Rutas

pantón

«Pantón é un país de vales como maus abertas, de colos maternais e amorosos, de montañas docemente femininas que se erguen
para ollar ó ceo e ó inmenso Val de Lemos deitado ó seus pés, fermoso e longo.
Eiquí a pedra fíxose arte, flor, pasmo, marabilla, milagre, eirexa, castelo, mosteiro, pazo, casa, para darlle ó home seguridade e fogar, fronte ó desamparo da vida e do destino»

Manuel María

Natureza

Os ríos que forman os límites do municipio de Pantón (Cabe, Sil e Miño) configuran nas súas ribeiras agrestes e empinadas unha riqueza paisaxística inigualable, que se mesturan coa riqueza artística. Dende o lugar máis alto do municipio (Pena Pombeira, 710 metros), Pantón deleitanos coas súas fermosas panorámicas, mesturando as ribeiras máis escarpadas con vales máis apracibles.

Unhas paisaxes naturais de gran variedade e atractivo, con boas condicións para practicar a pesca. Polos ríos Miño e Sil pódense realizar percorridos en catamarán, que permiten a contemplación das insólitas paisaxes da Ribeira Sacra, cos seus característicos viñedos dispostos en terrazas tamén chamados socalcos.

Ruta Castro de Marce - Augacaída

Dende a capitalidade  do municipio, O Castro de Ferreira,  circulamos pola N-120 en dirección a Ourense. Á altura de Guítara, un desvío lévanos á antiga estrada N-120a, e dende alí seguimos en dirección a Marce. Despois de 2 km de baixada pola ribeira do Miño, entre frondosa vexetación, atopamos a sinalización do comezo da ruta.A 900 m do comezo,  fronte a unha antiga adega de pedra, está indicado o desvío para descender á FERVENZA DE AUGACAIDA (29T X:605875 Y:4708134). Despois dun pequeno tramo de camiño poderemos optar por visitar a parte alta da fervenza ou ben baixar a súa base.Se seguimos o camiño sen realizar o desvío, un sendeiro lévanos ata o CASTRO DE MARCE, un montículo pendurado  sobre o río Miño. A súa grande altura permite  a visión dun  amplo e espectacular tramo do río.Como complemento podemos visitar o lugar de Marce, onde se encontran restos dunha  torre que pertenceu ó conde de Lemos e á torre do reloxo, unha edificación levantada polos emigrantes desta aldea a Suramérica no século pasado.

 

Ruta da Curuxeira

 

 

 

Esta ruta podemos comezala deixando o coche no campo da festa de San Fiz de Cangas. Para chegar a este punto, partindo do Castro de Ferreira,
tomamos o desvío que sinala Lornís, Frontón, Deade. A 300 m, pasado o lugar de Serode, atoparemos un desvío que indica o camiño á
igrexa de San Fiz de Cangas e A Martiñal. Sen saírnos desta pista, chegamos ó lugar de inicio, fácil de localizar pola área recreativa que existe e un humilladoiro que alberga copias moi fieis dun calvario do século XIV.

 

Moi preto (100 m) está a igrexa románica de San Fiz de Cangas (S.XII), á que se chega por un camiño situado ó norte deste lugar. Se
tomamos a pista que sae ó sur, encima da área recreativa, levaranos ó lugar da Arribada. Ó fondo da aldea sitúase o comezo da ruta. Un panel indícanos o camiño. A poucos metros do comezo, baixando á dereita, está o desvío á fonte de Augas Férreas (fonte de augas ferruxinosa que en séculos pasados era moi visitada polas súas propiedades para aliviar os casos de anemia). Seguimos baixando e chegamos a un punto en que temos dúas alternativas, seguir o camiño e chegar a Pacios (Espasantes) ou cruzar unha pequena ponte e ir ó lugar da Cal (Espasantes); en calquera dos casos, logo dun pequeno tramo por estrada, volvemos tomar o camiño que de regreso lévanos ó punto de partida. Podemos considerar a posibilidade de comezar o camiño partindo da Cal ou de Pacios e facelo en sentido contrario. Case todo o paseo transcorre entre unha frondosa arboreda ou entre de viñas. Nalgúns tramos pódese contemplar o canón do Cabe así como terras do veciño concello de Sober.


Ruta de Cibrisqueiros a San Cosmede (Pombeiro)

 

 

Comeza no barrio de Cibrisqueiros (Pombeiro), ó lado dun lavadoiro comunitario que está  á beira da estrada, tomando o sendeiro que nos leva a Souto. Neste tramo podemos observar unha bela vista da igrexa románica de San Vicente de Pombeiro (s. XII- XIII), así como construcións típicas da ribeira. Unha pequena subida, pasado un regato, lévanos ás casetas de Pedén e uns metros máis adiante, á dereita, atópanse as TUMBAS DO REGUNTOIRO (dúas tumbas e restos doutras de carácter antropomorfo, así como unha pequena pía, todas elas escavadas na rocha.)

Comeza un descenso ó longo do curso do río Sil, entre rochas graníticas, posiblemente restos dun glaciar. Entre estes penedos está o lugar que se asenta na súa base, PENAVEADA. 

Desde esta rocha, o sendeiro descende ata o lugar de SAN COSMEDE, final da ruta. Este tramo prolóngase entre unha frondosa e abundante vexetación, consecuencia do seu microclima mediterráneo. Conviven moreiras, figueiras, limoeiros, laranxeiros, olivos, vides e pexegueiros con sobreiras, castiñeiross, piñeiros, acacias, etc.

Durante a viaxe non resultará difícil ver aguias, lagartos, lagartas, grallas e, cun pouco de sorte, algún que outro corzo, xabaril ou raposo que rapidamente se ocultarán ante a nosa presenza.

Esta ruta é dunha beleza singular, pero vólvese espléndida no outono e na primavera como consecuencia das tonalidades que a ribeira adquire nestas épocas do ano.

Ruta A Cruz a Pena Pombeira

 

Esta ruta percorre terras das parroquias de Frontón e Pombeiro, nas ribeiras dos ríos Sil e Cabe.

Podemos achegarnos á cabeceira do camiño partindo do centro do Castro de Ferreira, tomando o vial en dirección a Deade, Frontón e Lornís. Pasado o lugar de Seragude e antes do campo da festa de Frontón, unha estrada á dereita lévanos ó REGUEIRO. Unha pista á esquerda desvíanos ó monte onde podemos deixar o coche e comezar a camiñada. 

Comezamos a ruta camiñando por unha pista de terra ata chegar a un desvío que indica A CRUZ (29T X:608009 Y:4699844). Un enclave de gran beleza polas vistas que dende alí se divisan da cunca do Sil e terras de Lugo e Ourense. Recibe o nome dunha cruz de pedra colocada no monte, en recordo dunha misión que se celebrou na primeira metade do século XX na parroquia de Pombeiro.

Desandamos o camiño e chegamos de novo ó lugar do desvío para seguir subindo. A  douscentos metros atopamos un letreiro que nos informa do camiño ó Mirador de PENA POMBEIRA (29T X:608145 Y:4699467).  Situado no punto máis alto do concello (707 m), o mirador é un lugar idóneo para observar o Sil no seu esplendor, o mosteiro de Santo Estevo á esquerda do mesmo, así coma as terras de Nogueira de Ramuín, Chantada, Carballedo e Monforte de Lemos.  E, máis lonxe, O Caurel, Castro Caldelas e Manzaneda. 

Vale a pena pasear por entre os penedos, restos dun glaciar e que adquiriron unhas formas caprichosas ao longo do tempo.

Retornamos ó camiño principal e aquí podemos optar por: 

– Seguir  dirección a estrada Ferreira–Estación Santo Estevo (29T X:608691 Y:4699234) entre unha vexetación exuberante  e visitar o lugar de Frontón para logo retomar a pista dirección O RIGUEIRO  e chegar o lugar de partida.

-Ou un desvío a esquerda (29T X:608206 Y:4699504) lévanos a pista dirección O RIGUEIRO e dende aquí chegamos ó comezo da ruta. Será esta máis curta pero con menos atractivos visuais.

Tendo en conta esta información a ruta pode comezarse en calquera punto e rematalo no mesmo lugar.
Actualmente o acceso está acondicionado para chegar en coche a calquera dos miradoiros.

Praza do Concello - Balneario Augasantas

Saímos da Praza do Concello (O Castro de Ferreira), seguimos a N-120a dirección a Monforte. Pasamos diante do mosteiro do Divino Salvador. 

No Curro desviámonos a esquerda por un camiño sinalizado que nos leva a Vilar. Neste punto, hai dúas opcións que nos dirixen a un sendeiro que pasa por diante da fonte de augas sulfurosas e que chega o balneario de Augasantas. 

Dende aquí  saímos a unha pista que comunica coa N-120a;  a metade do camiño, unha sinal a dereita indica o sendeiro que nos leva A Granxa e a Costa, pasamos diante da casa grande de Vilar e seguimos ó Castro de Ferreira. 

Ruta do Miño (Pantón e O Saviñao)

Percorre terras dos concellos de Pantón e O Saviñao. Ruta lonxitudinal e bidireccional e permite
incorporarse a ela ou abandonala en múltiples puntos pola gran cantidade de accesos que se atopan no seu
percorrido. O trazado da ruta non é perigoso en ningún punto. Si é esixente fisicamente polas constantes
subidas e baixadas, pero tamén ofrece múltiples puntos de descanso para quen a abandone. Pola súa
lonxitude, casi 36 km, pódese repartir en distintas etapas. Nós aconsellamos catro etapas:

Etapa I: Segade(x:607.441,39m / y: 4.706.896,70m)
Marce (x:606.433,28m / y: 4.708.505,68m )
Distancia: 7 km
Dificultade media-baixa.

Partindo dun camiño na parte esquerda da estrada que baixa a Marce, comenza un percorrido por unha zona empedrada de grande beleza e na que podemos atopar unha mina de auga que antigamente se empregaba
para subministrar as casas e para regar. Chégase a Cima de Atán e, no centro da aldea, o camiño descende e pasa cerca da casa de Albarde e despois dun pequeno tramo por estrada chegamos a igrexa románica de
Santo Estevo de Atán.
Tras do cemiterio alí existente seguimos polo camiño e pasamos por Reiriz e Seoane. Todo este percorrido permite magníficas vistas da ribeira do Miño.
Atravesamos Seoane e un camiño lévanos á parte alta da fervenza do regato da Aguianza coa posibilidade de baixar ó pé da fervenza. Seguindo o camiño temos a alternativa de visitar o castro de Marce, pendurado
sobre o Miño e con fermosas vistas da ribeira, así como a igrexa románica de Chouzán na outra beira do río, ou ben subir directamente a Marce onde podemos visitar a torre do reloxo e os restos da antiga torre dos
condes de Lemos. 

Etapa II: Marce (x:606.433,28m / y: 4.708.505,68m)
A Cova (x:608.844,05m / y: 4.713.136,99m)
Distancia: 10.3 kms
Dificultade: Media


Comezamos a camiñada no pobo de Marce seguindo o curso do Miño en sentido contrario. O primeiro
tramo pasa por un frondoso bosque mediterráneo despois dun camiño ancho.Desviándose a esquerda está o
Miradoiro das Maravillas (unha chaira natural que permite unha ampla panorámica da ribeira).Chegamos a
Míllara(aldea recentemente recuperada), seguindo as sinais chegamos ó lugar de Balboa, e entre viñedos
baixamos a area recreativa de Maiorga, onde é posible un baño ou un refresco no bar alí existente.Despois
deste descanso o camiño que vai entre viñedos e cruzando regatos chegamos a Ribeiras de Miño última aldea do concello de Pantón antes de entrar no do Saviñao para visitar Arxuá  e chegar a igrexa da Cova final desta segunda etapa.

Etapa III: A Cova (x:608.844,05m / y: 4.713.136,99m)
Bexán (x:605.279,23m / y: 4.715.696,70m)
Distancia: 9.7 kms.
Dificultade: Media-alta


Dende a igrexa da Cova (S.XII) podemos tomar o camiño sinalizado que subindo ó lugar de Seoane da un
xiro para descender deica as Adegas Moure (Abadía da Cova) ou ben facer un tramo de estrada dende a
igrexa e esta adega.Por calquera dos tramos poderemos contemplar unha magnífica panorámica do “cabo do
mundo”.Seguimos baixando e tomamos o sendeiro sinalizado que nos leva dende a baixada a praia da Cova
por unha zona arborada e de viñedos (cumpre estar moi pendente das sinais neste tramo) pasando por A
Reguenga, Barrio.Nesta zona temos a alternativa de visitar o Castro de Mourelos que se sitúa fora do tramo
sinalizado. Atravesamos logo O Mato todos pertencentes a parroquia de Mourelos. Seguimos o sendeiro e
atopamos ás ruínas da casa da Pena de Quil noutrahora rica e que conserva a primitiva decoracion no patio
con motivos avicolas en xeso sobre unha base de pedra. A poucos metros chegamos ó lugar de Bexán, final
desta etapa.

Etapa IV: Bexán (x:605.279,23m / y: 4.715.696,70m)
Santo Estevo de Ribas de Miño (x:606.189,57m / y: 4.719.423,22m)
Distancia: 9,7 kms
Dificultade: Media

Bexán e outro lugar de encanto tanto pola súa arquitectura popular como pola vista que se ten de Belesar e
da ribeira.
Seguimos a sinalización do sendeiro e baixamos entre viñas a parte alta de Belesar
(Un pouco máis abaixo atópase un bar onde podemos repoñer forzas) para ascender polos codos de Belesar
(camiño empedrado da época romá e empregado na Idade Media como camiño de inverno a Santiago)
chegamos a igrexa románica de San Paio de Diamondi e o pazo obispal.
Sigue a subida deica o lugar de Montecelo onde hai restos da igrexa da Nosa Señora do Camiño (s.XVII) de
seguimos a Galegos de Diamondi e dende alí a Santo Estevo de Ribas de Miño onde se atopa a igrexa
románica do mesmo nome e casa de turismo rural. Aquí remata a etapa.