2026

O Concello de Pantón e Iberik Augas Santas Balneario asinan convenio de colaboración para ofrecer condicións ventaxosas nos servizos para a veciñanza do municipio

O Concello de Pantón vén de asinar un convenio de colaboración con Iberik Hoteles Augas Santas Balneario & Golf para que os veciños e veciñas do municipio se poidan beneficiar de condicións ventaxosas nos servizos ofrecidos polo balneario. O obxectivo principal deste acordo que terá unha vixencia dun ano, é promover hábitos de vida saudables e o benestar da cidadanía.

Poden acollerse ás vantaxes recollidas neste convenio todas aquelas persoas que estean debidamente empadroadas no Concello de Pantón e acrediten esta circunstancia mediante certificado de empadroamento actualizado. As condicións económicas do convenio, que son efectivas desde este 9 de febreiro son as seguintes:

  • Circuito termal adultos: 15 € (persoas adultas empadroadas no Concello de Pantón)
  • Circuito termal nenos/as: 10 € (menores de 12 anos empadroados no Concello de Pantón).
  • Técnicas termais: 20% de desconto sobre o prezo habitual para os veciños e veciñas do Concello de Pantón.

Os descontos e condicións preferentes serán aplicables de luns a venres, sempre que non coincidan en festivo. Para obter os descontos será imprescindible reservar cita e presentar certificado de empadroamento con data de expedición non superior a tres meses.

O 5 de febreiro nova cita co Teatro Interxeracional en Pantón

O Concello de Pantón desenvolve un Obradoiro de Teatro Interxeracional dentro das actividades do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O 29 de xaneiro celebrouse un encontro das persoas interesadas en formar parte desta proposta que busca traballar a igualdade desde o teatro.

Acordouse celebrar o obradoiro os primeiros e terceiros xoves de cada mes, en horario de 18:30h a 20:30h. A actividade desenvolverase en 10 sesións nas que as persoas participantes construirán unha peza curta de teatro sobre a violencia de xénero para rematar cun teatro foro, formato no que o público pode participar da obra introducindo cambios no guión.

As persoas interesadas en incorporarse aos talleres nos que coñecerán técnicas de improvisación teatral ao tempo que se aborda a violencia de xénero e estratexias para combatila, poden participar na seguinte cita que terá lugar o xoves, 5 de febreiro, na Casa da Cultura de Ferreira.

Para máis información e inscricións poden contactar cos telefonos 982456005 ext 4, 982456377  ou no correo educadorfamiliarpanton@gmail.com.

Pantón celebra o 21 de febreiro o Desfile de Entroido que abrirán os traxes tradicionais de Budián

O Concello de Pantón será o encargado, outro ano máis, de pechar o Entroido na Ribeira Sacra coa celebración do Desfile Concurso de Disfraces e Carrozas que terá lugar o sábado, 21 de febreiro. Este ano serán os traxes tradicionais do Entroido de Budián os que abran o Desfile. A veciñanza deste lugar comezou hai anos coa recuperación desta celebración do Entroido máis tradicional, “Os brancos e os farranquís do Entroido de Budián abrirán o Desfile deste ano, é un modo de visibilizar e poñer en valor a recuperación desta tradición e do esforzo das veciñas e veciños por conservala de ano en ano”, explica o alcalde, José Luis Álvarez.

O desfile do día 21 sairá ás 16.00h. do colexio Monte Baliño (os participantes presentaranse ás 15.30 levando o número de identificación que se lles entrega no momento da inscrición) para percorrer as rúas de Ferreira e finalizar na Praza do Concello, onde coa chegada da última comparsa comezará unha chocolatada baile e entrega de agasallos doces para os/as nenos/as.

As inscricións pódense facer ata o día 19 de febreiro ás 18:00h na Casa da Cultura de Pantón, debendo presentar o DNI do representante ou titular, certificado bancario da conta onde se ingresarán os cartos en caso de premio, dirección e número de teléfono.

Establécense os seguintes premios:

Comparsas Adultos:

  • Categoría A: Grupos de 10 o máis compoñentes (300€, 200€ e 150€)
  • Categoría B: Grupos entre 5 e 9 compoñentes (150€, 125€ e 100€)
  • Categoría C: Grupos de entre 1 e 4 compoñentes (100€, 75€ e 50€)

Comparsas Infantís:

  • Categoría A: Grupos de 10 ou máis compoñentes (180€, 160€ e 150€)
  • Categoría B: Grupos entre 5 e 9 compoñentes (100€, 75€ e 50€)
  • Categoría C: Grupos de entre 1 e 4 compoñentes (50€, 40€ e 20€)

xurado estará composto por cinco representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de 10 participantes, e unha persoa allea ás mesmas que exercerá o voto de calidade en caso de empate. Premiarase o vestiario e maquillaxe, elaboración do disfraz, a posta en escea e a música, podendo, o xurado, deixar deserto algún dos premios ou conceder algún accésit se o considerase.

Todas as comparsas que presenten carroza recibirán 50€ como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80€ non acumulables ao premio. Os premios daranse a coñecer ao final do desfile e serán abonados en efectivo unha vez coñecidos os premiados.

As bases do Desfile Concurso poden consultarse na sede electrónica do Concello de Pantón, a través do seguinte enlace.

Obradoiro de Teatro Interxeracional en Pantón

O Concello de Pantón organiza dentro das actividades do Pacto de Estado contra a violencia de xénero un Obradoiro de Teatro Interxeracional. A actividade presentarase o xoves, 29 de xaneiro, entre as 18:00h e as 20:00h no Auditorio da Casa da Cultura para as persoas interesadas en formar parte desta proposta que busca traballar a igualdade desde o teatro.

O obradoiro conta con 10 sesións de 2 horas nas que as persoas participantes construirán unha peza curta de teatro sobre a violencia de xénero para rematar cun teatro foro, formato no que o público pode participar da obra introducindo cambios no guión. O teatro foro é a máis coñecida das técnicas do Teatro do Oprimido, unha concepción teatral desenvolvida nos anos 60 e 70 polo dramaturgo brasileño Augusto Boal e inspirada na pedagoxía de Paulo Freire que sitúa ao educador e ao educando nun plano de igualdade.

Na xornada de presentación do día 29 de xaneiro valoraranse as preferencias das persoas interesadas para adaptar os horarios das sesións. Durante os talleres coñeceranse técnicas de improvisación teatral ao tempo que se aborda a violencia de xénero e estratexias para combatila, convertido o grupo de teatro nun espazo seguro para poder expresarse.

Con todo, o obxectivo último é establecer novas canles de diálogo coa veciñanza e crear  espazos para xogar e construír comunidade. As persoas interesadas poden inscribirse en educadorfamiliarpanton@gmail.com.

Éxito do Mercado de Nadal de Pantón que abrirá os mercados da comarca na primeira fin de semana de decembro

O Concello de Pantón celebrou os días 3 e 4 de xaneiro o I Mercado de Nadal. Unha decena de postos colocáronse na contorna da Praza do Concello e do Edificio Sociocultural ofrecendo os seus produtos, entre os que se podía atopar costura, xabóns e candeas, arxila, gancho, galletas, bolsos, xoguetes, xoias ou papelería.

O Concello de Pantón abría o Mercado a profesionais na decoración de Nadal, nas antigüidades e na actividade artesá, profesionais no mundo da alimentación, dos xoguetes ou dos complementos. Durante toda a fin de semana, en horario de mañá e de tarde moita xente fixo as compras de Reis na vila e no Mercado, aproveitando todas as actividades complementarias que se organizaban para a infancia.

O balance foi moi positivo, a xente non lle tivo medo ao frío e aproveitou para traer aos nenos/as ás actividades e para coñecer o Mercado, “Para ser o primeiro ano o balance é moi positivo, os postos participantes falaron desde o comezo de repetir porque estaba funcionando moi ben”, asegura a concelleira de Cultura, Cristina Domínguez, que xa anuncia data do II Mercado de Nadal de Pantón, a primeira fin de semana de decembro, “coincidiuse en que había que seguir e que a data idónea para os postos era comezos de decembro, así que decidimos establecer a primeira fin de semana de decembro como data fixa para esta celebración e abrir así os mercados de Nadal na comarca”.

Desde o Concello de Pantón agradécese o traballo e a participación dos postos para este Mercado e tamén a participación da veciñanza nesta iniciativa e nas actividades da programación de Nadal. A este respecto destaca o éxito do tradicional Festival de Reis que o día 5 enchía o salón de actos do Edificio Sociocultural e a segunda edición de Infantilandia que se celebraba o 2 de xaneito no Pavillón Municipal, “en Infantilandia tivemos moitísima máis xente que o ano pasado, hai tamén moi boa resposta da xente de cerca. O mesmo pasa co Festival de Reis, veñen nenas e nenos doutros concellos que aquí poden estar no colo cos Reis, pasan un pedazo, danlles lambetadas. Non é a distancia dunha cabalgata, aquí están ao quentiño, é moito máis cercano, por iso aproveitan para vir nenos e nenas con necesidades especiais, que se encontran moi a gusto no noso Festival de Reis”, explica Domínguez.

gl_ESGalego