“As obras da residencia da terceira idade poderían comezar no primeiro trimestre do 2024”, asegura o alcalde de Pantón
O pleno do Concello de Pantón aproba a declaración de especial interese de utilidade municipal das obras para a residencia da terceira idade.
O Council of Pantón ten asinado convenio coa Fundación San Rosendo para facer unha residencia con 36 prazas por un orzamento de 1.400.000€, para a que a administración local cede o terreo. Xa se tiña tamén concedida a licenza de obra e agora vense de aprobar unha bonificación do 95% para esa licenza, en base á ordenanza da que dispón o concello para incentivar obras de especial interese para o municipio. A Fundación San Rosendo solicitou esa bonificación tal como recolle a ordenanza, e agora o pleno aprobouna cos votos do PP, a abstención de PSOE e Avanza Pantón e o voto en contra do BNG.
Con estes trámites aprobados o alcalde, José Luis Álvarez, espera que as obras da residencia poidan comezar no primeiro trimestre do 2024 e hai o compromiso de facelas nun ano, polo que Pantón contaría coa residencia da terceira idade para comezos do 2025.
Destaca tamén o rexedor local a importancia do obradoiro de emprego que se está a desenvolver cos concellos de Sober e do Saviñao no que o alumnado se forma no mantemento de áreas recreativas e de rotas de sendeirismo e por outra banda cóntase con formación sociosanitaria. “Cóntase con 7 persoas que fan prácticas nas residencias de Sober e O Saviñao e no centro de día de Pantón; cando remate o obradoiro en outubro do vindeiro ano, estas persoas sairán cun título para poder traballar tanto en axuda no fogar como na residencia”, destaca José Luis Álvarez.
Neste último pleno do ano tamén se daba luz verde ao convenio que hai que asinar coa Consellería de Sanidade, a través do Servicio Galego de Saúde para construír un novo centro de saúde. Neste caso o Concello comprométese a ceder o terreo e o pleno aprobaba, coa abstención de BNG e PSOE, autorizar ao alcalde para asinar este convenio e que se poida facer o novo centro de saúde.
Entre outras cousas o equipo de goberno decidía tomar en consideración a moción do BNG para abrir furanchos no municipio, “decidiuse facer unha nova ordenanza para estudar este tema e ver que se pode facer e onde se pode facer”, apunta José Luis Álvarez.
Nadal en Pantón cos nenos e nenas como protagonistas
Pantón dá por iniciado o seu Nadal ao acender co remate desta semana o alumeado de Nadal na capitalidade municipal. Mentres asociacións e colectivos veciñais levan tempo traballando na decoración das súas parroquias para estas festas. A primeira cita da programación de Nadal é este domingo, 17 de decembro, cun concerto do Grupo Folk de Ribas de Sil, a partir das 18:00h no salón de actos da Casa da Cultura de Pantón. A entrada é libre e gratuíta.
Como tódolos anos o concello de Pantón convoca dous concursos para este Nadal. Por unha banda, o Concurso de Beléns para o que hai prazo aberto de inscrición ata o día 23 deste mes. O concurso está aberto á participación de asociacións, familias e persoas a nivel individual do municipio.
Para inscribirse deben de acudir á casa da cultura en horario de 10.00 a 20.00 ou chamar por teléfono ao 982 45 63 77. Tamén aquí pódense inscribir ata o 23 de decembro as nenas e nenos interesadas/os en presentar os seus traballos ao Concurso de Postais de Nadal. As postais deben de incorporar nome, apelidos e idade da/do participante na parte posterior.
Non faltarán ao Nadal de Pantón, Papá Noel e os Reis Magos. No acceso á casa cultura, os/as nenos/as contarán co Buzón no que deixar os seus desexos para este Nadal. Os máis cativos seguen sendo protagonistas do Nadal de Pantón co comezo do 2023. Na xornada do día 5 celebrarase o Festival de Reis a partir das 18.00 na casa da cultura. Farase a entrega dos premios dos diferentes concursos e as súas maxestades recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a pedirlles os seus agasallos, poderán gozar ademais doutras propostas lúdicas.
Os máis cativos da casa protagonizan ademais todos os xoves pola tarde, desde medidos de outubro ata maio do 2024 o obradoiro Pequechef Pantón. Nesta actividade participan unha quincena de nenas e nenos a partir de 6 anos. En horario de 16:00 a 17:30 preparan deliciosos pratos e ás portas destas festas, esta semana elaboraron galletas e doces para este Nadal.
O concello de Pantón volve a cobrar o IBI que cobraba no 2016
O equipo de goberno do concello de Pantón aprobaba no último pleno, recuperar o plan impositivo do 2016. Lembra o alcalde, José Luis Álvarez, que daquela fíxose unha revisión catastral pola que se cobraron 4 anos con carácter retroactivo, “ante esta medida que supuña un importante desembolso para os veciños, o equipo de goberno decidía rebaixar o IBI ao 0,49 para non engadir máis cargas á veciñanza.”
As administracións locais necesitan recadar cartos para poder desenvolver as súas funcións, dúas das vías para facelo son o IBI e a valoración catastral. Concellos como Pantón, Bóveda, A Pobra do Brollón ou Chantada teñen unha valoración catastral baixa ao corresponder ao ano 1989. “Incluso subindo o IBI ao 0,55 como fixemos en Pantón, seguimos sendo o concello da zona sur que menos paga de IBI tendo unha valoración catastral do 89”, destaca o alcalde e insiste na volta a unha normalidade, despois de ter un IBI moi baixo, “Non se entende que a oposición proteste por esta cuestión, volvemos ao que tiñamos antes e non representa ningún perxuizo, cando nos concellos nos que gobernan BNG e PSOE cóbrase un IBI superior ao que cobra Pantón. Concellos como Sober poden baixar a base impositiva porque teñen unha valoración catastral do 2020”.
A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Ribas de Sil ou Quiroga teñen un IBI de máis do 0,60, polo que o alcalde non entende a esixencia con Pantón, “Sorpréndeme a falta de respecto que teñen os grupos da oposición cos alcaldes dos concellos da contorna onde están gobernando. Non vexo porque motivo se lle reclama a Pantón, cando seguimos sendo o concello co valor impositivo máis baixo. Non hai coherencia na oposición. Todos os concellos necesitan recadar sen perxudicar ás persoas”.
Despois destes anos en que a administración local recadou menos do habitual, faise necesario nivelar as contas para axudar á economía do propio concello. O incremento rolda os 25€ ao ano por veciño polo que José Luis Álvarez non entende que isto leve a que o BNG ataque ao soldo das dúas concelleiras que teñen dedicación parcial, “Teñen un soldo por cumprir co seu traballo como encargadas de asuntos sociais e turismo. Veñen todos os días a traballar e é sorprendente que unha señora que gaña tanto como as dúas xuntas se atreva a criticar o que cobran unhas concelleiras que teñen o seu cometido”.
José Luis Álvarez pídelle tamén ao PSOE que non se preocupe por un tema no que Pantón é o concello que menos recada e lembra que “hai 2 anos que asinamos o convenio da residencia coa Deputación e aínda non sabemos nada. Se queren preocuparse polo concello ocúpense de solucionar estas cousas.”
Slowlife en Rectoral de Castillón, dúas familias nun mesmo proxecto turístico despois de 3 décadas
A Rectoral de Castillón no concello de Pantón é unha casa de finais do XVIII que comezou a ser reconstruída a comezos dos 90 e desde hai anos é unha das casa de turismo rural emblemáticas na Ribeira Sacra lucense. Neste 2023 está de 20 aniversario da súa posta en marcha.
“Seguramente o primeiro que che chame a atención ao cruzar a porta da nosa leira sexa a galería e os soportais da entrada, e, inmediatamente despois, a túa vista verase irremediablemente atraída polo xardín: 14.000 metros cadrados de paraíso. Pombal, fontes, estanque, adega, árbores de todo tipo… perderse na nosa leira para dar un paseo é un dos grandes praceres de aloxarche na Rectoral de Castillón”, explica a web da casa. Conversamos coa xerente, Rosa Lindoso López.
Como comezou o proxecto de Rectoral de Castillón?
A casa é unha sociedade, propiedade de dous matrimonios, un nativo de Castillón e os outros viñan aquí de vacacións e fins de semana á casa de Mari Carmen. Coñecían a casa abandonada e a eles sempre lles gustou e decidiron arreglala e restaurala. En principio pensouse como casa vacacional para as dúa familias. Unha idea romántica moi bonita, pero non eran millonarios e o tema non era viable, así que puxérona como restaurante e casa de turismo rural. Abrimos en maio do 2003 ao público, pero a casa comprouse no 89–90 e necesitáronse máis de 10 anos de restauración.
Que balance se fai destes 20 anos máis esa década dos inicios?
Houbo de todo. Principalmente super orgullosas porque resistir 20 anos pasando a pandemia e todo tipo de dificultades non foi fácil. Moi orgullosas de ter chegado ata aquí, de que se nos coñeza e orgullosas porque se foron superando todo tipo de dificultades imaxinables.
En liñas xerais é un balance ben positivo, á xente gústalle e seguimos tendo xente…ir superando trabas, crises económicas, perdas familiares. Cando se comprou a casa entre as dúas familias eramos un montón de xente e todo o mundo facía algo, os avós foron morrendo. Cada vez somos menos.
No restaurante estanse celebrando esta tempada as Xornadas do Cocido e o Outono Gastronómico. Interesante reclamo para vir ao restaurante da Rectoral de Castillón?
Si, o restaurante está aberto de mércores a domingo ao mediodía e con estas campañas funcionamos moi ben. Para as ceas non abrimos ao público, pero si temos ceas para grupos previa reserva e autoservizo de ceas para os hóspedes.
Que destacarías da vosa cociña?
Que é todo como se facía na casa das avoas. Innovamos e buscamos ser orixinais na presentación, pero a esencia é cociña tradicional. Tentamos que os nosos proveedores sexan da zona. Temos a nosa propia horta. Con todo ofrecemos produtos de calidade e de tempada.
Cal é o perfil do cliente do restaurante?
Temos clientes habituais que son da contorna, pero a maioría é xente de Ourense, A Coruña, Vigo…, de Ourense temos moita xente e logo turistas que andan por aquí, que buscan en Google e aparécemoslles aí.
Non é o mesmo o cliente do verán que o do resto do ano. No verán son clientes a comer e clientes de paso. O resto do ano moitos clientes da Coruña ou Vigo que veñen aquí a pasar toda a fin de semana e comen, pican algo pola noite e veñen a descansar e estar aquí tranquilos.
Agosto é a mellor época como en todos os lados e outubro é tamén un mes boísimo. No noso caso o outono cada ano vai a máis e en Semana Santa e ponte de maio que normalmente estamos cheos.
E o perfil do cliente da casa?
No verán parellas de arredor de 50 anos que lles gusta o campo, non queren estar na cidade, queren visitar a Ribeira Sacra e estar nun sitio tranquilo. Veñen principalmente parellas e algunha familia. O resto do ano temos grupos que veñen sempre a pasar o magosto, temos clientes que veñen todos os anos e que ocupan a casa toda. Son principalmente xente de Galicia, Madrid, Barcelona, País vasco ou Asturias. Ven tamén moita xente de Ponferrada.
Que lles recomendades aos clientes que chegan querendo coñecer a Ribeira Sacra?
Gústanos recomendar sobre todo Pantón. Principalmente a ribeira do Miño, que a nós gústanos moitísimo. Á xente sóalle máis o canón do Sil e cando lles recomendamos o Miño, todo o mundo ven encantado e alucinado. Fan un descubrimento que nin imaxinaban. Tamén lles dicimos que vaian ao Sil, que é moi interesante, pero tentamos que descubran algo máis para que queden con ganas de volver.
Temos clientes que veñen no verán que lles contamos o preciosa que é a ribeira en outorno e volven en outono para velo. A quen lles dis que o 1 e o 15 é feira en Ferreira e están as pulpeiras e temos a moitos que volven para ir á feira. Que vaian descubrindo.
Ribeira sacra cada vez ten máis tirón como vedes o sector despois da pandemia?
Creo que houbo un momento despois da pandemia que igual nos fixemos o conto da leiteira, como non se podía viaxar fóra houbo un par de anos que había xente a patadas, moitísima xente. Iso pasou, volvemos á nosa vida habitual, a xente volveu a viaxar e volvemos á vida de antes. E por exemplo, xullo para nós volve a ser como antes, non é un mes marabilloso pola xente que lle gusta viaxar fóra. É moi interesante que se manteñan os bonos da Xunta porque moita xente vén con iso.
Como presentarías todo o que tedes en Rectoral de Castillón?
Para vir a comer non é un restaurante ao uso, que normalmente vas, comes, tomas o café e marchas, aquí temos 14.000 metros cadrados de xardín para poder pasear, comer, descansar, gozar da natureza. Podes pasar a tarde perfectamente, non é un sitio simplemente para ir comer. É un sitio para ir a comer e comer moi ben, pero ademais pasar unha tarde nun sitio espectacular, un entorno que non é habitual. E para a xente que vén a durmir, un sitio para estar tranquilos, sentarse ao carón da lareira ou da chimenea, gozar da biblioteca. Levar unha vida despacio, slowlife.
O Concello de Pantón abre o prazo para inscribirse nas actividades do Outono Cultural: Pequechef e Pantón en forma
A concellería de cultura do concello de Pantón prepara un outono cultural no que o teatro, as actividades deportivas e culturais e as actividades infantís son as protagonistas.
O 19 de outubro comeza no centro sociocultural unha nova proposta para as/os máis pequenas/nos da casa, Pequechef. Esta iniciativa desenvolverase todos os xoves de 16:00 a 17:30 “e levará a diversión á cociña para facer que as nenas e nenos se enzoufen e preparen pratos deliciosos”, asegura a concelleira de cultura, Cristina Domínguez. A actividade está destinada a nenas e nenos a partir de 6 anos e terá un prezo de 20€/mes. Inscricións e máis no información no teléfono 671 11 61 90.
E no centro sociocultural está aberto desde este martes, 3 de outubro, e ata o día 13, o prazo de inscrición para as actividades deportivas que comezarán o 23 de outubro.
Pantón en forma ofrece nesta ocasión ximnasia de mantemento, pilates, ioga e aerobic-cardio. Estas actividades deportivas desenvólvense en Ferreira e en 5 parroquias a través de diferentes asociacións. Así Pantón en forma chegará a Cangas, Acedre, Tuiriz, A Xesteira e Espasantes.
En Ferreira contarase polas mañás con ximnasia de mantemento e de 19:00 a 22:00 con ioga, aerobic e pilates. Unhas 150 persoas de entre 40 e máis de 80 anos veñen participando cada ano en Pantón en forma.
A finais de mes comezará un curso de restauración de mobles e novembro chegará cunha ampla programación teatral, presentacións e magosto popular.
“Algo estamos facendo mal nesta Galicia que eu non coñecía esta zona”, dicía Pepe Domingo Castaño na primeira visita a Pantón no 2008
O xornalista galego, Pepe Domingo Castaño, foi un amante de Pantón e da Ribeira Sacra. A vinculación do concello de Pantón co mundo do deporte vén de moitos anos e trouxo ao municipio a importantes personalidades do sector, especialmente figuras do mundo do fútbol.
O xornalista que foi presentador de programas como Tiempo de Juego e Carrusel Deportivo, visitou por primeira vez Pantón no ano 2008, convidado para un Torneo de golf que quería promocionar o campo de golf de Augas Santas, xunto a outros nomes como o do tamén xornalista, Tomás Guasch, que este ano pregoaba a Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón ou o que fora xogador do RC Deportivo da Coruña, Donato.
Desde a organización do Torneo, Manuel Dacosta lembra que durante eses días e despois dunha visita á Maiorga, Pepe Domingo Castaño comentaba, “Algo estamos facendo mal nesta Galicia, que eu que nacín a hora e media de aquí, non coñeza esta marabilla é un fallo moi grande”.
Desde aquel 2008, o xornalista faría visitas periódicas a Pantón e reuníase nas instalacións de Augas Santas con outros xornalistas que traballaban en medios de comunicación deportivos e acudían a Pantón coas súas familias.
Desde o concello de Pantón amosamos o noso pesar polo seu falecemento e agradecemos o tempo que compartiu nestas terras. Seguiremos vinculados ao deporte e á súa memoria.
Trece Roeis Fest e Festas de Ferreira, do 18 ao 21 de agosto
O concello de Pantón celebra a mediados de agosto dúas das súas citas festivas máis importantes que cada ano achegan ao municipio a centos de persoas.
A primeira delas, unha nova edición do Trece Roeis Fest, que terá lugar os días 18 e 19 de agosto. O festival está organizado pola asociación cultural 13Roeis contando coa colaboración do concello. A programación do venres, 18 de agosto, inclúe as actuacións de Reincidentes, Kaotiko, Lamatumbá, Catuxa Salom, Lucía Aldao, Tiam GZ, The Poet’s Silence, Enxeito e Tirapralá. O sábado, 19 de agosto, contarase coa música de SFDK, Auxili, Benito Kamelas, Tribade, Sofía Espiñeira, Tregua, Monoulious DOP, Uxía Lambona e a Banda Molona e Festicultores Troupe.
Rematado o Trece Roeis, a festa e o ambiente mantense no municipio coa celebración das Festas de Ferreira que organiza o concello. O domingo, día 20 de agosto comezará con sesión vermú nos bares de Ferreira e na Praza de Goián. Ás 17:30 na Praza do Concello, Infantilandia, con xogos e actividades para os/as máis pequenos/as. A partir das 21:30 contarase coas actuacións de charanga KM0 e as orquestras Nueva Fuerza e Florida Band.
O luns, 21 de agosto, tamén comezará con sesión vermú; durante a tarde Infrantilandia e pola noite a festa estará amenizada pola charanga Tatoo e as orquestras Ritmo Xoven e Galilea.
O alcalde, José Luis Álvarez, anima a veciños e visitantes a disfrutar destes 4 días de concertos e actuacións que vestirán de festa o municipio, “Temos actividades e propostas para todas as idades como colofón a un verán que cada ano trae máis visitas a Pantón”.
Concertos, conferencias e carreira popular na edición XXXIV da Rota do Románico de Pantón
O Council of Pantón segue fiel á súa cita coas Xornadas da Rota do Románico. As actividades desenvolveranse en diferentes días entre o 27 de maio e o 2 de xullo.
Comezarase o día 27 de maio coa XXI Carreira Popular Rota do Románico que comezará ás 18.00. A seguinte cita será o 2 de xuño, a partir das 20.00h o salón de actos da casa da cultura acollerá unha xuntanza con escritores pantoneses. Intervirán Santiago B. Suárez, autor de He visto cosas; Andrea Micc con Crónicas de Vanusum e Francisco Ruíz Aldereguía con La gloriosa tragedia de Rande. O 9 de xuño, o escritor e investigador, Felipe Aira ofrecerá a conferencia, Xudeos, conversos e lendas xudeas na Ribeira Sacra, ás 20.00h no salón de actos da casa cultura.
O primeiro concerto será o 11 de xuño ás 19.00h no Mosteiro Cisterciense do Divino Salvador de Ferreira; actuará Eugenia Sanmartín. Tamén no mosteiro das Bernardas celebrarase o concerto de clausura das xornadas. O 2 de xullo ás 19.00 terá lugar a XI edición da Sinfonía no mosteiro coa actuación de Fisión Atlántico Ensemble.
Entre estes dous concertos desenvolveranse 3 conferencias, todas elas no salón de actos da casa da cultura. O 16 de xuño ás 20.00 o xornalista e director do Muferga, Luis Blanco falará do patrimonio industrial ferroviario. O día 23 ás 20.00, a quenda será para o director do Ecomuseo de Arxeriz, Xosé Antonio Quiroga, que ofrecerá a conferencia, Xan de Forcados, a Fundación Xosé Soto de Fión, Arxeriz na actualidade. Rematarán as conferencias o día 30 de xuño. A historiadora, Flora Enríquez e o filológo, Xosé Antonio Palacio abordarán Apuntamentos para a historia da parroquia de Santa María de Ferreira.
A coordinadora da Rota, Flora Enríquez, referiuse á importancia desta actividade para promocionar o románico de Pantón, e de toda a Ribeira Sacra, sempre dan importancia ao simbolismo, por iso a presentación volveu a ser no mosteiro das Bernardas, “Estamos aquí porque este mosteiro é moi importante na Ribeira Sacra, é o único mosteiro que perdurou con vida relixiosa ata os nosos días”, lembraba Flora Enríquez.
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez detacou a importancia desas xornadas para divulgar o patrimonio e o románico “Pantón e románico estiveron sempre unidos. A Rota do Románico é unha forma de atraer a xente de fóra a que veña vernos e tamén damos a coñecer actividades relacionadas co noso patrimonio” e convidaba á participación nas diferentes propostas desta nova edición da Rota do Románico.
XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, o 13 e 14 de maio, única con uvas das 3 ribeiras
O Concello de Pantón celebra os días 13 e 14 de maio a XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Para presentar esta edición escolleuse a adega Alma das Donas en Pombeiro. A concelleira, Cristina Domínguez, aseguraba que a convocatoria tiña dous atractivos destacados, por unha banda a paisaxe do lugar escollido e por outra a presentación dunha das citas máis importantes no calendario do concello de Pantón.
O alcalde, José Luis Álvarez, destacou a importancia desta cita para promocionar o municipio e os seus viños, os únicos con uvas das 3 ribeiras, Miño, Sil e Cabe, como recolle o cartel desta edición. O rexedor animou á participación, “Invito a quen acostuma visitarnos e a quen queira achegarse a Pantón, a participar da Mostra para gozar cos viños da última colleita no único concello que ten tres ribeiras na D.O. Ribeira Sacra”.
Nesta XXVIII edición participan 9 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás. A apertura das casetas farase ás 12:45h do sábado e 15 minutos despois será a inauguración por conta do Conselleiro de Medio Rural, José González.
O resto da programación da Feira é a seguinte:
SÁBADO:
- 13:15 Entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra – Viticultura Heroica e actuación de batucada de Baturruka Monforte
- 14:30 VI Festa de Empanada no recinto do Castro
- 21:30 Concerto do Grupo América
- 23:00 Música a cargo do Grupo Malenne
- 00:30 Actuación do grupo América
DOMINGO:
- 12:30 Recepción de autoridades no recinto feiral
- 13:00 Pregón da XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a cargo do xornalista e comentarista deportivo, Tomás Guasch
- 16:30 O folión Xograres de Lemos, acordeón
- 19:00 Actuación da orquestra Saudade
Nas dúas xornadas contarase con música durante todo o día, o sábado coas charangas Km0 e Leña Verde e o domingo coas charangas Europa e Unión Phenosa. Contarase con servizo de autobuses con Monforte e Escairón. As saídas desde Monforte serán ás 13:00 e 19:30 e as saídas desde Escairón ás 13:45 e 20:15. Os regresos a Monforte serán ás 2:00 e ás 3:00 e os regresos a Escairón serán tamén nese horario.
Despois desta Festa de Interese Turístico de Galicia, Pantón acollerá unha nova edición de Rota do Románico.
Mellora de rúas e do alcantarillado para a veciñanza de Pantón
O concello de Pantón aprobou na última sesión plenaria o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para poñer o colector en San Martiño de Pantón. Esta actuación permitará dar servizo de alcantarillado a todos os núcleos da parroquia.
O convenio recolle un investimento en dúas anualidades de 1.036.000€, dos que a CHMS aporta 828.800€ e o concello de Pantón 207.200€. O convenio foi aprobado por unanimidade do pleno polo que o alcalde, José Luis Álvarez, amosa a súa satisfacción con este proxecto que suporá unha importante mellora do servizo para todo o municipio.
Outras melloras que se executarán próximamente teñen que ver con importantes actuacións en rúas e beirarrúas. Investiranse 48.000€ na beirarrúa que sae do campo de Goián ao Lugar de Abaixo, 46.000€ no alfaltado e renovación de rúas en Ferreira, Goián e Toldaos. Melloraranse tamén rúas en Ramos, Segade e Seregude con 30.000€ e 45.000€ adicaranse a melloras en Serode, Panfulía, Casa do Conde, Casa Nova, Castillalbo en Tuiriz, Pereiro e Guimarás.
A mellora dos accesos á piscina, obra que non se puido executar con cargo ao Plan Único por incumprimento da empresa adxudicataria, executarase agora nunha parte que financiará o concello de Pantón con 43.000€, sendo o resto aportación do GDR Ribeira Sacra Courel.
Senda peonil en Tuiriz
A Xunta investirá 329.000€ para dotar aos veciños de Tuiriz dunha nova senda peonil que se iniciará no verán. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a licitación das obras da nova senda de 530 metros a ambos os dous lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Tuiriz. As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o 26 de abril para presentar as súas ofertas. Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén se anunciou o remate do colector en Tuiriz, actuación que contará cun investimento de 470.000€. No verán iniciaranse tamén as obras para garantir o abastecemento a 240 veciños das parroquias de Santiago de Castillón, de San Vicente de Castillón e de Santo Estevo do Mato, cun investimento de 610.000€.
O Concello de Pantón comprometido co servizo do SAF
Desde o Concello de Pantón, como non pode ser doutro xeito, acátase a sentenza relativa ao servizo do SAF e estanse articulando as medidas oportunas para o seu cumprimento estrito de xeito que sexa o máis favorable tanto para as traballadoras e traballadores como para as veciñas e veciños usuarios deste servizo.
O alcalde, José Luis Álvarez, aproveita para instar a todas as traballadoras e traballadores do SAF a que procedan a formular a oportuna reclamación que lles corresponda. Medida que se notificará a todos eles individualmente.
“Con respecto a este tema non teño nada máis que engadir, só agradecer moito a colaboración deste medio para difundir o meu total compromiso de mellorar tanto as condicións de traballo como dos servizos prestados por este concello a todas e todos os veciños e veciñas”, conclúe o rexedor local.
As traballadoras do SAF están tranquilas co concello de Pantón, asegura o alcalde, José Luis Álvarez
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, asegura que non hai ningún conflito entre as traballadoras do SAF e o concello, “estamos coa estabilización de persoal e estas traballadoras están contentas e tranquilas. A denuncia da CIG nace dalgunha persoa que quere desestabilizar ao persoal, pero as traballadoras estanme chamando que non están de acordo con estas queixas”.
José Luis Álvarez asegura que as traballadoras do SAF fan entre 30 e 32 horas semanais máis desprazamentos, “nunca traballaron 40 horas e agora se o concello ten que cumprir a sentenza do xulgado de como traballadoras públicas traballar 37,5 horas semanas, van ter que traballar máis horas.”
O concello de Pantón conta con 25 traballadoras no servizo de axuda no fogar e destina entre 200.000 e 250.000€ anuais ao servizo, máis a aportación da Xunta de Galicia. Considera o alcalde que “este tipo de accións de un par de persoas buscan crear tensión no persoal, e sempre se fai cun trasfondo político.”
José Luis Álvarez: “Deberiámonos de unir todos para esixir á Deputación que cumpra coa veciñanza de Pantón”
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, bota en falta que a oposición non se una ás demandas do equipo de goberno en beneficio do concello, e que pola contra desde o BNG se fale de perda de fondos da Deputación por falta de execución, cando a situación é outra.
Lembra o alcalde que as obras da Deputación Provincial estaban adxudicadas e contratadas a unha empresa de Ourense á que se lle rescindiu o contrato por incumprimento. Fíxose unha nova licitación, pero quedou deserta e para non perder as obras o concello solicitou á Deputación unha prórroga que non lle concedeu.
José Luis Álvarez asegura que fixo todo o posible para arranxar unha situación provocada pola empresa ourensá á que o concello denunciou ante o órgano consultivo da Xunta, que lle vén de dar a razón ao concello para que a empresa se faga cargo da perda económica que ocasionou. As cousas así, a situación chegará agora ao xulgado.
O alcalde pide a BNG e PSOE que se poñan do seu lado para, por outra banda, esixir á Deputación “que cumpra coa veciñanza de Pantón.” José Luis Álvarez considera que se houbera vontade por parte da Deputación poderíase facer un novo convenio ou reformar o anterior para poder executar as obras.
No caso da voceira do BNG, Rosana Prieto, pregúntalle o alcalde “por que vota en contra das axudas pola Covid, da cesión de terreos para facer a residencia ou da execución de colectores como o de Vilamelle do que se acaban de inaugurar as obras e por que non se pon do seu lado nesta demanda”.
Casa dos Muros en Pantón, reinventándose en Turismo Rural
Casa dos Muros comeza a funcionar como casa de Turismo Rural en Outeiro, Paderne no 2000. Para poñela a andar, tempo antes, Pilar Díaz (Cuqui), comezaba a rehabilitar esta casa familiar case destruída, este tipo de negocios comezábase a poñer de moda e os inicios foron difíciles.
Casa dos Muros abriu as súas portas con 5 habitacións, pouco despois sumou 5 máis. En 2007 deuse o seguinte paso para ampliar o servizo e cómpranse novas edificacións para poñer en marcha Aira Sacra, “Fixemos Casa dos Muros para alugueiro de habitacións, pero co paso do tempo vimos que a xente tamén buscaba moito casas de alugueiro completo. Compramos en Vilamelle vivendas para crear Aira Sacra, son 5 casiñas, 3 de 2 habitacións e 2 de 1 habitación e outra casa grande que ten 7 habitacións”, sinala Pilar Díaz.
O sector é complicado e hai moita competencia polo que en casa dos Muros apostan por propoñer experiencias diferentes, organizan cursos, actividades, ceas e encontros especiais, “Como temos actividades imos traballando ben, pero a cousa está un pouco complicada, hai moita vivenda de uso turístico, entón temos que diferenciarnos. Agora estamos a tentar traer a xente de empresa para encher tamén durante a semana”.
Durante as fins de semana o cliente máis habitual é da costa de Galicia, para períodos máis longos si que chega xente de toda España e agosto segue sendo o mes máis forte, “buscamos desestacionalizar e xerar outras propostas para compartir, iso fai que teñamos un perfil dispar. Hai 7 anos empezamos con escape room para diferenciarnos doutras casas. Aí acertamos de pleno porque temos moitos aniversarios, despedidas, xente que vén a maiores a facer a actividade e pasalo ben, ademais estamos moi ben comunicados para ver todo en Ribeira Sacra”.
Nese afán por innovar e seguir mellorando o servizo, agora preparan un mini Ribeira Sacra, “un xogo que ten reproducidos mosteiros, igrexas e outros lugares de interese, unha pequena Ribeira Sacra que queriamos ensinar á vez que xogaban. E ademais imos seguir cos xogos de escape”.
Sorpréndete en “La búsqueda, sala de escape” o Único escape room nunha casa rural. Se queres pasar unha hora chea de misterio e emoción, reúne a un grupo de entre 2 e 6 persoas e achégate a La Búsqueda en casa dos muros a realizar a actividade que está de moda en toda Europa, as salas de escape. Así presenta Casa dos Muros na súa web esta iniciativa posta en marcha en 2017. “A experiencia hai que vivila, non se pode ensinar porque os segredos que esconde a casa non se poden desvelar. O que te atopas dentro dun escape room co teu grupo de amigos ou familia é incrible”.
En labusqueda.net, escapismo na Ribeira Sacra ofrécese información da experiencia, mesturando os detalles tradicionais coa innovación e para completalo ceas cruedo, ceas do escapista, pan en forno de leña tradicional,… “A xente alucina coa casa, coas vistas do castelo de Monforte, co forno de leña de sempre e pregúntanme, ti sabes o que tes aquí? Con experiencias así para compartir con amigos e familia podemos mostrar todo o que facemos aquí.”
Cuqui quere seguir na liña marcada e está satisfeita co conseguido despois duns comezos difíciles, “Se me din se volvo pasar o que pasei creo que non o faría, pero cando empezas a ilusión move montañas, paseino mal, pero estaba motivada. Agora traballo no que me gusta e vexo que me embarquei en algo complicado demasiado nova, pero puiden coidar ás miñas fillas, o que non podo é irme de vacacións en agosto con elas”.
4 e 5 de marzo de Enduro en Pantón con máis de 250 participantes
O concello de Pantón acolle esta fin de semana a testemuña das motos, despois dunha fin de semana de infarto no Campionato de España de motocrós celebrado en Lugo. Pantón e toda a provincia serán centro de atención do motociclismo OffRoad coa proba da Copa de España de TT clásico e Trofeo Café Candeas da liga da moto de campo.
Cun total de 245 participantes, cifras que superan o número de rexistrados da primeira edición, Pantón engalánase para recibir a esta marea de pilotos e afeccionados. O sábado 4 comezan as probas ás 11:30h coa saída das TT CLÁSICAS desde a praza do Concello cara ao alto de GuÍtara onde realizarán as tres especiais que a organización lles ten marcadas para a ocasión, unha delas é a proba especial de velocidade. Ás 12:00h comezará o mini enduro, neste caso o punto de inicio será no alto de Guítara. A duración da mesma será de 5 horas.
O domingo día 5 repiten os pilotos de Clásicas, esta vez acompañados cos mellores pilotos Galegos, Asturianos, Portugueses, Leoneses, …., unha grella de 223 motos que farán as delicias de todos.
Os puntos de interese para o espectador son: Praza do concello, hora de saída 11:30h. Alto de Guítara, 12:00h ata as 16:00h. A entrega de premios será ás 17:00 na praza de Concello.
O 25 de febreiro Pantón celebra o desfile de disfraces e pon o remate ao Entroido na Ribeira Sacra
O Concello de Pantón organiza diferentes actividades para celebrar este entroido. Co ánimo de conservar a tradición do xoves de compadres e do xoves de comadres animan á veciñanza a participar do concurso aberto a asociacións, grupos, famillias e persoas individuais. As citas celebraranse os xoves 9 e 16 de febreiro e xa está o prazo aberto ata a véspera de cada celebración para inscribirse na casa da cultura ou no teléfono 982 45 63 77.
Xa o sábado, 25 de febreiro, terá lugar o Desfile de Entroido que comezará ás 16.00h. no colexio (os participantes presentaranse ás 15.30 na rúa enriba do colexio Monte Baliño) para percorrer as rúas de Ferreira e rematar na Praza do Concello. As inscricións e recollida de número pódese facer ata o día 24 ás 13.00 na segunda planta do edificio sociocultural. Establécense os seguintes premios por categorías:
Comparsas Adultos:
- Grupos de 10 ou máis componentes (350€, 200€ e 150€)
- Grupos entre 5 e 9 compoñentes (150€, 125€ e 100€)
- Grupos entre 1 e 4 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
Comparsas Infantís:
- Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
- Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
- Grupos entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)
Durante o desfile contarase con animación musical e ao remate haberá chocolatada e baile na Praza do Concello. O xurado estará composto por un representante de cada comparsa (que non desfilará) e unha persoa allea que exercerá voto de calidade en caso de empate. Valorarase a orixinalidade, a calidade e a simpatía dos disfraces.
Tódalas comparsas que presenten carroza recibirán 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao remate do desfile e serán ingresados nas contas bancarias que corresponda.
Restaurante Casa Antonio en Goián, unha historia de película dando de comer e de durmir
O Restaurante Casa Antonio en Goián, no concello de Pantón leva 27 anos funcionando, comezou como unha cantina-tenda de aldea e hoxe ofrece ducias de comidas todos os días e abriu unha pensión. A súa propietaria, María Teresa Pedreira Fuentes, lembra así os inicios, “Hai uns 27 anos, colleramos a tenda da aldea e nese momento pareceunos pouco porque comezaban a abrir os supermercados e as tendas de aldea ían a menos, cambiamos de local e fixemos este baixiño coa tenda e faleille ao meu marido de dar churrasco e despois ir mirando que máis podiamos ofrecer.”
Foi medio ano despois de abrir a tenda que comezaron a dar comidas e ir aumentando pouco a pouco. Restaurante Casa Antonio pecha os martes, durante a semana atende a unhas 70-80 persoas diarias e nas fins de semana chega a 120, que acoden principalmente a xantar. Precisamente os menús do día comezáronos a dar para ofrecer este servizo con variedade para cada día ás persoas obreiras, “vén xente de todos os lados, pola semana temos moita xente obreira que traballa na zona e busca un lugar no que sentar a comer, xente da Coruña e deurense que vén á mantenta comer con nós, xente que vén ao Balneario ou turistas que veñen ver o románico ou a Ribeira Sacra. Estas persoas búscannos, vennos en Tripadvisor, por internet, por Facebook e polos bos comentarios anímanse a vir comer e veñen.”
Despois de case tres décadas María Teresa Pedreira amósase moi satisfeita de como evolucionou o seu proxecto, “Nunca xamais na vida o pensei, hoxe temos problemas para encontrar xente para traballar. Temos taballo, hai demanda, pero non encontras xente para traballar. Sintes pena porque pensas no que loitaches para chegar aquí, co anaquiño que comecei dicía eu algún día verei este comedor cheo? E algún veciño díxome, non che chegará e se non veralo co tempo e así foi. Daquela estabamos meu marido, meus fillos e máis eu sós e agora temos 6 empregados e nós e moitas veces non damos feito. Nunca me imaxinei isto porque ademais aquí tes que vir ex profeso. En Ferreira tes os bancos, o concello, o centro de saúde, desprázaste alí e encontras bares e restaurantes e aquí tes que vir ao que vés, á tenda, tomar un café ou a comer, non hai farmacia, non hai concello”.
Na súa cociña, Restaurante Casa Antonio, ofrece ademais de churrasco pratos típicos galegos, co obxectivo de seguir mantendo a cociña galega de sempre, callos, empanada, cocido, guisos,… e todo con produtos da terra.
En agosto do 2019, o ano antes da pandemia, ao servizo de tenda e restaurante sumábase a hospedaxe. Parte do equipo de rodaxe da película de Dani de la Torre, Life is live, utilizou estas habitacións no 2020, “Na pandemia tivemos xente porque ao ser xente desprazada por traballo podíaslle dar pensión. Despois comezouse a rodar Life is Live, solicitáronnos habitacións, tiñamos o tema a punto de remalo e rematámolo porque sabiamos que tiñamos xente para 3 ou 4 meses e aí comenzamos a funcionar e estamos moi contentos.”
Polo momento contan con 10 habitacións con posibilidade de chegar a 20, “Comezamos coa planta de abaixo e agora estamos pensando comezar coa segunda, por traballo animámosnos porque vemos que funciona e que vén xente á zona de todos os lados e solicítannos habitación, pero como se encareceron as cousas estámoslle dando voltas.”
Ademais de ir ampliando, Pedreira conserva a tenda coa que comezou todo, nalgún momento plantexouse deixala, pero está convencida de que presta un servizo que non se debe perder, “A tenda é un cariño que eu quero conservar porque na aldea temos xente maior, xente que sempre veu e sigue vindo. As avoas da aldea que non poden desprazarse, que non todos os días poden pagar un taxi para a ir a Ferreira ou que se lles olvidou algo, a min tampouco me ocupa moito e digo, este pedaciño de tenda da aldea que é enxebre pois deixámolo así, non me atrevo a sacala.”
María Teresa Pedreira destaca o dinamismo que hai na aldea de Goián e asegura que despois da pandemia a xente se está movendo moito máis que antes, “A xente ten máis ganas de vivir, de disfrutar, de estar, compartir…. Psicolóxicamente sínteste moi contenta e emocionada porque sabes de aldeas que morren sen xente e aquí ves que cada día a xente anímase a vir, veñen e pregúntache se hai casas para alugueiro ou compra. O pobo tenta medrar e segue medrando e a veciñanza e a xente nova tentan tamén que a aldea non vaia abaixo. Cada día din que van facer isto e aqueloutro, un Entroido más grande, colaboran en que non morra a aldea…”
Guítara, Pereiro, Gallegos e Salcedo estrean o ano con servizo de abastecemento de auga e varias instalacións municipais presentan melloras
O concello de Pantón remata numerosas obras de abastecemento de auga, cumprindo así o compromiso feito hai un ano polo alcalde, José Luis Álvarez, de tentar que toda a veciñanza teña este servizo.
Por unha banda o equipo de goberno acometeu íntegramente a auga de Guítara con 80.000€ e doutou de auga aos núcleos de Pereiro e Gallegos con 50.000€. Tamén con 50.000€ de orzamento levouse o colector de auga a Salcedo en Moreda a través do Plan Único.
Ademais doutras obras de abastecemento que se executan a través de Augas de Galicia, rematáronse varias obras de mellora de distintas instalacións municipais, como a remodelación do Pavillón Municipal á que se adicaron 150.000€ para arranxar o teito, acondicionar solos e vestiarios e pintar as instalacións.
Na Casa Consistorial e na Casa da Cultura, o equipo de goberno adicou 50.000€ para mellorar a accesibilidade na primeira coa instalación dun ascensor e mellorouse o canal de auga da Casa da Cultura para evitar filtracións de auga ao interior.
José Luis Álvarez amosa a súa satisfacción polo remate destas obras que “mellorarán a calidade de vida da veciñanza nestes núcleos co servizo de auga e as actuacións que beneficiarás aos usuarios/as destas instalacións municipais, pavillón, casa da cultura e casa consistorial.” Para este 2023, José Luis Álvarez, destaca nestes primeiros meses o remate do proxecto das residencias que a Fundación San Rosendo executará en Pantón para comezar as obras en breve, despois de que o convenio estea xa asinado.