perda económica que ocasionou. As cousas así, a situación chegará agora ao xulgado.

O alcalde pide a BNG e PSOE que se poñan do seu lado para, por outra banda, esixir á Deputación “que cumpra coa veciñanza de Pantón.” José Luis Álvarez considera que se houbera vontade por parte da Deputación poderíase facer un novo convenio ou reformar o anterior para poder executar as obras.

No caso da voceira do BNG, Rosana Prieto, pregúntalle o alcalde “por que vota en contra das axudas pola Covid, da cesión de terreos para facer a residencia ou da execución de colectores como o de Vilamelle do que se acaban de inaugurar as obras e por que non se pon do seu lado nesta demanda”.

Casa dos Muros en Pantón, reinventándose en Turismo Rural

Casa dos Muros comeza a funcionar como casa de Turismo Rural en Outeiro, Paderne no 2000. Para poñela a andar, tempo antes, Pilar Díaz (Cuqui), comezaba a rehabilitar esta casa familiar case destruída, este tipo de negocios comezábase a poñer de moda e os inicios foron difíciles.

Casa dos Muros abriu as súas portas con 5 habitacións, pouco despois sumou 5 máis. En 2007 deuse o seguinte paso para ampliar o servizo e cómpranse novas edificacións para poñer en marcha Aira Sacra, “Fixemos Casa dos Muros para alugueiro de habitacións, pero co paso do tempo vimos que a xente tamén buscaba moito casas de alugueiro completo. Compramos en Vilamelle vivendas para crear Aira Sacra, son 5 casiñas, 3 de 2 habitacións e 2 de 1 habitación e outra casa grande que ten 7 habitacións”, sinala Pilar Díaz.

O sector é complicado e hai moita competencia polo que en casa dos Muros apostan por propoñer experiencias diferentes, organizan cursos, actividades, ceas e encontros especiais, “Como temos actividades imos traballando ben, pero a cousa está un pouco complicada, hai moita vivenda de uso turístico, entón temos que diferenciarnos. Agora estamos a tentar traer a xente de empresa para encher tamén durante a semana”.

Durante as fins de semana o cliente máis habitual é da costa de Galicia, para períodos máis longos si que chega xente de toda España e agosto segue sendo o mes máis forte, “buscamos desestacionalizar e xerar outras propostas para compartir, iso fai que teñamos un perfil dispar. Hai 7 anos empezamos con escape room para diferenciarnos doutras casas. Aí acertamos de pleno porque temos moitos aniversarios, despedidas, xente que vén a maiores a facer a actividade e pasalo ben, ademais estamos moi ben comunicados para ver todo en Ribeira Sacra”.

Nese afán por innovar e seguir mellorando o servizo, agora preparan un mini Ribeira Sacra, “un xogo que ten reproducidos mosteiros, igrexas e outros lugares de interese, unha pequena Ribeira Sacra que queriamos ensinar á vez que xogaban. E ademais imos seguir cos xogos de escape”.

Sorpréndete en “La búsqueda, sala de escape” o Único escape room nunha casa rural. Se queres pasar unha hora chea de misterio e emoción, reúne a un grupo de entre 2 e 6 persoas e achégate a La Búsqueda en casa dos muros a realizar a actividade que está de moda en toda Europa, as salas de escape. Así presenta Casa dos Muros na súa web esta iniciativa posta en marcha en 2017. “A experiencia hai que vivila, non se pode ensinar porque os segredos que esconde a casa non se poden desvelar. O que te atopas dentro dun escape room co teu grupo de amigos ou familia é incrible”.

En labusqueda.net, escapismo na Ribeira Sacra ofrécese información da experiencia, mesturando os detalles tradicionais coa innovación e para completalo ceas cruedo, ceas do escapista, pan en forno de leña tradicional,… “A xente alucina coa casa, coas vistas do castelo de Monforte, co forno de leña de sempre e pregúntanme, ti sabes o que tes aquí? Con experiencias así para compartir con amigos e familia podemos mostrar todo o que facemos aquí.”

Cuqui quere seguir na liña marcada e está satisfeita co conseguido despois duns comezos difíciles, “Se me din se volvo pasar o que pasei creo que non o faría, pero cando empezas a ilusión move montañas, paseino mal, pero estaba motivada. Agora traballo no que me gusta e vexo que me embarquei en algo complicado demasiado nova, pero puiden coidar ás miñas fillas, o que non podo é irme de vacacións en agosto con elas”.

 

4 e 5 de marzo de Enduro en Pantón con máis de 250 participantes

O concello de Pantón acolle esta fin de semana a testemuña das motos, despois dunha fin de semana de infarto no Campionato de España de motocrós celebrado en Lugo. Pantón e toda a provincia serán centro de atención do motociclismo OffRoad coa proba da Copa de España de TT clásico e Trofeo Café Candeas da liga da moto de campo.

Cun total de 245 participantes, cifras que superan o número de rexistrados da primeira edición, Pantón engalánase para recibir a esta marea de pilotos e afeccionados. O sábado 4 comezan as probas ás 11:30h coa saída das TT CLÁSICAS desde a praza do Concello cara ao alto de GuÍtara onde realizarán as tres especiais que a organización lles ten marcadas para a ocasión, unha delas é a proba especial de velocidade. Ás 12:00h comezará o mini enduro, neste caso o punto de inicio será no alto de Guítara. A duración da mesma será de 5 horas.

O domingo día 5 repiten os pilotos de Clásicas, esta vez acompañados cos mellores pilotos Galegos, Asturianos, Portugueses, Leoneses, …., unha grella de 223 motos que farán as delicias de todos.

Os puntos de interese para o espectador son: Praza do concello, hora de saída 11:30h. Alto de Guítara, 12:00h ata as 16:00h. A entrega de premios será ás 17:00 na praza de Concello. 

 

O 25 de febreiro Pantón celebra o desfile de disfraces e pon o remate ao Entroido na Ribeira Sacra

O Concello de Pantón organiza diferentes actividades para celebrar este entroido. Co ánimo de conservar a tradición do xoves de compadres e do xoves de comadres animan á veciñanza a participar do concurso aberto a asociacións, grupos, famillias e persoas individuais. As citas celebraranse os xoves 9 e 16 de febreiro e xa está o prazo aberto ata a véspera de cada celebración para inscribirse na casa da cultura ou no teléfono 982 45 63 77.

Xa o sábado, 25 de febreiro, terá lugar o Desfile de Entroido que comezará ás 16.00h. no colexio (os participantes presentaranse ás 15.30 na rúa enriba do colexio Monte Baliño) para percorrer as rúas de Ferreira e rematar na Praza do Concello. As inscricións e recollida de número pódese facer ata o día 24 ás 13.00 na segunda planta do edificio sociocultural. Establécense os seguintes premios por categorías:

Comparsas Adultos:

  • Grupos de 10 ou máis componentes (350€, 200€ e 150€)
  • Grupos entre 5 e 9 compoñentes (150€, 125€ e 100€)
  • Grupos entre 1 e 4 compoñentes (100€, 75€ e 50€)

Comparsas Infantís:

  •       Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
  •       Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
  •      Grupos entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)

Durante o desfile contarase con animación musical e ao remate haberá chocolatada e baile na Praza do Concello. O xurado estará composto por un representante de cada comparsa (que non desfilará) e unha persoa allea que exercerá voto de calidade en caso de empate. Valorarase a orixinalidade, a calidade e a simpatía dos disfraces.

Tódalas comparsas que presenten carroza recibirán 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao remate do desfile e serán ingresados nas contas bancarias que corresponda. 

Restaurante Casa Antonio en Goián, unha historia de película dando de comer e de durmir

go1

O Restaurante Casa Antonio en Goián, no concello de Pantón leva 27 anos funcionando, comezou como unha cantina-tenda de aldea e hoxe ofrece ducias de comidas todos os días e abriu unha pensión. A súa propietaria, María Teresa Pedreira Fuentes, lembra así os inicios, “Hai uns 27 anos, colleramos a tenda da aldea e nese momento pareceunos pouco porque comezaban a abrir os supermercados e as tendas de aldea ían a menos, cambiamos de local e fixemos este baixiño coa tenda e faleille ao meu marido de dar churrasco e despois ir mirando que máis podiamos ofrecer.”

Foi medio ano despois de abrir a tenda que comezaron a dar comidas e ir aumentando pouco a pouco. Restaurante Casa Antonio pecha os martes, durante a semana atende a unhas 70-80 persoas diarias e nas fins de semana chega a 120, que acoden principalmente a xantar. Precisamente os menús do día comezáronos a dar para ofrecer este servizo con variedade para cada día ás persoas obreiras, “vén xente de todos os lados, pola semana temos moita xente obreira que traballa na zona e busca un lugar no que sentar a comer, xente da Coruña e deurense que vén á mantenta comer con nós, xente que vén ao Balneario ou turistas que veñen ver o románico ou a Ribeira Sacra. Estas persoas búscannos, vennos en Tripadvisor, por internet, por Facebook e polos bos comentarios anímanse a vir comer e veñen.”

Despois de case tres décadas María Teresa Pedreira amósase moi satisfeita de como evolucionou o seu proxecto, “Nunca xamais na vida o pensei, hoxe temos problemas para encontrar xente para traballar. Temos taballo, hai demanda, pero non encontras xente para traballar. Sintes pena porque pensas no que loitaches para chegar aquí, co anaquiño que comecei dicía eu algún día verei este comedor cheo? E algún veciño díxome, non che chegará e se non veralo co tempo e así foi. Daquela estabamos meu marido, meus fillos e máis eu sós e agora temos 6 empregados e nós e moitas veces non damos feito. Nunca me imaxinei isto porque ademais aquí tes que vir ex profeso. En Ferreira tes os bancos, o concello, o centro de saúde, desprázaste alí e encontras bares e restaurantes e aquí tes que vir ao que vés, á tenda, tomar un café ou a comer, non hai farmacia, non hai concello”.

Na súa cociña, Restaurante Casa Antonio, ofrece ademais de churrasco pratos típicos galegos, co obxectivo de seguir mantendo a cociña galega de sempre, callos, empanada, cocido, guisos,… e todo con produtos da terra.

En agosto do 2019, o ano antes da pandemia, ao servizo de tenda e restaurante sumábase a hospedaxe. Parte do equipo de rodaxe da película de Dani de la Torre, Life is live, utilizou estas habitacións no 2020, “Na pandemia tivemos xente porque ao ser xente desprazada por traballo podíaslle dar pensión. Despois comezouse a rodar Life is Live, solicitáronnos habitacións, tiñamos o tema a punto de remalo e rematámolo porque sabiamos que tiñamos xente para 3 ou 4 meses e aí comenzamos a funcionar e estamos moi contentos.”

Polo momento contan con 10 habitacións con posibilidade de chegar a 20, “Comezamos coa planta de abaixo e agora estamos pensando comezar coa segunda, por traballo animámosnos porque vemos que funciona e que vén xente á zona de todos os lados e solicítannos habitación, pero como se encareceron as cousas estámoslle dando voltas.”

Ademais de ir ampliando, Pedreira conserva a tenda coa que comezou todo, nalgún momento plantexouse deixala, pero está convencida de que presta un servizo que non se debe perder, “A tenda é un cariño que eu quero conservar porque na aldea temos xente maior, xente que sempre veu e sigue vindo. As avoas da aldea que non poden desprazarse, que non todos os días poden pagar un taxi para a ir a Ferreira ou que se lles olvidou algo, a min tampouco me ocupa moito e digo, este pedaciño de tenda da aldea que é enxebre pois deixámolo así, non me atrevo a sacala.”

María Teresa Pedreira destaca o dinamismo que hai na aldea de Goián e asegura que despois da pandemia a xente se está movendo moito máis que antes, “A xente ten máis ganas de vivir, de disfrutar, de estar, compartir…. Psicolóxicamente sínteste moi contenta e emocionada porque sabes de aldeas que morren sen xente e aquí ves que cada día a xente anímase a vir, veñen e pregúntache se hai casas para alugueiro ou compra. O pobo tenta medrar e segue medrando e a veciñanza e a xente nova tentan tamén que a aldea non vaia abaixo. Cada día din que van facer isto e aqueloutro, un Entroido más grande, colaboran en que non morra a aldea…”

 

Guítara, Pereiro, Gallegos e Salcedo estrean o ano con servizo de abastecemento de auga e varias instalacións municipais presentan melloras

O concello de Pantón remata numerosas obras de abastecemento de auga, cumprindo así o compromiso feito hai un ano polo alcalde, José Luis Álvarez, de tentar que toda a veciñanza teña este servizo.

Por unha banda o equipo de goberno acometeu íntegramente a auga de Guítara con 80.000€ e doutou de auga aos núcleos de Pereiro e Gallegos con 50.000€. Tamén con 50.000€ de orzamento levouse o colector de auga a Salcedo en Moreda a través do Plan Único.

Ademais doutras obras de abastecemento que se executan a través de Augas de Galicia, rematáronse varias obras de mellora de distintas instalacións municipais, como a remodelación do Pavillón Municipal á que se adicaron 150.000€ para arranxar o teito, acondicionar solos e vestiarios e pintar as instalacións.

Na Casa Consistorial e na Casa da Cultura, o equipo de goberno adicou 50.000€ para mellorar a accesibilidade na primeira coa instalación dun ascensor e mellorouse o canal de auga da Casa da Cultura para evitar filtracións de auga ao interior.

José Luis Álvarez amosa a súa satisfacción polo remate destas obras que “mellorarán a calidade de vida da veciñanza nestes núcleos co servizo de auga e as actuacións que beneficiarás aos usuarios/as destas instalacións municipais, pavillón, casa da cultura e casa consistorial.” Para este 2023, José Luis Álvarez, destaca nestes primeiros meses o remate do proxecto das residencias que a Fundación San Rosendo executará en Pantón para comezar as obras en breve, despois de que o convenio estea xa asinado.

gl_ESGalego