Entre os principais cultos da zona, destacamos o que se rende a Nosa señora dos Ollos Grandes de Augas Santas. Na festa venerábase tanto á virxe como ás augas dunha fonte á que se atribuían poderes case máxicos. O templo de Augasantas non é o primitivo, e sabemos que con anterioridade ao santuario cristián houbo outro pagán, onde se rendía culto aos ídolos ( ó sol, á lúa, ás ninfas que protexían a auga...). Cando se cristianizou a comarca, substituíuse este culto polo da nova relixión. O máis característico desta romaría é cumprir co ritual de acercarse á fonte (antes pequena lagoa) a cuxas augas se atribúen propiedades curativas. Din os expertos en medicina que ó tratarse de augas sulfurosas están especialmente indicadas para curar afeccións da pel (eccemas, erupcións) e en procesos reumáticos de tipo inflamatorio, dexenerativo e metabólico. Hoxe en día, celébrase a romaría o segundo domingo de setembro.
Na parroquia de Eiré existe unha pequena capela de culto á virxe, e cerca desta ermida, mana unha fonte con unhas augas que, segundo conta a tradición popular, tamén son posuidoras de poderes curativos para todo tipo de enfermidades.