Moi preto (100 m) está a igrexa románica de San Fiz de Cangas (S. XII), á que se chega por un camiño situado ó norte deste lugar. Se tomamos a pista que sae ó sur, encima da área recreativa, levaranos ó lugar da Arribada. Ó fondo da aldea sitúase o comezo da ruta. Un panel indícanos o camiño.
A poucos metros do comezo, baixando á dereita, está o desvío á fonte de Augas Férreas (fonte de augas ferruxinosa que en séculos pasados era moi visitada polas súas propiedades para aliviar os casos de anemia). Seguimos baixando e chegamos a un punto en que temos dúas alternativas, seguir o camiño e chegar a Pacios (Espasantes) ou cruzar unha pequena ponte e ir ó lugar da Cal (Espasantes); en calquera dos casos, logo dun pequeno tramo por estrada, volvemos tomar o camiño que de regreso lévanos ó punto de partida.
Podemos considerar a posibilidade de comezar o camiño partindo da Cal ou de Pacios e facelo en sentido contrario.
Case todo o paseo transcorre entre unha frondosa arboreda ou entre de viñas. Nalgúns tramos pódese contemplar o canón do Cabe así como terras do veciño concello de Sober.