...
Ruta desde A Cruz a Pena Pombeira
Desandamos o camiño e chegamos de novo ó lugar do desvío para seguir subindo. A douscentos metros atopamos un letreiro que nos informa do camiño ó Mirador de PENA POMBEIRA (29T X:608145 Y:4699467). Situado no punto máis alto do concello (707 m), o mirador é un lugar idóneo para observar o Sil no seu esplendor, o mosteiro de Santo Estevo á esquerda do mesmo, así coma as terras de Nogueira de Ramuín, Chantada, Carballedo e Monforte de Lemos. E, máis lonxe, O Caurel, Castro Caldelas e Manzaneda.
Esta ruta percorre terras das parroquias de Frontón e Pombeiro, nas ribeiras dos ríos Sil e Cabe.
Podemos achegarnos á cabeceira do camiño partindo do centro do Castro de Ferreira, tomando o vial en dirección a Deade, Frontón e Lornís. Pasado o lugar de Seragude e antes do campo da festa de Frontón, unha estrada á dereita lévanos ó REGUEIRO. Unha pista á esquerda desvíanos ó monte onde podemos deixar o coche e comezar a camiñada.
Comezamos a ruta camiñando por unha pista de terra ata chegar a un desvío que indica A CRUZ (29T X:608009 Y:4699844). Un enclave de gran beleza polas vistas que dende alí se divisan da cunca do Sil e terras de Lugo e Ourense. Recibe o nome dunha cruz de pedra colocada no monte, en recordo dunha misión que se celebrou na primeira metade do século XX na parroquia de Pombeiro.
Vale a pena pasear por entre os penedos, restos dun glaciar e que adquiriron unhas formas caprichosas ao longo do tempo.
Retornamos ó camiño principal e aquí podemos optar por:
- Seguir dirección a estrada Ferreira–Estación Santo Estevo (29T X:608691 Y:4699234) entre unha vexetación exuberante e visitar o lugar de Frontón para logo retomar a pista dirección O RIGUEIRO e chegar o lugar de partida.
-Ou un desvío a esquerda (29T X:608206 Y:4699504) lévanos a pista dirección O RIGUEIRO e dende aquí chegamos ó comezo da ruta. Será esta máis curta pero con menos atractivos visuais.
Tendo en conta esta información a ruta pode comezarse en calquera punto e rematalo no mesmo lugar.
Actualmente o acceso está acondicionado para chegar en coche a calquera dos miradoiros.