AS AUGAS SANTAS. Entre os principais cultos da zona, destacamos o que se rende a Nosa Señora dos Ollos Grandes das Augas Santas. Na festa venerábase tanto á Virxe coma as augas dunha fonte á que se lle atribuían poderes case máxicos. O templo das Augas Santas non é o primitivo. E sabemos que antes do santuario cristián houbo outro pagán, onde se rendía culto ós ídolos (o Sol, a Lúa, as ninfas que protexían a auga...). Cando se cristianizou a comarca, substituíuse este culto polo da nova relixión. Nas proximidades das Augas Santas existe un lugar chamado “Paderne”, nome que os celtas utilizaban para designar o deus Saturno. Tamén cerca, nas faldras do castro de Toldaos, existe unha pedra cadrada que, probablemente, puido ser un ara para sacrificios. O máis característico desta romaría é cumprir co ritual de achegarse á fonte (antes pequena lagoa) con augas ás que se atribúen propiedades curativas. Din os expertos en medicina que, ó tratarse de augas sulfurosas, están especialmente indicadas para curar afeccións da pel (eccemas, erupcións) e en procesos reumáticos de tipo inflamatorio, dexenerativo e metabólico. Hoxe en día, a romaría celébrase o segundo domingo de setembro. É tradición que as familias ausentes da localidade, sobre todo os emigrantes residentes no estranxeiro, se reencontren nesta festa popular, que ten un grande poder de convocatoria.