Pantón acolle a primeira proba do Campionato de España de Enduro este 15 e 16 de marzo

Os días 15 e 16 de marzo o Concello de Pantón acolle a celebración da primeira proba do nacional de enduro do Campionato de España que organiza MotoClub A Peroxa coa colaboración do Concello de Pantón e outras entidades. Así este mércores pola mañá estaban presentes na presentación do acto, Javier Quintas do Motoclube A Peroxa; José Luis Álvarez, alcalde de Pantón; Cristina Domínguez, concelleira de Deportes de Pantón; o xefe do servizo provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero; e representantes do monte veciñal de Eiré e da adega Finca Míllara por onde discorren os circuítos.
Pantón acolle a primeira proba do nacional de enduro coa inscrición máis numerosa da última década, máis de 150 corredores inscritos, “dáse un incremento de participación polo número de galegos que dan o paso a meterse no Campionato de España, case 30, a primeira vez que hai tantos galegos correndo no nacional. Temos ademais unha ducia de habituais do Campionato do Mundo, dos que 3 ou 4 fan podio, polo que estarán os mellores pilotos da especialidade”, destaca Javier Quintas.
O sábado, 15 de marzo, a saída desde a Praza do Concello terá lugar ás 10.00h para facer os circuítos Monte de Eiré, Ferreiroá e Monte Baliño. O domingo a saída será ás 9:00h e nas dúas xornadas as 17:00h será a hora aproximada de entrega de premios.
Os itinerarios faranse 4 veces, é dicir, os corredores darán 4 voltas. Os circuítos están pensados para que sexan fáciles de ver, cun desprazamento de 600 metros poderán ver dúas das tres especiais no Pazo de Ferreiroá e na contorna do Colexio Monte Baliño, “É unha proba pensada para que a xente o teña fácil para seguir. Coa organización traballouse en dous especiais pegados á capitalidade, o Pazo de Ferreiroá e a contorna do colexio Monte Baliño”, explica o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, que anima á participación da xente e desexa poder seguir contando no futuro con esta celebración que atrae cada ano a Pantón a centos de visitantes.
A terceira especial terá lugar na área da comunidade de montes de Eiré, no alto de Guítara, “a mellor especial do Campionato de España, é un espectáculo”, aseguran desde a organización, “un espazo ideal para andar en moto e gozar das paisaxes de monte autóctono e dos camiños á beira do Miño”.
“Están deseñadas unhas especiais guapísimas para ver, visualizaranse con moita facilidade pola súa amplitude, desde Ferreiroá vese moito trazado. Ademais os trazados están pegados ao asfalto polo que son moi fáciles para ver e para trasladarse dun a outro. Será un espectáculo Pantón esta fin de semana”, conclúe Javier Quintas.
Contacto Javier Quintas +34 637 53 30 94
O Entroido de Pantón desafía á chuvia e desfilan máis dun milleiro de persoas
O Concello de Pantón celebrou un ano máis o seu Desfile de Comparsas e Disfraces que pecha o Entroido na Ribeira Sacra. Desafiando á chuvia desfilaron máis dun milleiro de persoas en máis dunha trintena de comparsas e disfraces individuais.
O Entroido de Budián, Entroido tradicional de Pantón que se vén recuperando desde hai anos, participou do Desfile. Ademais doutras comparsas e disfraces de Pantón, acudiron comparsas chegadas de Sober, Rodeiro, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Ourense, Sarria ou Ribas de Sil.
Ás 16:00 comezaba o Desfile, encabezado pola charanga Tambukda Lugo, que durante máis de dúas horas percorreu as rúas de Ferreira para rematar na Praza do Concello onde seguiría a música. Alí os participantes desfrutaron dun chocolate quente con biscoito e todos os nenos e nenas que desfilaron recibiron tamén o seu paquete de chuches.
O xurado estivo composto por cinco representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de 10 participantes, e unha persoa allea ás mesmas que exercerá o voto de calidade en caso de empate. Valorábase o vestiario e maquillaxe, elaboración do disfraz, a posta en escena e a música. Así os premios recaeron en:
Comparsas Adultos Grupo A (máis de 10 compoñentes)
- 3º Premio, Mundo Rabbit (150€)
- 2º Premio, Memorias do Titanic (200€)
- 1º Premio, Pide o teu desexo en Sober (300€)
Comparsas Adultos Grupo B (grupos de entre 5 e 9 compoñentes)
- 3º Premio, Carrusel (100€)
- 2º Premio, Os Gnomos do Faro (125€)
- 1º Premio, Fantasía do Entroido (150€)
Comparsas Adultos Grupo C (individual e parellas entre 1 e 4 compoñentes)
- 3º Premio, Joker y Harley Quinn (50€)
- 2º Premio, Doña Rogelia (75€)
- 1º Premio, Reciclator e o seu Dragón (100€)
Comparsas Infantís de 10 ou máis compoñentes
- 3º Premio, O Corraliño do Monte Baliño (150€)
- 2º Premio, O Rabaño da Celia (160€)
- 1º Premio, Tic Tac (180€)
Comparsas Infantís de entre 5 e 9 compoñentes
- 1º Premio, A Fórmula de Pantón (100€)
Individual e Parellas entre 1 e 4 compoñentes
- 2º Premio, Mi amigo el Zombie y yo (40€)
- 1º Premio, Paseo en Globo pola Ribeira Sacra (50€)
Todas as comparsas con carroza recibiron 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibiron 80€ non acumulables ao premio. Con todo o Concello de Pantón repartiu máis de 5.000€ en premios.
Desfile de Disfraces e Carrozas o día 8 de marzo de 2025 en Pantón para despedir o Entroido na Ribeira Sacra
Un ano máis o Concello de Pantón será o encargado de pechar o Entroido na Ribeira Sacra coa celebración do Desfile Concurso de Disfraces e Carrozas que terá lugar o sábado, 8 de marzo. O desfile sairá ás 16.00h. do colexio Monte Baliño (os participantes presentaranse ás 15.30 levando o número de identificación que se lles entrega no momento da inscrición) para percorrer as rúas de Ferreira e finalizar na Praza do Concello, onde coa chegada da última comparsa comezará unha chocolatada baile e entrega de agasallos doces para os/as nenos/as.
As inscricións pódense facer ata o día 7 de marzo ás 11:30h no Departamento de Cultura de Pantón, localizado no segundo piso de Edificio Sociocultural, de luns a venres en horario de 10:00h a 20:00h, e os sábados en horario de 10:00h a 13:00h.
Establécense os seguintes premios:
Comparsas Adultos:
- Grupos de 10 o máis compoñentes (300€, 200€ e 150€)
- Grupos entre 5 e 9 compoñentes (150€, 125€ e 100€)
- Individual e Parellas entre 1 e 4 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
Comparsas Infantís:
- Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
- Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
- Individual e Parellas entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)

O xurado estará composto por cinco representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de 10 participantes, e unha persoa allea ás mesmas que exercerá o voto de calidade en caso de empate. Premiarase o vestiario e maquillaxe, elaboración do disfraz, a posta en escea e a música, podendo, o xurado, deixar deserto algún dos premios ou conceder algún accésit se o considerase.
Todas as comparsas que presenten carroza recibirán 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao final do desfile e serán abonados en efectivo unha vez coñecidos os premiados.
As bases do Desfile Concurso poden consultarse na web do Concello de Pantón, a través do seguinte enlace. A celebración do Entroido en Pantón continúa esta semana coa celebración do Xoves de Comadres.