O Concello de Pantón vén de adxudicar as obras de acondicionamento e mellora da Casa do Curro para convertela en vivendas sociais. As obras teñen un investimento de 260.000€, 160.000€ corresponden á Xunta de Galicia e os 100.000€ restantes ao Concello, darán como resultado 4 novas vivendas nesta zona de entrada a Ferreira.

As actuacións que desenvolve a empresa Contratas Pérez, xa comezaron e teñen un prazo de execución dun ano, polo que en decembro do vindeiro ano terían que estar rematadas.

Aprobouse tamén a adxudicación a Explotaciones Medioambientales da obra do colector de Vilamelle. Esta obra financiada íntegramente polo concello con 113.000€ comezará próximamente e permitirá dar servizo a todo o núcleo de Vilamelle. Despois de estas obras farase a pavimentación de Vilamelle, unha obra de 62.500€ para recuperar todos os camiños e que tamén executará Explotaciones Mediomabientales.

“Estas obras en Vilamelle veñen a completar actuacións como as que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade financia nas parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, co obxectivo de dotar de rede de abastecemento de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos destas parroquias”, lembra o alcalde, José Luis Álvarez, quen tamén anuncia a licitación da obra do camiño municipal de Ribas de Sil a Opaga por 21.000€.

Pantón celebra un Nadal cargado de ilusión para os máis cativos/as da casa

O concello de Pantón convoca dous concursos para este Nadal. Por unha banda, o Concurso de Beléns para o que hai prazo aberto de inscrición ata o día 22 deste mes.  O concurso está aberto á participación de asociacións, familias e persoas a nivel individual do municipio.

Para inscribirse deben de acudir á casa da cultura en horario de 10.00 a 20.00 ou chamar por teléfono ao 982 45 63 77. Tamén aquí pódense inscribir ata o 22 de decembro as nenas e nenos interesadas/os en presentar os seus traballos ao Concurso de Postais de Nadal. As postais deben de incorporar nome, apelidos e idade da/do participante na parte posterior.

Non faltarán ao Nadal de Pantón, Papá Noel e os Reis Magos. No acceso á casa cultura, os/as nenos/as contan co Buzón no que deixar os seus desexos para este Nadal. Ademais o día 22 Papá Noel visitará Pantón, ás 11.30 comezará no Centro de Día para despois achegarse á escola intantil e posteriormente percorrer as rúas de Ferreira.

Os máis cativos seguen sendo protagonistas do Nadal de Pantón co comezo do 2023. Na xornada do día 5 celebrarase o Festival de Reis a partir das 18.00 na casa da cultura. Farase a entrega dos premios dos diferentes concursos e as súas maxestades recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a pedirlles os seus agasallos, poderán gozar ademais doutras propostas lúdicas. “Despois destes dous anos tan difíciles queremos que este Nadal en Pantón veña cargado de ilusión, por iso animamos, sobre todo aos nenos e nenas a participar nas distintas actividades que temos preparadas para que poidan compartir en familia,” convida o alcalde, José Luis Álvarez.

Todos din que é moita comida, pero cómena”, aseguran desde Mesón O Mosteiro cos seus domingos de cocido

Juan Antonio Pérez Vila chegou a Galicia no 2011 desde a República Dominicana porque tiña aquí a súa nai e irmás. No 2016 o seu destino foi o concello de Pantón para comezar a traballar horas extras no Mesón Os Castros. Desde hai 3 anos rexenta o seu propio negocio en Pantón, o Mesón O Mosteiro.

Como está a ser a adaptación a Galicia desde aquí, desde Pantón?

Co tempo adapteime non queda outro remedio. Hai que mentalizarse e adaptarse. Co paso do tempo creei unha familia; coa miña muller dominicana, temos dous nenos, unha señorita e un neno de dous anos. Gústanos o pobo e a vida aquí.

Desde que comezastes co Mesón ata o de agora estades contentos? Que foi o que máis che gustou e o que máis custou?

Sendo sincero, ao principio veunos o pau coa pandemia. Acababámolo de coller en outubro con poucos recursos e comezando cun crédito de banco, abrimos en outubro e en marzo mándannos pechar. Foi pau un moi forte. O mellor, no verán trabállase moi ben aquí. Estamos na praza e os sábados hai moitas actividades, vén moita xente máis os turistas e moi ben.

Agora que non estamos no verán, ofrecedes novidades para o cliente, domingos de cocido?

Si, comezamos unha campaña dedicada ao cocido, se a xente vén o domingo ten cocido. O clima pídeo, estamos en época de matanza e con este frío quérese comer un bo prato moi potente. Ao principio esa sopa de cocido e despois toda esa comida, a verdura, a pataca, os garavanzos, todo… viño, pan, sobremesa e café. Todos din que é moito comida pero cómena.

A diario que ofrece Mesón O Mosteiro?

O que xa se facía e o mesmo desde que abrimos. Dedicámonos a comidas tradicionais, cociña galega e os sabores do pobo, como a carne, temos unha carne moi boa, un pan moi bo, un viño moi bo e todo de aquí. Facemos tamén un bacallau á portuguesa cun guiso de verdura e unha base de pataca panadeira ao forno que gusta moito; churrasco, polbo, temos un polbo moi bo.

Despois dun bo verán, como se afronta o inverno?

Estamos a tentar levar un ritmo estable. No verán traballamos moito e gañamos diñeiro, fixemos todos os días de 8 da mañá ata entrada o madrugada pero se te pos a dividir esas horas o que che queda a fin de mes non che sae rendible,….pero co que sacas de aí podes aguantar no inverno, por sorte, porque agora hai menos xente e días de case ninguén. Tal e como está a luz isto é un pau moi forte tamén, cambiei o horario para o inverno porque se non non hai maneira de aforrar. De martes a xoves de 8.00 da mañá a 22.00, se hai xente podemos esperar ata as 23.00, as 00.00 ou a hora que sexa, pero como non adoita haber nada aquí pecho. Venres e sábado de 8.00 da mañá a 00.00 e o domingo de 9:00 da mañá a 22.00. Os luns abrimos de 8:00 a 12.00 ou 13:00 para dar o café á xente que vén ao concello ou ao ambulatorio para que tomen o seu café ou o que lles apeteza.

Que é o que máis che gusta da vida en Pantón?

O que máis me gusta de vivir aquí é a tranquilidade, ti saes a calquera hora e non tes ningún problema. Baseo a vida no respecto, o respecto mutuo, aquí no pobo respecto e respéctanme, fago as cousas ben, presinto que as fago ben. Gáñome o meu posto como digo eu. Non se que pensarán de min, ao final son latino e hai racismo tamén, por ser diferentes ou por non ser de aquí. Ás veces nótoo bastante, pero hai que loitar contra iso e non abandonar, creo eu.

Sodes unha familia nova, tes 30 anos. O teu futuro velo en Pantón?

O meu futuro está aquí, teño a familia aquí, os nenos no colexio, gústanos o pobo e estamos ben,… o día de mañá si, queremos ter unha casiña e seguir aquí a vida, aquí é diferente. Aquí vas a un médico e os médicos preocúpanse moito por ti. No meu país non. Aquí os médicos dan seguridade para a familia.

“Elas é como una ventaniña á vida destas mulleres, sería lindo continualo nunha especie de biblioteca de saberes ancestrais galegos”, asegura a creadora de Pantón, Lily Baker.

O 23 de setembro proxectábase na casa da culura de Pantón o documental “Elas”, historias de lembranza das nosas avoas. O traballo realizado por unha veciña de Pantón, Lily Baker Fohring, logo percorrería outros concellos como Chantada e A Pobra do Brollón. Durante media hora o traballo mergúllanos na vida das mulleres noutra época, falamos coa autora.

Por que decides facer “Elas”?

Despois da experiencia de voltar a casa despois de anos fora, levaba dous anos viaxando por Australia, Xapón… como bastante lonxe da casa e ao voltar foi como un reenamoramento con Galicia e coa cultura e coa lingua. Xurdiu como un interese en saber un pouco máis do que me rodeaba cando eu era nena. Nunha conversa cun amigo meu contoume a relación que ten coas súas veciñas, que axúdanlle a labrar o campo. El ven dos Países Baixos, non sabían como labrar a terra e elas ensináronlle moito. Falando desta relación falabamos de como todos estes saberes destas mulleres íanse perdendo, como á sabedoría ancestral xa non se lle fai tanto caso. A xente nova marchamos e quedaba esa sabedoría desatendida, as vellas formas de como facían as cousas. Xurdiu a idea de recuperar esas historias e coñecer esa sabedoría desas persoas dos pobos de Pantón.

Con cantas veciñas falaches?

Falar falei con moitas. Comecei en Torre de Vilamirón e fun facendo cultura polas aldeas, igual falei con 15 mulleres, pero no documental aparecen 8.

Por que esas 8?

Eran as que querían participar. Cando a xente sabía o traballo que quería facer recibín unha morea de recomendacións, falar con esta muller de éxito, esta escritora de non sei cantos libros…. Aí non se entendera o meu propósito que era sacar á luz aquelas historias que non se escoitaron e esas historias hai que buscalas. Hai que meterse un pouco máis fondo. Por iso elas, tiñan unha historia que non fora escoitada.

Que contan esas historias?

Moitas cousiñas diferentes. Contestaban as miñas preguntas e as miñas preguntas eran moito sobre a situación da muller antigamente, de que traballaban, onde se reunían, como socializaban e que tipo de rol cumprían dentro da sociedade. Ese era o meu foco, pero despois hai moitas sorpresas, porque cada unha ten unha historia super única. Por exemplo si que se toca moito a parte da emigración, falando do pasado é imposible non falar da emigración e como quedou Galicia baleira. Estas mulleres son supervivintes desa xeración na que marchaban todas e elas quedaron na terra.

Facendo o traballo ou ao rematalo que quedou para ti por riba de todo? A sorte de ser deste xeración e non ser daquela?

Dalgunha forma é unha sorte pero hai algunhas cousas que esperemos que poidan voltar porque había un sentido de comunidade moi grande entre estas mulleres e entre a xente do pobo, axudábanse moito máis e penso que iso é o que nos falta un pouco agora que vivimos nunha sociedade moi individualista e agora tamén coa Covid estamos comenzando a entender que nos precisamos os uns aos outros. A miña esperanza é que xurda unha combinación dos saberes ancestrais e forma de comunidade de antes coas novas formas que temos de vivir.

Fas o traballo con xente de Pantón porque ti es de Pantón, pero podería ser extrapolable a calquera concello do interior de Galicia.

Si, de feito agora que estamos facendo o tour fomos á Pobra do Brollón, a Chantada e hai moita xente que si que se viu reflexada nestas historias.

Por que o vídeo?

Moi noviña comecei coa fotografía, captar beleza e capturar historia. Un pouco o que me levou aos documentais é que a través da cámara hai unha posibilidade de comprender as cousas dunha forma máis profunda. Cando comezas cun tema e fas documental acabas coñecendo moitísimo sobre este tema. É unha inquedanza de querer saber,  de querer indagar nas historias, ademais de combinalo co amor polo cine que era algo que tivemos na familia desde novos.

Era o teu primeiro traballo en vídeo?

É o segundo proxecto audiovisual, pero é o primeiro que podo ensinar ao mundo. O primeiro tamén foi un proxecto lindo que foi o de final de carreira, tamén un proxecto documental de mini reportaxes de aspectos sociais que foran como unha alternativa ao sistema capitalista.

Para “Elas” contaches coa axuda do Pacto de Estado contra violencia de xénero, cunha beca que se repartía a través do Concello de Pantón. Algo en mente despois de “Elas”?

A axuda veu moi ben e a temática de “Elas” ía moi ben nese sentido, así que perfecto. “Elas” é media horiña de traballo con tres reportaxes de 8, 9 minutos cunha pequena intro. Despois de “Elas”, continualo, se fora posible. Elas é como una ventaniña á vida destas mulleres, se descubrín algo é que estas historias teñen moito valor e sería lindo poder continualo e facer unha especie de biblioteca de saberes ancestrais galegos.

O teu presente está aquí, ves o teu futuro aquí?

Para min é máis fácil ver un futuro en Galicia que en calquera outra parte, despois do que levo viaxado. Agora marcho a estudar documental creativo en Barcelona, non había posibilidade aquí. Pero dalgunha forma nótome moi conectada á terra aquí, e se levo voltando e índome todo o tempo é porque sempre me chama de novo. Podo imaxinar o futuro aquí e penso que cada vez máis xente nova pódeo facer.

Proxecto “Coñece os Camiños” Xornada Concello de Pantón

A actividade, que busca a promoción do Camiño de Inverno, desenvolverase no salón de actos da casa da cultura de Pantón o día 8 de outubro co seguinte programa:

  • 11.30h Recepción por parte de autoridades do Concello e membros da Orde
  • 11.45h Apertura do Evento
  • 12.00h Proxección Vídeo Xacobeo 2022
  • 12.10h Conferencia, “Pantón. Pequena Mesopotamia na Ribeira Sacra”. Flora Enríquez, historiadora
  • 12.30h Conferencia, “El Camino de Santiago. Comportamiento de los Peregrinos”. Noelia Fernández Ferreira, directora Orden Camino de Santiago.
  • 12.50h Conferencia, “Impacto y prevención en el Camino de Santiago”. Carmen Rivas Fernández, técnico en saúde ambiental e prevención de riscos.
  • 13.10h Actuación musical
  • 14.00h Almorzo, degustación de produtos típicos da comarca (Reserva previa no teléfono: 982 45 63 77)
  • 15.30h Saída desde o restaurante O Mosteiro para visita guiada
  • 15.45h Visita guiada: Mosteiro cisterciense do Divino Salvador, San Miguel de Eiré e Adega Casa Moreiras
  • 17.30h Remate da actividade.

50 anos da apertura do CEIP Monte Baliño

O CEIP Monte Baliño de Pantón celebra 50 anos, entre os actos programados organizan unha exposición fotográfica con imaxes do centro e dos alumnos desde a súa inauguración ata hoxe.

Para sacar adiante esta iniciativa é necesaria a colaboración veciñal, polo que se solicita a participación de todas aquelas persoas que queiran e poidan achegar as fotografías dos diferentes cursos. Agradécese que as fotos vaian acompañadas de información e da data na que foron tomadas.

Para máis información ou entrega do material fotográfico poden poñerse en contacto co CEIP Monte Baliño no teléfono 982 82 82 15 ou no correo electrónico ceip.montebalinho@edu.xunta.gal ou coa Casa da Cultura do Concello de Pantón no 982 45 63 77 ou no correo culturapanton@gmail.com.

“Non houbo perigo, temos 3 ríos, non se debe alarmar á xente”, asegura o alcalde de Pantón respecto dos últimos incendios no municipio

O municipio de Pantón padeceu no que vai de verán dous incendios provocados, un a mediados de agosto en Frontón e outro esta pasada fin de semana en Santiago de Cangas. Este último creou momentos de tensión pola proximidade a varias vivendas, pero foi controlado en poucas horas.

O alcalde, José Luis Álvarez, asegura que non chegou a haber perigo real porque os medios controlaron o lume a tempo, “Creo que somos afortunados porque contamos con tres ríos, creo que ningún concello próximo dispón de tantas balsas de auga como temos en Pantón. Un helicóptero pode cargar no Miño e no Sil, pode cargar nas balsas de viñedos que teñen millóns de litros, pode cargar no balneario. Onde foi o incendio estaban as balsas de Rosende que foi onde cargaron. Poden cargar na Torre de Vilamirón con 300.000 litros de auga e está sempre cheo ou na piscina municipal onde tamén poden cargar os helicópteros. As carrocetas poden cargar na Santa Mariña, A Torre, Budián, Pantón, Vilar de Ortelle e 3 en Tuiriz, no monte de Ferroedo e no antigo campo de fútbol.”

O rexedor insiste en que non houbo perigo porque hai suficientes bolsas de auga e non unha soa opción de carga, como sinalan desde o BNG. “Non se debe alarmar á xente demostrando descoñecemento sobre os recursos de auga que temos no municipio para a extinción de incendios. En canto a prevención facemos o que nos corresponde como concello, limpamos as cunetas na primavera e enviamos comunicacións para que a veciñanza manteña limpas as súas fincas”, conclúe José Luis Álvarez.

“O pantalán xunto co local fan unha boa unión, danos moita vida”, asegura o responsable do restaurante da Maiorga

O embarcadoiro da Maiorga no Concello de Pantón ten en funcionamento o servizo de restaurante-bar desde finais do mes de xullo. Segue xestionándoo Nemesio Cora Fraga que xa o viña rexentando desde o 2017.

Despois de ter pechado as portas en outubro do pasado ano e ter deixado atrás a situación de pandemia, como está sendo este verán?

Moi bo, aquí a xente xa nos coñece, xa tes unha clientela a maiores do turismo, a xente da zona tamén vén. Non é como abrir de novo, a xente xa nos coñecía e foi abrir e funcionar moi ben. A terraza do bar no mes de agosto estivo chea todas as fins de semana.

Cales son as prevións de apertura para os vindeiros meses?

Todos os días ata mediados de setembro, despois fins de semana e festivos ata o 1 de novembro e en inverno facemos por encarga. Se nos chaman facemos, aquí ao estar tan apartados no inverno non podes abrir unha fin de semana e traer comida para 20 e que despois non haxa ninguén, entón facemos por encargo durante o inverno.

A xente achégase a xantar ou prefire cear? Que especialidades tedes?

Vén máis xente para xantar, as ceas funcionaron case todos os días en agosto, pero o noso forte é o mediodía. Temos churrasco de tenreira, porco, polo á brasa. A nosa especialidade é o peixe á brasa e o marisco.

1c

O cliente da Maiorga chega en coche ou por río?

De todo. Maiorga ten o embarcadoiro e por exemplo o outro día veu o catamarán de Sacra Activa e pararon aquí e comeron aquí. Ten as dúas opcións e as dúas son boas. O pantalán xunto co local fan unha boa unión, o pantalán é interesante que exista. A nós dános moita vida.

A concesión do servizo é ata o 2025, para o futuro pénsase en facer concertos ou outro tipo de actividades?

Durante o inverno traballaremos a idea de facer concertos cara o verán, os venres ou sábados pola noite ter música en directo. Teño ganas de facelo, para o ano vou o estudar o tema ben para organizar este tipo de actos. Estudei guitarra no conservatorio de Viveiro e teño amigos do meu ámbito e moitos amigos xa me dixeron de vir tocar este ano e díxenlles que esperaran para preparalo todo para o ano que vén.

"Pasamos de convivir 400 veciños na parroquia a máis de 4.000 cun comportamento excelente”, aseguran desde a organización do Trece Roeis

Entre o 19 e o 22 de agosto o Concello de Pantón contou con dúas citas festivas que encheron de actividades, música e xente as rúas de Ferreira. Nos dous primeiros días celebrouse a teceira edición do Festival Trece Roeis e os días 21 e 22 de agosto Ferreira celebraba as súas Patronais.

O Festival chegaba con novidades, ampliaba a duración a dous días, con máis concertos, máis espazos e máis actividades. Desde a organización, a Asociación Cultural Trece Roeis, sinalan, “O que se viu estes días na vila, creo que nunca se vira, chegou xente de toda Galicia e xente de fóra. Era o Trece Roeis máis completo, era o primeiro ano de dous días que era un salto cualitativo e cuantitativo moi importante. Todas as actividades programadas pintaban moi ben, pero executalas é o máis complicado en calquera evento. A cata foi un éxito, en cuestión de horas cubrimos o aforo e había aforo para unas 35 persoas. Funcionaron moi ben os concertos con chateos en Rectoral de Amandi e Vía Romana e as degustacións do venres con Torre de Núñez e Galletas Mariñeiras Daveiga tamén houbo moita xente e foi un éxito coas actuacións posteriores do venres. Quedamos tamén moi satisfeitos con esa primeira pedra da feira artesanal do sábado, tivemos unha feira de 8 ou 10 artesáns que era o apropiado para o evento deste ano.”

No primeiro día do Trece Roeis contouse cuns 4.000 asistentes e na segunda xornada foron sobre 3.500. A zona habilitada para a acampada utilizárona máis de 1.000 persoas. O Concello de Pantón e asociación promotora agradecen o comportamento das persoas asistentes, “Moi satisfeitos cos festivaleiros e festivaleiras do Trece Roeis. Non houbo incidentes nin queixas da veciñanza. Cando pasamos de convivir 400 veciños na parroquia a convivir máis de 4000 persoas, sempre pode haber problemas de convivencia, por ruidos e demais e ata o día de hoxe non tivemos queixas. O comportamento da xente que participou do Festival foi excelente.”

Polo Festival pasaron: El Drogas, Heredeiros da Crus, Guezos, MJ Pérez, o´leo de Matamá, Searas, Cabodano, Boikot, Lágrimas de Sangre, A banda da loba, Festicultores Troupe, Liviao de Marrao, Breocáns, Zeltia Irevire, Paco Nogueiras, Muy Montes, Baturruka, DJ Maceda, DJ Xan e DJ Xosé, que quedaron tan impresionados coa organización e o seu público que xa pensan en volver, “Falamos con gran parte dos grupos e todos marcharon impresionados da posta en escena do festival, creo que ninguén a esperaba porque está organizado por unha asociación sen ánimo de lucro. Todas e todos os artistas quedaron contentas con como os fetivaleiros responderon nas súas actuacións e creo que con moitas ganas de volver outra vez á Ribeira Sacra e volver outra vez a Pantón ao Trece Roeis.”

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, felicita o traballo da organización do Festival coa que colabora a administración local e o comportamento do público asistente e louba o ambiente que se viviu en Pantón durante estes días, “Foron 4 días incribles en Pantón, despois do Trece Roeis seguían as Festas Patronais de Ferreira cun domingo excepcional e o cuarto día, o luns, houbo unha orquestra moi boa que conseguiu levar xente á verbena a pesar dos días acumulados. Está habendo xente por Ferreira todos os días, pasadas as festas, de momento non notamos a baixada de xente, creo que comezará a notarse a partir da próxima semana.”

4 días para non perderse Pantón, 13 Roeis Fest e Festas Patronais de Ferreira

Pantón celebra os días 19 e 20 de agosto unha nova edición do 13 Roeis Fest que organiza a Asociación Cultural 13Roeis coa colaboración do Concello de Pantón. Esta terceira edición chega con novidades, aumenta a duración a dous días, o que supón máis grupos e máis actividades e amplíanse os espazos acollendo citas literarias, de artesanía, gastronómicas e co viño.

Os grupos participantes no 13Roeis o día 19 de agosto son: El Drogas, Heredeiros da Crus, Guezos, MJ Pérez, o´leo de Matamá, Searas  e Cabodano. O día 20 actuarán: Boikot, Lágrimas de Sangre, A banda da loba, Festicultores Troupe, Liviao de Marrao, Breocáns, Zeltia Irevire, Paco Nogueiras, Muy Montes, Baturruka, DJ Maceda, DJ Xan e DJ Xosé.

Rematado o 13 Roeis segue a música e a festa en Pantón porque Ferreira celebra os días 21 e 22 as súas Festas Patronais. O día 21 comezará con música na rúa coas charangas Leña Verde e Cadela Asasina a partir das 11.00, ás 12 e media sesión vemú nos bares de Ferreira e ás 14.00 na Praza de Goián. Ás 17.30 quenda para os cativos con Infantilandia na Praza do Concello. A verbena comezará ás 21.30 coas orquestras Saudade e Gran Parada.

298697161_432051955613888_5648876176732363161_n

A xornada do luns, 22 de agosto, seguirá unha estrutura similar, o pasarrúas correrá a cargo de Os Teixeiras, sesión vermú e Infantilandia que nesta xornada celebrarase na piscina municipal. Para rematar este último día contarase ás 21.30 coa Banda Folk de Ribas de Sil e verbena coa orquestra Tango e o Dj Espaevent.

Desde o concello, o alcalde, José Luis Álvarez convida á veciñanza a participar dos diferentes actos que durante 4 días vestirán de festa o concello, “Desde este venres, Ferreira contará con ese ambiente de Festival e de mocidade que encherá de vida a vila e a súa contorna; e o ambiente festivo segue coas nosas festas nas que non falta a música, as actividades infantís e as verbenas nocturnas. Ofertas de lecer para todas as idades e para ir pechando un agosto cargado de actividades e propostas culturais e festivas para a veciñanza.”

Pantón acolle o 19 e 20 de agosto un 13Roeis que amplía días, actividades e espazos de celebración

O Pazo de Ferreiroá acolleu este luns a presentación dunha nova edición do 13Roeis, festival de referencia na Ribeira Sacra que organiza a Asociación Cultural 13Roeis para os días 19 e 20 de agosto.

Esta terceira edición chega con novidades, aumenta a duración a dous días, o que supón máis grupos e máis actividades e amplíanse os espazos acollendo citas literarias, de artesanía, gastronómicas e co viño.

No espazo Xacobeo 22 centrarase a actividade do Festival, cos concertos no escenario Mahou 5 estrellas, o xantar popular, a zona de foodtrucks e bar. Aquí celebraranse tamén a feira de artesanía ou as presentacións literarias; o espazo infantil, onde se aloxará a zona de acampada e duchas, habilitando un novo espazo para furgonetas e campers. No apartado literario presentaranse as obras de Clara Vidal e Daniel Asorey.

Haberá un espazo 13Roeis no Mosteiro Cisterciense do Divino Salvador, con cata de viños e un obradoiro sensorial, entre outras actividades. Participan 25 adegas da D.O. Ribeira Sacra, 3 delas como patrocinadoras principais do Festival. Xunto a este tamén está o novo espazo serán, que acolle máis concertos e pasarrúas.

Na presentación do 13Roeis participaron Miguel García da asociación organizadora, o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a deputada Ana González e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández; como institucións colaboradoras co 13Roeis. Todos eles agradeceron as colaboracións e felicitaron a iniciativa que leva o nome de Pantón e da Ribeira Sacra máis alá das fronteiras de Galicia, cun cartel que chega a todos, especialmente á mocidade.

Desde a organización Miguel García destacou que o “Trece Roeis Fest é un referente no eido dos festivais, xa que, ademáis de achegar bandas do panorama español cunha importante representación de agrupacións galegas e de bandas mixtas ou encabezadas por mulleres, crea un espazo no que a música mestúrase coa artesanía, a gastronomía, o mundo do viño a literatura e una morea de actividades para toda a familia.”

O alcalde, Jose Luis Álvarez, lembrou a traxectoria deste Festival que ano a ano aumenta a calidade e oferta de actividades e que axuda a difundir o nome do concello e de toda a Ribeira Sacra.

Os grupos participantes no 13Roeis o día 19 de agosto son: El Drogas, Heredeiros da Crus, Guezos, MJ Pérez, o´leo de Matamá, Searas  e Cabodano. O día 20 actuarán: Boikot, Lágrimas de Sangre, A banda da loba, Festicultores Troupe, Liviao de Marrao, Breocáns, Zeltia Irevire, Paco Nogueiras, Muy Montes, Baturruka, DJ Maceda, DJ Xan e DJ Xosé.

Sábados na Praza dentro do Verán Cultural de Pantón

O Council of Pantón desenvolve durante os meses de xullo e agosto unha ampla programación cultural e de lecer para todos os públicos.

As actividades comezan este venres, día 1 de xullo, coa posta en marcha dos Campamentos de Verán, que este ano desenvolveranse en 4 quendas, durante dous meses en horario de 10:00 a 14:00. “Levamos desde o ano pasado loitando por uns bos campamentos porque tamén é un investimento moi forte, ter campamentos tanto tempo con tantos monitores. O ano pasado foi mes e medio e este ano conseguimos máis tempo grazas á colaboración da Xunta que ten plans de conciliación moi bos,” sinala a concelleira de cultura de Pantón, Cristina Domínguez.

Están cubertas as 50 prazas ofertadas, “no verán en Pantón hai moitas nenas e nenos que veñen de vacacións a onde os avós e tamén temos que conciliar aos avós. En Pantón temos moita xente que pasa o verán na aldea, na casa dos avós. Hai un repunte importante da poboación, unhas 15 prazas dos campamentos son de nenos de vacacións que repiten de ano en ano.”

Sábados na Praza

Durante os sábados de xullo e agosto a partir das 23:00 a Praza do Concello de Pantón acollerá algunha actividade cultural, coa seguinte axenda:

  • Día 2 de xullo, Rocketeamos Todas con Pakolas. (Ler conta moito).
  • Día 9 de xullo, Diario de dúas músicas do século XXI. (Ler conta moito).

Estas actividades están máis orientadas ao público infantil, aproveitando que nas tardes e noites do verán fórmase un bo grupo de nenos xogando na praza, para darlles máis opcións de lecer.

  • Día 15 de xullo, Live is life. Proxectarase a película do director monfortino, Dani de la Torre, que conta con moitos escenarios de Pantón. Esta actividade faise en venres porque o sábado, 16 de xullo, celébrase a Batalla de Grupos do Trece Roeis Fest.
  • Día 23 de xullo, concerto da fadista, Iria Estévez.
  • Día 30 de xullo, concerto dos galegos de The Tetas´ Van.
  • Día 6 de agosto, espectáculo Círculo de Lume, onde se mesturan danza e acrobacias nun espectáculo con lume.
  • Día 27 de agosto, concerto do cantante e compositor, Xan Curiel. Este concerto será ás 22:00h.

“Estas actividades programámolas ás 23:00 porque a xente está na piscina ata as 21:00, logo cean e despois dámoslles unha escusa para achegarse á praza a pasar un momento agradable con diferentes propostas. O último sábado de agosto facémolo ás 22:00 porque se fai de noite máis cedo. Os dous sábados que quedan no medio non programamos nada porque no primeiro son as festas de Monforte e no segundo temos en Pantón o Trece Roeis e as festas”, aclara Cristina Domínguez.

O 1 de xullo abre a Piscina Municipal

O venres, 1 de xullo, abre a Piscina Municipal de Pantón. As instalacións que estarán atendidas por dous socorristas permanecerán abertas todos os días en horario ininterrompido de 13:00 a 21:00h. O prezo da entrada será de 1,50€ e menores de 16 anos non teñen que pagar nada.

“O pozo e o forno da casa usábaos toda a aldea e hoxe aínda funcionan”, Casa Dulcinea, Turismo Rural en Pantón

Casa Dulcinea é unha das 6 Casas de Turismo Rural coas que conta o municipio de Pantón, xunto coa Casa dos Muros, Rectoral de Castillón, Aira Sacra, Casa da Vila e Casa o Canto da Terra, ademais doutra ducia de vivendas-apartamentos turísticos e hoteis.

Casa Dulcinea ubícase en Panfolía, Espasantes e cumpre 18 anos de funcionamento, despois de que os seus promotores, Juan Carlos Prado Díaz e Felisa Aguado Martínez, a comezaran a restaurar no 2003 para abrila en decembro do 2004.

Esta parella adoitaba facer o tipo de turismo que logo quixeron converter no seu proxecto, grupos de familias con fillos que se xuntaban cada certo tempo. Viron que había moita demanda deste tipo de turismo e que podían xerar algo.

Juan Carlos e Felisa non son de Pantón, pero quixeron desenvolver o seu proxecto turístico no municipio. Por que escollestes Pantón?

O meu pai é do Barrio, cólleslle agarimo ao sitio, a casa de en fronte era dos meus avós. Xúntaste coa familia e apégaste a isto. Entón comezamos con Casa das Cruces no Barrio, que a abrimos en 2002 como turismo vacacional, era unha casa de tres habitacións e un baño e funcionou moi ben. A casa houbo que ir restaurándoa aos poucos, empezamos para tela as fins de semana para nós e despois decidimos alugala.

E moi pronto todos os esforzos concéntranse en casa Dulcinea, foi complicado o proxecto dunha vivenda de Turismo Rural moito maior que Casa das Cruces?

Era unha casa grande aquí á beira, propiedade dun matrimonio que xa non estaba e que levaba anos abandonada. Na rehabilitación non se alterou nada, mellorouse. Modificouse un pouco o interior para adaptarse aos requirimentos de turismo, reforzáronse vigas e columnas. Pero consérvase todo, o patio ao que entraban co carro e tiñan as cortes e zona de adega para o viño. Aquí había galiñas e coellos, alí os porcos e as vacas, leña alí arriba. Era o sitio da labranza onde eles sacaban as cubas.

Consérvase un pozo que é un manancial e comentan os da aldea que cando se quedaban sen auga viñan aquí por ela. Segue tendo auga, os primeiros anos da casa non había auga pública e utilizábase a do pozo, é auga potable, está analizada. O forno igual, é un forno grande onde viña cocer e asar toda a xente da aldea. Seguimos facendo cordeiro, empanadas,… vai perfectamente.

Casa Dulcinea ten algo da Mancha en Pantón.

O nome vén porque a miña muller é da Mancha e puxémoslle Dulcinea por cambiar dos nomes de aquí un pouco. Por exemplo, as habitacións teñen nomes de capítulos de El Quijote.

18 anos de Casa Dulcinea que empezaron como un investimento, que balance facedes?

Positivo, ata a pandemia moi positivo, da pandemia para aquí xa non é o mesmo. Nós a crise do 2008 non a notamos, agora si. Antes a xente viña por moito tempo ou reservaba con moita antelación, de ano a ano. Desde o 2020 iso acabouse. Unha familia que só viva disto hoxe estao pasando mal, para nós é un complemento.

Cal é o voso cliente máis habitual?

Temos de 3 tipos, o grupo de amigos, o familiar de nais, fillos, avós,… e para despedidas e eventos. O cliente de turismo rural é un cliente preocupado, responsable, sempre procuras tentear á xente para ter a xente tranquila, iso dácho a experiencia.

De onde chega o cliente, cando e por que vías contacta e reserva a casa?

O cliente galego é da tempada de outono e primavera. O cliente de Madrid, Andalucía, Valencia, Cataluña, Portugal …adoita ser de xullo ata setembro e nas pontes longas. Na útlima ponte estiveron de Madrid, está a vir moita xente de Castela León, Salamanca, Valladolid e Asturias.

Internet é por onde nos coñecen e reservan. Agora estamos a terminar de actualizar a web e estamos tamén con Turgalicia, a Federación Galega de Turismo, o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra,…

Se o cliente quere saír da casa pide asesoramento para moverse, aquí tiña unha oficina de turismo chea de publicidade que coa pandemia tivemos que retirar, pero saco mapas, informo de adegas, restaurantes, contactos… Pasan 2 horas entre que ensino a casa e falamos cos clientes.

Que recomendades visitar desde Pantón?

O románico, a fervenza de Augacaída, o roteiro polo Miño ata a Cova, o roteiro dos miradoiros de Sober, adegas, que se acheguen a Santo Estevo desde A Barca, as pasarelas do Mao, o catamarán ou barcos máis pequenos segundo se veñen con nenos ou son grupos que van en familia e queren estar sós.

Volve a Rota do Románico de Pantón para seguir afondando na simboloxía do noso patrimonio

O Council of Pantón recupera despois de dous anos de pandemia a celebración dunha das súas actividades máis emblemáticas, as Xornadas da Rota do Románico. As actividades desenvolveranse en diferentes días entre o 29 de maio e o 26 de xuño; abrindo e pechando con concertos, mentres as conferencias terán lugar os días 3, 10, 17 e 24 de xuño.

Os concertos terán lugar no Mosteiro Cisterciense do Divino Salvador de Ferreira ás 19:00h, comezando co grupo vocal Solo Voces e pechando o 26 de xuño cun concerto do grupo de cámara Cuarteto Provenza. Precisamente o xardín do mosteiro foi o lugar escollido para a presentación, xa que todo o relacionado coa Rota do Románico de Pantón quere poñer en valor o patrimonio co que conta o municipio, como explica a coordinadora da Rota, Flora Enríquez, “Estamos aquí porque este mosteiro é moi importante na Ribeira Sacra, é o único mosteiro que perdurou con vida relixiosa ata os nosos días. Aí radica a súa importancia e agora actuouse na antiga hospedería. Sempre marcamos unha simboloxía, queremos divulgar o noso patrimonio, por iso o cartel correspóndese con outra imaxe simbólica en Pantón, a da torre da igrexa románica de San Miguel de Eiré.”

Flora Enríquez referiuse tamén ao que supón poder recuperar esta celebración, “Despois de 2 anos sen poder celebralo da maneira que nos gustaría, porque o románico non desaparece aínda que houbera pandemia… Está todo moi ben construido, con templos que levan máis de 1000 anos en pé e despois de dous anos sen ter conferencias e actos musicais, nin actos culturais relacionados con isto, é para nós unha satisfacción poder de novo presentalo e celebralo.”

As conferencias terán lugar ás 20:00h. no salón de actos da casa da cultura. O 3 de xuño, Sandra Piñeiro Pedreira, historiadora e investigadora da USC, dará a conferencia: “A cultura escrita nos mosteiros da Ribeira Sacra (XI-XIII)”. O 10 de xuño, Vicente Feijoo Ares, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, ofrecerá a conferencia: “Toponimízate, falámosche dos nomes da túa terra”. Javier Gómez Vila, Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga falará da presenza romana na Ribeira Sacra, a cita será o 24 de xuño.

Ademais o 10 de xuño, ás 19:30 no xardín do mosteiro presentarase o libro “El ciprés del monasterio del Divino Salvador de Ferreira de Pantón”, de Carlos Rodríguez Dacal, Botánico e Doutor en Bioloxía.

“Estas xornadas para o concello son moi importantes porque Pantón e románico estiveron sempre unidos. A Rota do Románico é unha forma de atraer a xente de fóra a que veña vernos e tamén damos a coñecer actividades relacionadas co noso patrimonio a través das redes e da prensa e sempre estamos no día a día,” afirmaba na presentación o alcalde, José Luis Álvarez, que convidaba á participación nas diferentes propostas desta nova edición da Rota do Románico.

“Tentamos promocionar o que é Pantón”, Belén Fernández, Mesón Os Castros

A finais de febreiro deste 2022 adxudicábaselle o arrendamento do “Mesón Os Castros” para uso de bar-cafetería-restaurante a Belén Fernández Rodríguez. Belén é orixinaria de Pantón e sempre estivo vinculada coa hostalería porque seus pais tiñan o bar xunto á vía do tren en San Esteban do Sil. Máis tarde comezaría a traballar en cafetarías e restaurantes de Pantón como camareira, para con 22 anos poñerse ao frente do Mesón Os Castros, “Ao final, a hostalería nacín nela e aquí teño á miña nai botándome unha man e xogo cunha ventaxa de 30 anos de experiencia. Non tes horarios, sabes a que hora entras, pero nunca a que hora saes. Son moitas horas, pero é o que hai neste traballo”, asegura Belén.

Abren as súas portas todos os días ao redor das 8 e media, agás o xoves que pechan por descanso. Belén conta con dúas empregadas e ofrecen tapas e racións, comidas para levar e menús do día. Nas fins de semana comezaron a ofrecer churrasco, “Púxonos unha parrilla o concello e o churrasco está saíndo moi ben. De momento traballámolo nas fins de semana, pero igual poñémolo toda a semana”.

O Mesón Os Castros ofrece viños elaborados no concello ao amparo da D.O. Ribeira Sacra e promociona outros produtos gastronómicos locais, “Utilizamos carnes de aquí e produtos de aquí, tentamos promocionar o que é o concello. Os viños son todos de adegas do concello, non temos ningunha adega de fóra para axudar tamén á xente do concello.”

O Mesón Os Castros abría as súas portas cando as limitacións da pandemia chegaban ao seu remate e despois dunha boa Semana Santa, agardan un bo verán e unha Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón de moito traballo, “Temos unha terraza moi boa e está funcionando moi ben. Para a Feira do Viño terei que reforzar o persoal para atender o comedor e a terraza, pero o problema é que non hai ninguén que queira traballar”.

Como actividades alternativas, non descartan organizar concertos, “a idea é que ao rematar as festas a xente siga tendo actividades e non se encerre nas casas”, asegura Belén que nestes comezos enfróntase a problemas con Google para actualizar a información do establecemento e a que aparece é incorrecta; sen embargo fóra de internet a iniciativa de Belén dá os seus froitos, “Non hai queixa para os comezos, a xente vai sabendo que estamos aquí. Vives do día a día, dos veciños que veñen, non da xente de fóra, pero si que é verdade que nas fins de semana e agora na Semana Santa notouse moita xente de fóra, o Balneario tamén axuda moito.”

Con 22 anos esta nova empresaria imaxina o seu futuro no concello de Pantón, “Espero que o meu futuro sexa en Pantón, espero seguir aquí, non sei se haberá traballo ou non o haberá. Se hai traballo quero quedarme aquí. Teño aquí a toda a familia e todos os meus amigos, que mellor que na casa?”

A XXVII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón celebrarase o 14 e o 15 de maio e farao sendo Festa de Interese Turístico de Galicia

O Concello de Pantón celebra os días 14 e 15 de maio a XXVII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que o Consello da Xunta vén de declarar Festa de Interese Turístico. “Para nós volver a celebrar a Feira despois de dous anos e facelo sendo Festa de Interese Turístico de Galicia é unha gran satisfacción. A xente ten moitas ganas de saír e a Feira sempre é unha boa opción para traer xente aquí e para que veñan todos os que viven fóra e aproveitan a Feira para visitarnos”, asegura o alcalde, José Luis Álvarez.

Nesta edición participan 8 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, Don Ventura e Corzoás. A apertura das casetas farase ás 12:45h do sábado e 15 minutos despois será a inauguración por conta de Don Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo. O resto da programación da Feira é a seguinte:

SÁBADO

  • 13:15 Entrega de premios do VII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra – Viticultura Heroica con actuación da Batucada Aikirindo
  • 14:30 IV Festa de Empanada no recinto do Castro
  • 21:30 Concerto do Grupo A Roda
  • 23:00 Música a cargo do Grupo Alcar
  • 00:30 Actuación do grupo La Penúltima Sabinera (Tributo a Sabina)

DOMINGO

  • 12:30 Recepción de autoridades no recinto feiral
  • 13:00 Pregón da XXVII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a cargo de Don José Mouriño Cuba, exfuncionario do Estado da Xunta de Galicia, escritor e membro da Academia Galega de Gastronomía.
  • 16:30 O folión Xograres de Lemos, acordeóns
  • 19:00 Actuación da orquestra Solara

Nas dúas xornadas contarase con música durante todo o día, o sábado coas charangas Europa e Caliqueños e o domingo coas charangas Leña Verde e Unión Phenosa.

Contarase con servizo de autobuses con Monforte e Escairón. As saídas desde Monforte serán ás 13:00 e 19:30 e as saídas desde Escairón ás 13:45 e 20:15. Os regresos a Monforte serán ás 2:00 e ás 3:00 e os regresos a Escairón serán tamén nese horario.

Horario_buses-bueno

Este ano Pantón non será a feira que peche o ciclo de feiras na D.O. Ribeira Sacra, farao Chantada o vindeiro mes. Desde o concello faise un chamamento á participación nesta cita para gozar dos viños da última colleita no único concello que ten tres ribeiras na D.O. Ribeira Scara, “Somos o único concello que temos tres ribeiras, o Miño, o Sil e o Cabe, iso é o que fai especial os nosos viños, que podes escoller entre distintos tipos de viños”, conclúe o rexedor local.

“Levamos moito tempo na parte turística e todo se prepara en parte por iso. Por aquí vai a pasar moita xente”, asegura o responsable de Adegas O Castro

O concello de Pantón caracterízase por ser un dos municipios da Ribeira Sacra con máis patrimonio arquitectónico en forma de templos relixiosos e pazos e casas grandes. Un deses templos, o convento dominico de San Martiño de Pantón e o ser deste municipio, fixo que Lorenzo López, empresario dunha cadea hoteleira en Canarias con raíces en Pantón, apostara por investir e emprender nel.

“A idea é dunha persoa nativa de aquí que emigrou de nova e quixo volver ás súas orixes. O obxectivo era rehabilitar o convento dominico e crear un proxecto vitícola sostible, moderno e mecanizado”, afirma o responsable de Adegas O Castro.

“A iniciativa privada é moi importante para axudarnos a levantar o noso rural. Este proxecto xera empregos, movemento de xente, a hostalería e o sector servizos nótano. Sempre é unha honra que a xente volva á súa terra e queira investir nela. Confiamos e desexamos o mellor futuro para este proxecto e todas as iniciativas empresariais que temos en marcha en Pantón. O movemento xera movemento” sinala o alcalde, José Luis Álvarez.

A empresa que nace coa denominación de Adegas O Castro adquiriu o convento dominico do século XV e estao rehabilitando para fins turístico enolóxicos ao tempo que desde o 2019 estiveron traballando na compra de parcelas, “falando cos vecinos e percurando facer fincas grandes porque estamos nunha zona de minifundio e tentamos agrupar e buscar mínimo fincas de 10 e 20 hectáreas.”

Na actualidade teñen prantacións en Espasantes e Atán, 120 hectáreas e a previsión é chegar a 200 hectáreas, “buscamos moitas variedades autóctonas da zona e centrámonos máis na Godello. Tamén puxemos Mencía, Loureira, Branco Lexítimo, montamos 10 hectáreas de Albariño nun parral. Buscamos facer mesturas destas variedades de uva para ter un viño con bo aroma, bo padal e que non teña moita graduación”.

As cepas prántanse en chan, en zonas altas, “prantamos onde ninguén pranta en terreos que non tiñan utilidade e así revalorizamos estas terras que non son pastos para os xabarís e contribuimos a que non haxa incendios.”

Doce persoas traballan en plantilla durante todo o ano e para as campañas como poda,  prantación ou vendima, contrátanse empresas auxiliares, chegando a equipos de ata trinta persoas durante dúas ou tres semanas que traballan nunhas viñas totalmente mecanizadas. “O ano pasado a vendima foi un ensaio, queríamos probar a uva e ver como estaba de zucre. Esta sería a primeira vendima, acabar de equipar a adega e este ano procesar aquí.”

O principal destino dos viños que aquí se elaboren será o autoconsumo nos hoteis da cadea e podería entrar na D.O. Ribeira Sacra unha pequena parte das prantacións en zona de produción da D.O. Ribeira Sacra.

A adega que prácticamente se puxo en marcha durante a pandemia apura os pasos para ter todo preparado e que neste ano xa se podan abrir as portas “O convento vai ser enoturismo, levamos moito tempo na parte turística e todo se prepara en parte por iso. Por aquí vai a pasar moita xente, na parte alta temos dous grandes salóns para eventos, reunión e degustacións.”

Os nenos e nenas de Pantón deixan xeado ao patriarcado esta fin de semana en Leitariegos

Este venres, 25 de marzo, o alcalde de Pantón, Jose Luis Álvarez e a concelleira de Turismo, Cristina Domínguez, acudiron a despedirse das nenas e nenos que esta fin de semana participar no campamento de inverno “Deixa xeado ao Patriarcado”.

 

A actividade forma parte do programa do “Pacto do Estado contra a violencia de xénero” do Ministerio de Igualdade. Esta é a primeira das actividades encadradas neste programa contra a violencia de xénero neste ano 2022. Nos próximos meses faranse outras actividades como un obradoiro de contos, unhas xornadas abertas con actividades varias, así como un roteiro temático e un pequeno documental. En edicións anteriores deste programa o Concello de Pantón elaborou un documentario, organizou un campamento de surf e realizou diferentes propostas de sensibilización no CEIP Monte Baliño.


Esta fin de semana as nenas e nenos de Pantón que participan na actividade, viaxan á estación de esquí de Leitariegos, onde gozarán de dúas xornadas de xogos con neve, esquí, rocódromo, etc. Estarán acompañados por educadoras especialistas na temática, que traballarán e farán reflexionar ás nenas e nenos sobre as múltiples violencias de xénero que acontecen no día a día.

Iniciativas solidarias veciñais en Pantón coa colaboración do Concello

En febreiro do 2021 a Asociación de Veciños de Tuiriz con U, decidía facer unha recolecta solidaria para trasladar ás persoas do municipio que máis o necesitaran. Para coñecer as necesidades reais destas persoas e que o material aportado fora o máis adecuado posible, puxéronse en contacto con Servizos Sociais do Concello de Pantón. A iniciativa do pasado ano tivo moi boa aceptación e moitos veciños colaboraron a pesar das limitacións pola pandemia que había no municipio hai un ano.

Por este motivo a asociación decidiu de novo este ano facer outra colecta solidaria. A veciñanza interesada en colaborar achegou ao local social desta asociación veciñal produtos de alimentación non perecedoiros, produtos de hixiene e roupa de neno e de home, xa que estas foron as necesidades que máis detectaron desde Servizos Sociais do Concello. O material doado recólleno desde Servizos Sociais para distribuír entre quen máis o precise.

“Agradecemos a colaboración do concello porque co asesoramento de servizos socais podemos facer unha recollida axeitada ás necesidades e a axuda repercute no noso entorno máis cercano. Na asociación somos 170 veciños e esperamos chegar este ano a 200, facemos actividades para dinamizar o pobo e sumar asociados, queremos traballar xuntos e axudar no que poidamos cando vemos necesidades,” sinalan desde a asociación.

O concello de Pantón inicia unha campaña de apoio ao pobo Ucraíno

O concello de Pantón solidarízase coa situación derivada da guerra entre Rusia e Ucraína e decide iniciar unha serie de medidas para favorecer a colaboración de toda a veciñanza que queira facer a súa aportación a través de dúas vías.
Por unha banda habilítase un número de conta para que as persoas que o desexen poidan facer as súas achegas económicas, nun momento en que calquera aportación é fundamental. O número de conta é: ES78 2080 0116 5831 1000 0048. A cantidade recadada xestionarase segundo a demanda, destinándose principalmente a alimentos.
Por outra banda faise un chamamento ás veciñas e veciños que poidan ceder unha vivenda para acoller ás familias refuxiadas. O concello asumirá os gastos derivados do acollemento, en canto a luz, auga e lixo. “O acollemento faríase en réxime de cesión, non de alugueiro. As persoas que queiran ceder unha vivenda para colaborar na difícil situación na que se atopa o pobo ucraíno recibirán a colaboración do concello en canto aos gastos de luz, auga e lixo,” explica o alcalde, José Luis Álvarez. As persoas interesadas na cesión de vivenda poden poñerse en contacto co educador social do concello nos teléfonos 607 04 20 77 ou 982 45 65 61. 
A iniciativa veciñal traballa noutras propostas que contribúan a sensibilizar sobre a situación de crise que vive o pobo ucraíno e solidarizarse con diferentes aportacións. “Hai outras iniciativas sobre a mesa como unha cea para recadar fondos ou un concerto solidario. Tentaremos desde aquí coordinar toda axuda posible”, como apuntan os/as veciños que propuxeron a iniciativa, querendo xerar unha rede de persoas que queiran colaborar na axuda ao pobo ucraíno

Bono Cultural Xoven

O Bono Cultural Xoven é unha axuda que terá un importe de 400 euros e poderase utilizar para asistir a espectáculos, compra de produtos culturais físicos e tamén de consumo dixital ou en liña. Todos os mozos que soliciten este bono, terán 365 días desde a súa activación para consumir este saldo. Os requisitos para poder solicitar o bono, son moi sinxelos e isto fai que o proxecto sexa moi atractivo para cumprir o seu obxectivo en España, que é reactivar o sector cultural, deixando atrás o impacto negativo causado pola COVID-19. 
• Cumprir a maioría de idade (18 anos) no ano que se solicite a axuda. 
• Posuír a nacionalidade española ou a residencia legal en España 
A aprobación deste novo bono está prevista para as últimas semanas de febreiro e a súa implementación para xuño do ano 2022. 

Pantón pecha o entroido na Ribeira Sacra cun desfile que rematará na explanada das Bernardas

O Concello de Pantón organiza diferentes actividadespara celebrar este entroido. Comezan, como é tradicional na Ribeira Sacra cos xoves de compadres e comadres. O día 17 celebrarase o xoves de compadres e unha semana despois o de comadres.

Xa o sábado, 5 de marzo, terá lugar o Desfile de Entroido que comezará ás 16.00h. na contorna do colexio Monte Baliño para percorrer as rúas de Ferreira e rematar na explanada das Bernardas. “Este ano non rematamos na Praza do Concello con chocolatada e reunión veciñal porque a normativa non permite aglomeracións, así que faremos o percorrido máis longo e permitindo espazo entre a xente. Só temos que comportarnos con responsabilidade mantendo distancias e usando máscaras de ser necesario”, sinala o alcalde, José Luis Álvarez.
Comparsas adultos:
  • Grupos de 10 ou máis compoñentes
  • Grupos entre 5 e 9 compoñentes
  • Grupos entre 1 e 4 compoñentes

Comparsas Infantís:

  •        Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
  •        Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
  •        Grupos entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)

O xurado estará composto por un representante de cada comparsa (que non desfilará) e unha persoa allea que exercerá voto de calidade en caso de empate. Valorarase a orixinalidade, a calidade e a simpatía dos disfraces.

Tódalas comparsas que presenten carroza recibirán 50€ e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao remate do desfile e serán ingresados nas contas bancarias que corresponda. 

José Luis Álvarez: O meu obxectivo é levar auga potable a todo o municipio antes de completar o mandato.

O ano 2021 foi un dos anos de máis investimentos e obras no concello de Pantón, pero as circuntancias da pandemia non permitiron executar todos os traballos que se completarán neste 2022.

“As principais liñas de actuación centráronse en mellorar os servizos do rural, así executáronse as estradas do Pontón, Acedre, O Cotillón, Outeiro, Míllara, Ferreira, Vilar de Ortelle, Vilar de Cangas, a estrada a Ribas de Miño e melloras nas estradas de Tuiriz. Algunha destas obras aínda se completarán próximamente”, sinala o alcalde, José Luis Álvarez, que lembra que tamén se amañaron os núcleos de Acedre, San Román de Acedre, O Curro, Santa Mariña, A Capa e Souto en Pantón.

Neste ano que vén de rematar o concello fixo a traída de augas de Tribás e mellorouse o abastecemento na capitalidade municipal. Fíxose a primeira e segunda fase dos colectores en Vilamelle (neste ano executarase a terceira fase) e estase acometendo a primeira fase en Moreda. Colocáronse tamén contadores de telemedida para o control de augas. O alcalde asegura que “o meu obxectivo é seguir facendo desaugadoiros e levar auga potable a todo o municipio antes de completar o mandato.”

Desenvolveuse un importante esforzo en mellorar e poñer en valor as fontes do concello, como a fonte do Piñeiro, por onde pasa o Camiño de Inverno, a de Briallos, Acedre ou a de Moreda.

Un dos principais investimentos é o que se adica á renovación do alumeado exterior na maior parte do concello, coa implantación de sistemas led para o aforro enerxético. Case 600.000 euros adícanse a estas melloras. “En temas de alumeado fíxose tamén a segunda fase do alumeado das Bernardas e fíxose o albergue deste convento, do que tamén estase executando o paseo peatonal”, apunta José Luis Álvarez.

No 2021 mellorouse o campo de fútbol do Baliño e fíxose un campo de fútbol artificial para o adestramento. Estase acometendo a reforma do pavillón de deportes e este ano farase o acceso á piscina. Reformouse o mesón dos Castros e fíxose o novo parque infantil da feira. Habilitáronse novos parques biosaudables en Galegos, Goián, Espasantes e Turiz e fixéronse melloras incorporando novas máquinas ao resto de parques biosaudables cos que conta o municipio.

Perto de 600.000 euros destina o concello de Pantón a estas obras en convenio con outras administracións, financiando ao redor do 30% destes investimentos.

Servizos Sociais

O Concello de Pantón fai un importante esforzo en atender as necesidades da poboación, en especial da máis envellecida e da máis nova. Durante este mes poden presentar as solicitudes de pagamento de 500 € por cada nacemento no 2021. O gardaría de Pantón atende a unha vintena de nenos/as cada ano. No CEIP Plurilingüe Monte Baliño estudan case 70 alumnas/os e para o alumnado que estuda fóra habililítanse axudas ao transporte.

A media de idade dos 2.500 habitantes que ten o concello supera os 60 anos polo que este perfil de idade require unha grande atención. O centro de día do concello presta servizo a medio cento de persoas e cóntase con 25 traballadoras/es sociais, sendo “un dos concellos da contorna que máis adica a servizos sociais”, asegura o alcalde.

Cultura e Turismo

Durante o 2021 o Concello de Pantón foi escollido por numerosos visitantes; nos momentos en que as circunstancias da pandemia o permitían, enchéronse as casas de Turismo Rural que se reparten polo municipio. “Estamos moi ben situados entre Monforte e Ourense. Temos un románico moi importante, un campo de golf, un balneario, a fervenza de Augacaída, moitas rutas de sendeirismo, a viticultura, os pazos e casas grandes e todo o noso patrimonio material e inmaterial,” asegura o alcalde ao falar dos recursos do concello. “O mellor que temos é a xente e servizos e lugares para vir comer e disfrutar”, conclúe.

O concello de Pantón conta na casa da cultura cos servizos de cultura e turismo unidos para ofrecer unha mellor atención. Así a oficina de turismo abre as súas portas de luns a venres de 10:00 a 21:00 e os sábados de 10:00 a 14:00.

en_GBEnglish (UK)