Galicia España me-gusta1 25 a ruta pasa por riba da Míllara Transparente logo_ribeirasacra

Concello de Pantón

Castelos, Pazos e fortalezas

PAZO DE GOIÁN Tamén coñecido como “Casa Grande de Goián”. Vinculada ao Duque de Sangro e á familia Somoza. A finais do S. XIX comprouno D. Manuel Soto Freire, impresor lucense, editor de Rosalía e de Murguía, que faleceu nesta casa en 1897. Ten planta en forma de L e componse de varios corpos. Muros de cantería granítica. Ten dous patios, unha escalinata rematada nunha solaina do s. XVIII e dous escudos de armas. Capela pegada con campanario e retablo no interior. Tamén dispón de lagar. Muro de peche. É grande pola súa capacidade e polos seus servicios, bens, dependencias...Entre estas últimas destacamos as estancias chamadas “do bispo”, “dos frades”, a sala de visita, a de capela, a da Concepción...Alberga no seu interior pinturas do XIX. Aínda hoxe permanece como testemuña do poderío que tivo durante séculos a sociedade civil de Pantón.

Non é visitable.

PAZO DE REGUENGO.  Na parroquia de san Vicente de Castillón. A fábrica primitiva é do S. XV, se ben tras as reformas do S. XVIII pouco se mantén de época medieval. Si é do S. XV a capela, ao lado dunha vetusta torre. Destaca a súa ampla escalinata, a solaina e os magníficos escudos, que aportan ao conxunto unha nobreza singular. Desde a capital municipal, cóllese a estrada local en dirección a Toiriz. A seis quilómetros desviámonos á esquerda. A dous quilómetros e medio xírase á esquerda e a cento cincuenta metros está o pazo.   Non é visitable

                                                                   

 

CASTELO DE MASIDE (Ferreira de Pantón).  Propiedade privada non visitable. Construcción orixinal do século XI (segundo parece confirmar a aparición de moedas antigas durante algunha das últimas restauracións), pero sofre reformas posteriores, posto que foi abatido polo movemento irmandiño, as máis significativas no s. XIV e s. XIX. Vinculado á familia  Arias de Maside e aos Condes de Lemos. Na fachada destaca unha ventá, de estilo plateresco, enmarcada por dúas columnas estriadas exentas apoiadas nun pedestal labrado e coroada por un tímpano semicircular en forma de venera. Exemplo de arquitectura defensiva medieval cun pazo apoiado e unha torre da homenaxe cadrada e ameada, con portas de entrada e un escudo. 

 

Castelo de Maside Pazo de Goian Pazo do Reguengo

TORRE DE MARCE  (Vilar de Ortelle). Falamos dos restos dunha antiga fortaleza situada na zona sueste da aldea de Marce. Cerca desta torre, fai uns cincuenta anos levantouse outra, en recordo aos veciños emigrados, cun reloxo, que non debería confundirse coa verdadeira fortaleza.

 

A edificación que hoxe podemos ver, dun sillarejo de granito moi rústico, é o que queda da torre. Chéganos moi modificada e inserta en construccións de época máis recente. É de planta cadrada, cuns 7,5 metros de lado, cóbrese con teitume de tella a unha soa auga e alcanza unha altura duns 7 metros na súa parte máis alta. Posúe dúas plantas separadas por pavimento de madeira. A torre está hoxe en día rodeada en tres das súas caras  por construccións máis recentes.

 

Esto é o que queda da Torre de Marce; os veciños din que era un antigo castelo, dunha altura tal que polas mañás a súa sombra chegaba ata o Miño. Tamén din que foi desmantelada en varias ocasións por veciños que utilizaron as pedras dos seus muros para a construcción de vivendas. Do que non hai dúbida é da existencia dun verdadeiro castelo medieval onde agora non quedan máis que os restos desta torre.